sábado, marzo 02, 2013

Unha muller dirixirá Le Monde

Natalie Nougayrède

Por primeira vez na súa historia, o prestixioso xornal francés Le Monde vai ter como máxima responsábel da súa Redacción unha muller, Natalie Nougayrède. Os accionistas principais da empresa editora, Pierre Bergé, Xavier Niel e Matthieu Pigasse, escollérona a ela entre os catro candidatos a suceder a Erik Izraelewicz, repentinamente falecido o 27 de novembro do 2012, e o 1 de marzo esta escolla foi ratificada pola Sociedade de Redactores de Le Monde co 79,98 por cento dos votos. Aínda que o seu nomeamento definitivo ten que facerse efectivo o 6 de  marzo por parte do Consello de Vixianza do xornal, pode darse por seguro que esta muller vai dirixir o xornalismo de Le Monde durante os próximos seis anos.
En primeiro lugar, cómpre salientar a chegada por primeira vez dunha muller á cabeceira do xornal francés de referencia. Houbo que agardar case 70 anos e ver pasar oito directores anteriores para que pasase isto. Le Monde foi fundado por Hubert Beuve-Méry, a petición do xeneral De Gaulle, no ano 1944, coincidindo coa liberación de Francia da ocupación nazi. Aquel periódico que naceu aparecendo cunha soa folla, chegou a ser en pouco tempo un dos máis influíntes do mundo, e aínda o é hoxe. Concretamente, a súa influenza chegou a ser extraordinaria na España do franquismo e da transición democrática. Os que levamos moitos anos no oficio do xornalismo nunca esquenceremos, por exemplo, a figura dun dos mellores e máis veteranos corresponsais que tivo en España, José Antonio Novais, falecido o 25 de marzo de 1993 en El Puerto de Santa María (Cádiz).
Novais era fillo dun xornalista que foi xefe de prensa do presidente republicano Manuel Azaña e máis tarde xefe de Prensa e Radio da Segunda República. Foi, de lonxe, o correspondente estranxeiro que mellor coñeceu España e que mellor informou dela. Nos tempos difíciles do franquismo os xornalistas que non podiamos publicar algunhas cousas nos medios para os que traballabamos nesa longa noite de pedra, sempre recorriamos a estrataxema de mandarlle esa información a Novais. El publicábaa en Le Monde, e ao día seguinte nós faciamos un refrito que empezaba sempre coa mesma entrada: “Según publicó ayer Le Monde...”. Grazas a isto, saíron á luz en España moitas informacións que directamente non llas podiamos colar á censura oficial. Por todo isto e por outras moitas razóns, Le Monde convertiuse no xornal europeo que máis influía en España, e ben o sabía, por exemplo, Manuel Fraga Iribarne cando era ministro de Información de Franco, que lle chegou a retirar algunha vez a Novais a licenza de exercer a súa profesión.
Por outra parte, Novais publicou varios libros (un sobre o asasinato do comunista Julián Grimau e outro sobre o do xeneral portugués Humberto Delgado) que foron fundamentais naqueles tempos. Tamén foi correspondente do xornal braileño O Estado de Sao Paulo, do portugués Diario de Noticias, da Radio Belga e de Radio Luxemburgo. Neste aspecto, Novais foi fundamental no mundo nformativo español de varias décadas, algo que tamén lle pasou ao alemán Walter Haubrich que empezou sendo lector de alemán na Universidade de Santiago, na década de 1960, e rematou sendo un dos mellores correspondentes que tivo o xornal Frankfurter Algemeine Zeitung en tódolos tempos.
A nova de que agora dirixa este importante xornal francés unha muller é moito máis ca unha anécdota profesional. Tamén é a primeira vez que un xornalista de base deste periódico chega á súa dirección. Natalie Nougayrède, de formación anglófila, empezou traballando noutro xornal francés que tamén é de referencia, Libération, e exerceu igualmente a profesión en RF1 e na BBC. Está en Le Monde dende 1996. Foi correspondente en Ucrania, en Rusia e noutros países. Antes de ser elexida para dirixir Le Monde, anunciou que levaría a Vincent Giret, director delegado da Redacción de Libération e antigo director da Redacción de France 1, como segundo responsábel do seu equipo. Falta por ver agora se logra quitarlle esa importante peza á competencia, tema que non vai resultar nada banal para o actual establishment da Prensa francesa.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Gustoume.

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.