miércoles, diciembre 30, 2009

Tres eran tres

Xa está! O goberno de Núñez Feijóo destapou a súa posición non a respecto dun só idioma senón de tres: galego, castelán e inglés. Tres eran tres las hijas de Elena, eran tres pero ninguna era buena. Agora falta saber como van responder a oposición e a opinión pública. O que vai dicir a opinión publicada é doado prevela.
Nunca houbo un goberno que se preocupase tanto pola opinión dos pais dos alumnos, que agora van ter que decidir por tercios en que idioma han ser escolarizados os seus fillos. A dereita galega acaba de introducir no ensino unha especie de asamblearismo paternal correxido que non ten nada de libertario e moito de preocupante desconcerto que, de ser definitvamente posto en marcha, pode acabar convertendo as aulas galegas nalgunha torre de babel con percorrido incógnito.
Partindo da realidade lingüística da que se arrinca, dedicar a partes iguais os medios orzamentarios e docentes a ensinar en galego, castelán e inglés pode parecerse máis á chegada dos romanos co seu latín que a unha solución acorde co que aínda somos e non sei se seremos dentro de medio século se a arremetida gobernamental contra o galego, botada a andar polo político dos Peares, remata impoñéndose. Alea iacta est.

Xuíces que constrúen ilegalmente

Unha piscina de 12 metros, un campo de fútbol, dúas casetas prefabricadas e chantadas sobre solo de formigón e equipadas con aseos, mesa de ping-pong, mesa de comedor, neveira e televisión (ver El País). E todo isto construído ilegalmente no concello coruñés de Paderne nada menos que polo xuíz decano de A Coruña, Antonio Fraga Mandián, e polo seu irmán Xavier, titular do Xulgado do Social número 4 da cidade da torre patrimonio da humanidade.
Segundo determinou a Axencia de Protección da Lagalidade Urbanística da Xunta de Galicia, mediante un expediente que foi resolvido o 18 de decembro, deben ser demolidas todas as infraestrturas construídas nesa finca, que é propiedade da nai dos dous xuíces que mandaron facer as obras, María Isabel Mandián Maceiras, sen permiso urbanístico da Xunta e sen licencia municipal.
A superficie afectada está no lugar de Tarreos, sometida á clasificación de chan non urbanizábel, debido a que se trata dunha finca rústica de especial protección das augas e declarada, ademais, como “sistema xeral de espacio libre de titularidade pública”. Por non respectar, a construcción non residencial dos Mandián nin respectou a obrigación de dispor de 5.000 metros cadrados de superficie, xa que a finca són ten 1.799. Trátase, polo tanto, de obras non legalizábeis que comprenderon a instalación dunha piscina, un pozo de auga artesán, unha fosa séptica e tres casetas prebaricadas de madeira e formigón. Os responsábeis da obra xa foran expedientados antes por levar a cabo traballos sen autorización e por desviaren o cauce do regato das Fragas.
En Sicilia as obras ilegais acométenas, sobre todo, os emerxentes da mafia. Aquí, polo que se ve, ademais dos emerxentes de calquera clase, tamén as fan algúns xuíces. Non parece precisamente un bo exemplo. Que farán estes dous representantes da Xustiza española cando lles toque resolver casos de ilegalidade urbanística? Botarán man da súa “xurisprudencia” familiar?