viernes, agosto 22, 2008
Gran Árbore
Estes días non teño o corpo nin o espírito para nada. Tiña pensado reanudar o contacto cos lectores de Croques ao rematar o periplo de navegación a vela que empredín, con tres amigos, en Oropos, ao norte de Atenas, e que rematou o domingo pasado en Vilanova i la Geltrù (Cataluña), pero acontecementos de última hora deixáronme abouxado.
O mércores volei con Vueling de Barcelona a Santiago e, poucas horas despois de aterrar en Lavacolla, souben do dramático accidente aéreo ocorrido en Barajas. Dificilmente pode un sobreporse a tanta desgraza. Xa na miña casa do Instrumento, atopei moribundo a Oki, un dos meus cans, que finou só sete horas despois do meu regreso. Era un fox-terrier de carácter absolutamente irrepetíbel que vivíu catorce anos, os dous últimos padecendo un Síndrome de Cushing que lle souberon tratar admirabelmente as veterinarias da clínica Mundo Vivo de Bertamiráns. Chamábase Oki, que en xaponés quere dicir Gran Árbore, segundo me contou Take Asaka, un profesor da Universidade de Tokio que todos os anos nos fai unha visita no Instrumento.
Hai dous anos, xa me morrera Lucas, un pastor alemán igualmente irrepetíbel, que tamén finou por culpa dun cancro cando tiña doce anos. Agora Oki e Lucas están enterrados ao pé do hórreo e a primeira cousa que fago, cando me ergo, é falarlles como se aínda estivesen vivos. Menos mal que me queda Mara, unha cadela Bulldog Americana, que é como ter unha persoa máis na casa. Oxalá que viva moito tempo. Con Forito e Bianca, os meus gatos, por non nombrar outros gatos que, sen ser propiamente meus, compórtanse como se tamén fosen da familia: Branquiña, Grisiña, as Negriñas, Cincento, Peludiño, etc.
Prégolles, logo, aos lectores de Croques que saiban desculpar a miña ausencia. Tiña pensando contarlles algunhas das moitas aventuras que vivín este verán polos distintos mares que conforman o Mediterráneo e quizais aínda remate por facelo, pero o que é por agora non me atopo aínda para crónicas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
Don Perfeuto, non debe ser vostede mala xente cando se entende tan ben cos animáis. Moito animo, es prepare o seu corpo para tratar cos presuntos racionais, que e tarefa moito maís tramposa.
Laméntoo, Don Perfeuto...
Aínda non hai moito que temos falado vostede e máis eu, non sei se o recordará, do canciño...
Anime-se, amigo. Mergulle na realidade galega e escreba sobre o Plano Eólico da Xunta.
Querido Perfecto: despois de sentir envexa polo teu periplo mediterráneo, comparto a túa dor pola morte dun ser querido. Unha forte aperta. Gaciño.
Querido Perfecto: despois de ter seguido con envexa o teu periplo mediterráneo, comparto agorta a túa dor pola morte dun ser querido. Unha forte aperta. Gaciño.
Publicar un comentario