lunes, marzo 12, 2012

De Los Soprano a Los Soplapollas

Deu no cravo totalmente Manuel Rivas cando escribiu esta fin de semana en El País que “imos de Los Soprano a Los Soplapollas”. Ademais de todo o que el comenta no seu artigo acerca do corrupto e corruptor empresario Dorribo, abonda con mirar de esguello o que está pasando polo país adiante para decatarse de que nin o santo milagreiro da miña terra, o San Pedro Fiz, ha ser quen de salvarnos da sicilianización mexicana na que nos meteron a degradación moral e política padecida no últimos anos, a insufríbel codicia empresarial e –tamén hai que dicilo– a molicie acomodaticia dunha sociedade que nin soubo nin lle petou responder a tempo ao estacazo que lle caeu enriba das costas. Nunca tanto coma agora sería preciso un Castelao que nos lembrara que mexan por nós e dicimos que chove.
Galicia, neste sentido, é un auténtico xogo de espellos que deforman a realidade ata convertila no esperpento que sería quen de sorprender ao propio Valle Inclán. Os 230 carros de luxo e os dazaseis iates ou os colmillos de elefante de Dorribo, o fato de políticos de todas as cores que entran e saen dos xulgados, o sexto posto mundial entre as grandes fortunas de Amancio Ortega, a pirámide de Guiza do Gaiás, os incendios do Courel, a morte do idioma galego envelenado polo soplapollismo que non é só coruñesista e polos herdeiros inetelectuais de Millán Astray, a economía da fariña e do hachís, por non dicir toda a economía sumerxida e mesmo a simbiótica, o feísmo desarquitecturado, a ínvasión da costa, o patrimonio usurpado polo ditador que nos tivo debaixo da súa bota cuarenta anos ou o patrimonio que non soubo gardar a Igrexa (Codice Calixtinus e altri)... De todo isto, o que é máis e o que é menos galego? Que cousa é a máis real ou a máis ficticia? Non serán todas verdade e mentira ao mesmo tempo? Se cadra son todas a mesma cousa e o único que non somos, nin estamos nin se nos agarda para nada somos os que sentimos a autentica náusea sartriana polo que está a acontecer no país para o que Cunqueiro agoirou mil primaveras e o destino lle está a deparar mil invernos sen chuvia. En fin, a invención de pesadelos, o ollo Panóptico que nos lembrou Rivas.