domingo, agosto 05, 2012

A saga dos Núñez


Empezou sendo un rum rum e vai camiño de converterse no tsunami político deste verán que pode poñer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no furacán da polémica. Xa non é só a familia ourensá dos Baltar a que lles busca acomodo laboral, comercial e político aos seus membros e amigos. Os Kennedy de Os Peares están tirando polo mesmo camiño. Micaela Núñez Feijóo, única irmá do inquilino do Monte Pío, encárgase dos negocios, como apoderada de varias empresas do Grupo Eulen.

Está empezando a inchar o pánico entre as pequenas empresas galegas que viñeron traballando para a Xunta de Galicia dende que autonomía é unha realidade. Pouco a pouco e ás veces non tan amodo, vense marxinadas polo bulldozer contratista de Eulen, un grupo empresarial con presenza en 10 países. Chegou a estar tamén en Arxentina, Uruguay e Nicaragua, pero rematou perdendo neles os seus negocios.
Na actualidade, o Grupo Eulen –que cumpriu 50 anos a comenzos deste ano– presume de ter máis de 82.000 persoas nos seus cadros de persoal. A súa orixe remóntase á empresa Central de Limpiezas El Sol, fundada en Bilbao, no ano 1962, polo leonés David Álvarez Diez, que desempeña actualmente o cargo de presidente fundador do Grupo Eulen.
Micaela Núñez Feijóo acudindo a votar co seu irmán.
El Sol xa tiña delegacións nas máis importantes cidades españolas no ano 1970, e catro anos máis tarde iniciou a súa primeira expansión creando a empresa de seguridade Prosesa, actual Eulen Seguirdad, hoxe a máis antiga do sector. Pouco despois creou Demasa, dedicada á fabricación, importación e distribución de maquinaria e produtos químicos relcionados coa limpeza. En plena transición da ditadura franquista á democracia, iniciou a súa diversificación cara a sectores de maior contido técnico e de valor engadido creando empresas dedicadas ao mantemento de instalacións, medio ambiente, control enerxético, restauración de fachadas e monumentos, obras, etc.
En 1986, creou Safusa, dedicada ao desenvolvemento de servizos sociosanitarios, control de almacéns, portería e celaduría de fincas, xestión de servizos municipais, etc. Cando celebrou o seu 25 aniversario, en 1987, o grupo de David Álvarez xa estaba composto por 72 compañías e tiña unha facturación de 25.000 millóns de pesetas. A partir de 1992, promoveu a concentración das súas actividades fusionándoas coa súa sociedade cabeceira, Eulen S.A., e agrupándoas en catro sociedades:
Eulen, S.A. (limpeza, mantemento, medio ambiente, servizos auxiliares e servizos sociosanitarios).
Prosesa (seguridade privada).
Demasa (maquinaria e produtos de limpeza).
Instituto Eulen de Formación (formación de traballadores).
En 1994, Eulen iniciou o seu negocio de traballo temporal creando a empresa Flexiplán, S.A.-ETT, e tres anos despois –en 1997– a súa expansión internacional. Chegou a estar presente en trece países, pero rematou saíndo de Arxentina, Uruguay e Nicaragua. Na actualidade fai negocios en España, Portugal, Estados Unidos, Chile, Colombia, Costa Rica, México, Panamá, Perú e República Dominicana. O último país no que entrou é Estados Unidos, comprando no 2008 American Sales and Management Organization LLC (ASMO), unha empresa especializada en servizos aeroportuarios (acompañamento de pasaxeiros, limpeza de avións e instalacións, transporte de equipaxes, mantemento e seguridade) que ten a súa sede en Florida e actúa en trece aeroportos norteamericanos.
No 2010, cando o grupo xa tiña vendas por valor de 227 millóns de euros, o seu fundador, David Álvarez Díez, foi defenestrado por cinco dos seus sete fillos: Emilio, Pablo, Juan Carlos, Marta e Elvira. Só permaneceron con el María José e Jesús David Álvarez Mezaquiriz. Daquela a familia xa controlaba tamén as famosas Bodegas Vega Sicilia, a gandeiría Neal, a empresa de producción de carne selecta Valle del Esla e a produtora de mel El Quexigal, a través da súa sociedade patrimonial paralela El Eenebro, S.A.
O conflito familiar estalou ao casarse, en terceiras nupcias, David Álvarez Díez coa súa secretaria, 28 anos máis nova ca el (82 e 54 anos, respectivamente). Ao patrón de Eulen parece que lle gustan as súas secretarias, pois ao quedar viúvo da primeira esposa tamén casou ca secretaria que tiña daquela, que volveu a deixalo viúvo. En plena guerra cos seus cinco fillos rebeldes, chegou a acusalos de “soberbia e ambición”. Finalmente, o xuíz deulle a razón ao pai, que hoxe figura como presidente fundador do Grupo Eulen cando xa ten 84 anos. David Álvarez Díez sempre foi un empresario moi da corda de José María Aznar e do banqueiro Ybarra (Banco de Bilbao).
Negocios en Galicia
Eulen leva moitos anos facendo negocios de limpeza, medio ambiente e control de diversas actividades en Galicia. Instalou sistemas correctores de contaminación en varias fábricas de Cee, Pontevedra e outros lugares e encargouse da limpeza e mantemento de instalacións públicas e privadas. No ano 2008, gobernando en colación os socialistas e os nacionalistas galegos, firmou coa Xunta de Galicia un contrato por valor de 573.000 euros, que foi logo prorrogado ata xullo deste ano, para facerse cargo do servizo de atención ao cliente. Daquela xa era apoderada de varias empresas do grupo a irmá do actual presidente da Xunta, Micaela Núñez Feijóo, que na actualidade é apoderada solidaria de Eulen Servicios Sociosanitarios, S.A. (dende o 2004), apoderada solidaria de Eulen Seguridad, S.A. (dende o 2003) e apoderada de Flexiplan S.A. Empresa de Traballo Temporal (dende o 2003) e de Eulen, S.A. (dende o 2003).
Os irmáns Núñez abrazándose o día que gañou as eleccións
o agora presidente da Xunta.
Tres anos antes, o 19 de xullo do 2005, cando Alberto Núñez Feijóo era conselleiro en funcións de Política Territorial do goberno de Fraga Iribarne, o daquela director do Instituto Galego da Vivenda, Xosé Antono Redondo, dependente da Consellería de Núñez, asinou con Eulen un contrato por case 370.000 euros, para divulgar as axudas oficiais en materia de vivenda. O Partido Popular perdera a maioría absoluta un mes antes e faltaba pouco para que se producise o cambio de goberno na Xunta.
Co PP de volta no goberno e con Alberto Núñez Feijóo na súa presidencia, os negocios de Eulen en Galicia parecen ir co vento de popa. Unha tras da outra, estanlle caendo adxudicacións a dedo para provisionar todo tipo de servizos: dende atencións telefónicas, xestión dos intereses dos afectados polas preferentes ou xestión de concellos ata á provisión de modelos naturais –persoas– á Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Dentro da gallopante privatización que anda a facer o Partido Popular da xestión dos servizos públicos, resulta salientábel, por exemplo, o contrato asinado recentemente polo Concello de Ferrol para que Eulen xestione e manteña o Teatro Jofre, o Centro Cultural Torrente Ballester, o novo Auditorio de Ferrol e todos os espazos culturais deste concello rexido polo PP, por un importe superior a 1,9 millóns de euros. Igualmente o contrato que lle concedeu o alcalde popular de A Coruña, Carlos Negreira, para xestionar o Teatro Colón, ou a concesión feita pola Consellería de Educación e Cultura para xestionar o almacén de libros que ten a Xunta de Galicia no polígono compostelá do Tambre. Haberá que volver a escribir proximamente sobre esta desatinada privatización que está levando a cabo Núñez Feijóo coa cultura de Galicia sen que a intelligentsia autóctona diga nin pío (algúns porque tamén comen do pesebre).
A bola de neve empezou a correr costa abaixo contra os irmáns Núñez Feijóo. Falta por saber se os vai arroullar.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Teño entendido que o Teatro Colón depende da Diputación (o que, a fin de contas non cambia moito o asunto, xa que tamén depende do PP e quen manda alí e Negreira, o íntimo de Feijoo). Estaría ben abrir un "censo" das adxudicacións a EULEN dos distintos aparatos administrativos gobernados polo PP en Galicia, porque sei que tamén teñen adxudicacións na asistencia social de noutros sectores (os Eulen/Feijoo danlle a todo).

Anónimo dijo...

A Consellería de Traballo adxudicoulle en xaneiro a Xestión da Rede Espazos Xoves, por un importe de 201.500 euriños!!!

Anónimo dijo...

¡¡Apunta nene!!:

(esquecíame disto)

Augas de Galicia adxudicoulle no 2010 dous contratos para o mantemento de bacías (zonas norte e sur), por importe total de 829.599 €.

SUMA E SEGUE...

oudeou oudeou dijo...

Decepcionante. O propio autor recolecte que os maiores contratos, sempre en concurso publico, foron no bipartito. De seguro, Eulen factura menos en Galicia e desde que goberna o PP precisamente por iso. Insto nos e Valencia ONU Catalunya, afortunadamente, e termos un presidente destorcí vernos mío ben. Ara en temas como este. Outlook causa e que faltar seca gratis e que no verán e contra o presente niña hada novas. No Newsweek, good Newsweek, decepcionante Perfecto, os silencios son mocitas veces Sinaloa e intelixencia. E viceversa.

Anónimo dijo...

Alguén pode traducirme o que dí "oudeou oudeou?

Anónimo dijo...

Creo que di o seguinte: Son do PP e fódeme moito que lle saquen a roupa sucia a Feijóo e á súa irmá, e, se fai falta, mando os de Sinaloa a que lle dean un escarmento a Perfecto. Aínda non apareceu no Newsweek, o gran Newsweek, pero aparecerá. E viceversa.
Mira que os hai pallasos!