domingo, diciembre 30, 2007
Xaime Quesada e Xosé Cuíña, unidos pola morte
Aínda non caera a derradeira pada de terra sobre o corpo sen vida de Xosé Cuíña, cando nos chegou a mala nova de que outro galego egrexio, o pintor ourensán Xaime Quesada, ou Quessada, tamén se foi deste mundo. Sobre o político de Lalín, que sempre me inspirou unha total ausencia de empatía co seu credo que non impedíu que se desenvolvera entre nós unha boa e sincera relación persoal, só vou dicir que me sumo á dor que causou o seu falecemento entre familiares e amigos, aos que presento dende aquí a miña condolencia ben sentida. Os que queiran afondar na personalidade do que puido ser sucesor de Manuel Fraga, recoméndolles ler un artigo que aparece hoxe en La Voz de Galicia e que se pode ver premendo sobre o seu título: Cinco años melancólicos.
O caso de Xaime Quesada, ou Quessada, eme moito maís propio. Coñecíno en Madrid en anos difíciles do franquismo, a finais dos sesenta, cando el xa era un artista que levaba andados moitos pasos da súa consagración e eu só comenzaba a ser un aprendiz de xornalista, algo que aínda sigo sendo e a moita honra. Viámonos decote polas galerías de arte, polas tardes, e polos cafés e discotecas do que xa era “movida” pero aínda non se chamaba así (Gijón, Santa Bárbara, El Comercial, Bocaccio…), polas noites.
Quero dicir que tratei a Xaime e seguín a súa vida persoal e artística durante varias décadas. Tivemos moitas broncas persoais nas que abondaron os berros e ata algún aceno de violencia. Contribuímos entre os dous a dar conta de varias cosechas de riojas, riberas del duero –daquela os viños galegos aínda non merecían a pena–, escoceses e bourbons. Navegamos xuntos confundindo, algunha vez, as luces de butano dos camaroneiros do sur de Portugal con faros que non figuraban nas cartas mariñas. Compartimos militancia política naquel comunismo español que tanto axudou a que o franquismo fose sucedido pola democracia e que non sempre foi comprendida a súa contribución.
En fin, que sei ben quen era Xaime Quesada. Unha boísima persoa, de entrada, e o máis grande artista vivo que tivemos en Galicia durante moitos anos. Dende a morte daqueles monstros artísticos que eran Luís Seoane, Manuel Colmeiro e Laxeiro, Xaime foi o noso Picasso particular O noso enorme e mellor artista que non só pintaba soberbiamente senón que tamén escribía, facía política e vivía como un auténtico renacentista moderno. A el, ao escultor Acisclo –que inmensa tristura deben ter el e a viúva de Xaime!–e a algún máis púxolles Vicente Risco o alcume de Os Artistiñas cando frecuentaban o xa desaparecido café Volter de Ourense. O “artistiña” Xaime Quesada foise co seu único fillo, artista como o pai, que finou hai un ano, pero ficará para sempre na nosa memoria.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
3 comentarios:
Hónralle, Sr. Perfecto, a súa semblanza de Quessada por honesta, real e cariñosa e por rescatar a condición de bonhomía que o caracterizaba, por riba incluso da súa xenialidade como artista. En canto á de Cuiña, dóeme que malia deixar claro a súa pouca empatía con el no eido político fale con nostalxia da súa boa relación persoal. ¿Esquece vostede que esa era unha técnica que tan bos resultados lle deu?. Tratar ben aos xornalistas? Invitalos a comer no vello muíño familiar convertido en lugar de íntima relación. Alí tamén comeu e foi agasallado Aznar, por exemplo. Non sei vostede, pero poucos xornalistas, empresarios e, sobre todo, caciques de máis ruín calaña falan da súa proverbial campechanaría que o foron o que lle mantiveron acesa a súa ilimitada ambición de querer reinar.Galicia nunca lle
pagará a débeda ao PP aznariano por frustar tal pretensión.
¿E logo que tiña que facer Cuíña cos xornalistas? ¿Tratalos mal? ¿E o señor Conde debería responder ao trato afable de Cuíña largándolle unha patada no baixo ventre? O señor anónimo que asina o anterior post debería decatarse de que entre xente adulta o cortés non quita o valente. E se non entende iso, só me queda mostrarlle tamén a el as miñas condolencias.
Polo demais, ao señor Perfecto saíulle moi ben esta lembranza-homenaxe a Xaime Quessada. Moi bonita, si señor.
Bos días e Feliz Ano a todos.
Moi fermosas, coma sempre, as súas palabras, Don Perfeuto...!
Almiral Mouchez
Publicar un comentario