miércoles, diciembre 30, 2009

Tres eran tres

Xa está! O goberno de Núñez Feijóo destapou a súa posición non a respecto dun só idioma senón de tres: galego, castelán e inglés. Tres eran tres las hijas de Elena, eran tres pero ninguna era buena. Agora falta saber como van responder a oposición e a opinión pública. O que vai dicir a opinión publicada é doado prevela.
Nunca houbo un goberno que se preocupase tanto pola opinión dos pais dos alumnos, que agora van ter que decidir por tercios en que idioma han ser escolarizados os seus fillos. A dereita galega acaba de introducir no ensino unha especie de asamblearismo paternal correxido que non ten nada de libertario e moito de preocupante desconcerto que, de ser definitvamente posto en marcha, pode acabar convertendo as aulas galegas nalgunha torre de babel con percorrido incógnito.
Partindo da realidade lingüística da que se arrinca, dedicar a partes iguais os medios orzamentarios e docentes a ensinar en galego, castelán e inglés pode parecerse máis á chegada dos romanos co seu latín que a unha solución acorde co que aínda somos e non sei se seremos dentro de medio século se a arremetida gobernamental contra o galego, botada a andar polo político dos Peares, remata impoñéndose. Alea iacta est.

10 comentarios:

Carqueixa dijo...

Home, ao mellor pode pasar como no chiste que lle escoitei, hai ben anos, un día vendo “Os Tamara”, o máis grande dos cantantes galegos: o gran Pucho Boedo.
Dicía, que cando estaba nunha xira por Londres e como queira que levaba unha morea de tempo comendo “caralladas”, agoiraba por un bo xantar, cando paseando por unha rúa da cidade inglesa viu un bar que se chamaba “A nosa terra”, e que tiña na súa carta lacón con grelos. Leites, dixo, este é o meu; por fin vou comer como Deus manda.
Entrou, e para súa sorpresa contemplou como detrás da barra estaba un chino e o preguntar se había lacón con grelos o chinés respondeulle afirmativamente e falando en galego. O Pucho dicía que non saía do seu asombro: un chino traballando nun bar galego en Londres e falando galego.
Cando aínda non saíra da súa sorpresa, e xa empezaba a maquinar como era posible iso, chegou o dono, que resultou ser de Carballo, e ao indicarlle o do empregado chinés que falaba o galego, este sacouno do seu asombro :
- Verás, isto é como é, e hai que buscarse a vida. O chino veu aquí a estudar inglés e eu ofrecinme a aprenderllo a cambio de que me traballara no bar pola comida e a durmida, e que queres que che diga, como eu non o sei, aprendinlle o galego e el cre que está a aprender inglés.
Vese que o Señor Nuñez Feijóo, descoñecía este método, se non seguro que tamén o metía na ensino como unha cuarta opción.

Caralladas dijo...

Por qué non? Aceptemos o decreto galegófobo do ensino!! O galego sairá gañando:

nosquedaportugal.blogspot.com/2009/12/decreto-do-galego-no-ensino.html

Velai vos vai a miña proposta, estratexia a seguir polo galeguismo. Xa diredes que vos parece.

Anónimo dijo...

Paréceme unha ideia estupenda. O portugués é unha língua que tén cada vez máis prestixio internacional,tén mais de 220 millóns de falantes. Fálase no Brasil, país que xa se considera líder de iberoamérica, que ten as maiores reservas de auga do mundo, tamén petróleo e gas, coa máis grande biodiversidade do planeta, sen conflictos étnicos, raciais ou lingúísticos, está no BRIC (grupo de paises con economías emerxente), no G 20, é unha democracia plenamente consolidade, Sen noticias da crise económica, destino de inversores galegos, co mellor futebol do mundo,
con garotada de bandeira, felicidade a caneiros cheos, música fascinante, presidente metalúrxico, capoeira imbatible. en fin, O FUTURO.
Eu propoño:
Castellano 30%
Galego 30%
Portugués 30%
...e todos tan contentos. Nen Feijoominte sería capaz de non amosarse entusiasmado!

reis dijo...

caro amigo . acetaria ainda que se quitara galego e se dera português nas aulas nas horas de galego. Desa maneira aprenderiamos uma lingua mais, forneceriamos a nossa e a xente o vêr que aprendia uma lingua que se fala no mundo seguro que o via melhor. Olvidemos que o português so é pos que querem a independência. Eu nom estudei galego e pareceume interesarme estudar português que me serve para defenderme no galego

Tucho de Canido dijo...

Xa que non lle agrada nin ós da banda de Laíño nin ós da banda de Lestrove, nin tampouco a tirios nin a troianos... se cadra é porque non vai tan mal encarreirada!

Tucho de Canido

Anónimo dijo...

Tucho, non todo o que disgusta a todos é bo. Non paga a pena poñer exemplos. Trátase dunha frase feita que non resiste un segundo de pensamento, nin sequera de quen a utiliza.

Luisfoz dijo...

Mr. Bean nunca deixará de nos surpreender e agora o Anxo Lobezno nem sequer deu a cara para defender o seu decreto. Por certo "decreto" e um cultismo, palavra patrimonial da mesma raiz é "degredo" que quer dizer "desterro"; tratará-se de desterrar a nossa língua da Galiza?

Anónimo dijo...

Son outro anónimo, que non se atreve a expoñerse ás iras da opinión publicada e publicable. Aos opinión pública vainos parecer maiormente ben.

Xaime dijo...

Tódolos gobernos saídos da vontade popular poden lexislar, se así o queren, sobre calquera eido que cadre transferido.
Tódolos gobernos cada catro anos se poden cambiar polas furnas.
O decreto que se nos acaba de dar a coñecer, pódese modificar en canto haxa capacidade lexislativa para facelo, para o cal se precisa maioría no Parlamento.
Pódemonos poñer cos pés para arriba ou suicidarnos pero o Goberno Feijoó fixo o que xa prometera no seu programa. Non sei que lle queren nin sei que lle piden.

Anónimo dijo...

Ten razón o Xaime.
Os nosos nacionalistas inventaron un País que non concorda coa realidade, así lles vai, mais este goberno do PP non é que faga as cousas ben, é que, neste eido, fainas rematadamente mal.

Outro asunto é o das Caixas: aí o PP faino ben... porque vai na compaña do BNG.

Quén acredita en tan dispares procederes?
Porqué o PP ten como aliado ao BNG, que é como dicer a UPG?
Propoño un nome para a futura caixa:
Caixa Única do Pobo Galego (CUPG)