jueves, agosto 28, 2008

Touriño soubo estar no seu sitio

Contra case todo ponóstico, Emilio Pérez Touriño soubo e puido cumprir a súa palabra, e non haberá eleccións anticipadas. Finalmente sacou peito para dicir que “o presidente cumpre e responde aos compromisos adquiridos”. Teñen, logo, que envainala todos os agoreiros –da política e do xornalismo– que colocaban o presidente da Xunta nos pés dos cabalos do todopoderoso Pepiño Blanco supoñendo que o líder socialista galego remataría facendo o que lle estaban suxerindo dende a sede madrileña do PSOE. Esta vez Touriño impuxo o seu criterio e mostrouse como un gobernante do que cabe saudar a súa imprecindíbel hexemonía galega.
Insisto en que non quero desapercibir este xesto cumpridor que acaba de brindar. Non almorzamos todos os días con políticos que cumpren o que din e o que prometen, e esta vez o presidente galego estivo á altura dos que non acostuman falar barato. Sen dúbida eran moitas as sereas que lle estiveron ultimamente cantando á orella as conveniencias de adiantar unhas eleccións que cada vez está mais claro que non van ser doadas para ningunha das tres forzas políticas que teñen posibilidades de gobernar Galicia. O hábil Rasputín no que se converteu Xosé Blanco coa chegada de Zapatero ao estrellato político español seguramente tiña abondantes e ata serios argumentos para abonar unha decisión contraria a que acaba de tomar Touriño, pero a min dame máis confianza a seguridade e a honorabilidade ás que rematou adscribíndose o presidente galego. Dende hoxe, meréceme máis respecto pola sencilla razón de que un gobernante que se preze debe acreditar máis no interese xeral e na necesidade de cumprir a folla de ruta estrabrecida que nos intereses partidarios, por moi lícitos e dignos que podan ser.
A Touriño quizais lle faltaba a oportunidade de dar un golpe de timón, e acaba de aproveitala cumpridamente. Coido que debemos filcitalo e felicitármonos todos polo seu xesto. E agora que goberne como é debido. Xa chegarán as eleccións cando teñan que chegar.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Querido Conde:
O que vostede fai neste artigo e poñer os acentos onde hai que poñelos. Grazas pola súa valentía en dicri o que pensa cada vez que escribe. Oxalá que hpubera comentarstas coma vostede na prensa estrabrecida deste país. A vpstede nunca lle ofreceron escribir na Voz de Galicia?P Pois deberían facelo. Méritos sóbranlle para esta a carón de Barreiro ou de Blanco. Porque imaxino que non será vostede o que se negue a poñer a firma no xornal de Santiago Rey.
Non se preocupe, porén. Sempre lle quedaremos dúas ducias de seguidores que leremos as súa impertinencias no Croques. Sega así. Vai ben.

Anónimo dijo...

Plenamente de acordo con vostede, don Perfeuto.

Anónimo dijo...

Emilio Pérez Touriño

Esgotarei a lexislatura, non haberá adianto electoral.

En xuño do ano 2005, a maioría dos galegos decidiu dar un paso adiante e abriu as portas do cambio político na nosa terra.

Encomendáronme daquela presidir un Goberno de progreso, introducir en Galicia unha nova maneira de gobernar e desenvolver, durante catro anos, un proxecto de avance e modernización do noso país.

Asumín o compromiso con ilusión, con dedicación plena, sen regatear sacrificios. Empeñei a miña palabra en convertirme no presidente de todas as galegas e de todos os galegos, calquera que fose o seu voto e as súas circunstancias persoais.

Administrei a confianza que depositaron en min co único propósito de servir a Galicia, de antepoñer os intereses de país a calquera consideración de tipo partidario. Galicia, e só Galicia, como norte da miña acción de Goberno.

Aquel contrato que asinei cos homes e mulleres do meu país segue en plena vixencia. A súa primeira fase expira no ano 2009. Non antes. Non hai emerxencias, debilidades nin circunstancias de inestabilidade que aconsellen a súa revisión. Prometín un Goberno estable, e Galicia ten un Goberno estable. Prometín o cambio, e o cambio está en marcha.

A maioría parlamentaria que naceu das urnas, e que fixo posible aprobar leis de especial relevancia, mantense sen fisuras no seu respaldo ao Goberno.

O Presidente cumpre e responde dos compromisos adquiridos. O Goberno, o máis estable da nosa historia democrática, traballa no desenvolvemento do programa que mereceu a confianza da cidadanía.

Galicia avanza, segura das súas forzas, e afronta sen complexos as dificultades.

Hai liderado, hai estabilidade e hai confianza. Velaí os vértices do triángulo que nos permite encarar con realismo o inmediato futuro.

É certo que a Lei atribúe ao Presidente da Xunta de Galicia a capacidade de decidir a convocatoria das eleccións e de fixar a súa data. É unha prerrogativa que me corresponde no exercicio da miña responsabilidade institucional.

Pero afirmo solemnemente que só utilizarei esa competencia cando lle conveña a Galicia. Sempre en función dos nosos intereses como país. Sempre pensando en Galicia e nas súas xentes. Nunca como instrumento de vantaxe política.

Por iso respondo da palabra dada. Do meu compromiso de agotar a lexislatura, só matizado pola modificación necesaria para evitar que as nosas eleccións coincidan cos comicios europeos.

Porque é bo para Galicia singularizar as súas eleccións. Ter o seu espazo electoral propio. Que cando Galicia fale, se fale exclusivamente de Galicia.

Hoxe podemos constatar con satisfacción que o programa que apoiaron os cidadáns e respaldou o Parlamento alcanzou un elevado grado de cumprimento.

Demostramos que queremos e podemos ser motores do noso propio progreso.

Recuperamos vitalidade como sociedade.

Gañamos peso e presenza dentro de España.

Incorporámonos á modernidade.

E grazas a unha administración prudente e realista dos nosos recursos, hoxe estamos en mellores condicións que outros para afrontar unhas circunstancias económicas máis difíciles.

Hoxe, a gran maioría das galegas e dos galegos, calquera que sexa a súa orientación política, sente que Galicia deu un paso necesario e na dirección acertada. E o mesmo pensan quen nos ven desde fóra.

Galicia avanzou moito e á présa. E ten que seguir a facelo. Sen deterse.

É certo que temos que afrontar unha situación económica máis difícil da que tiñamos ata o de agora. A crise financeira internacional e o debilitamento da economía mundial, máis acusado e rápido do inicialmente previsto por todos os expertos, indican que se aveciñan tempos difíciles e retos importantes.

E o Goberno, que demostrou fortaleza e estabilidade durante a última etapa, non vai saír correndo diante das dificultades. Pero asumir este reto esixe que a actividade política e parlamentaria, o esforzo dos partidos, o funcionamento das institucións e o debate político non se vexan condicionados pola proximidade dun falso debate electoral.

Ese é o froito dunha reflexión e dunha profunda convicción. Unha reflexión sobre o momento que vive Galicia, á marxe do ruído ás veces interesado que distorsiona a imaxe real da nosa terra.

E unha convicción profunda: a ilimitada confianza que teño nos homes e mulleres do noso país, na súa xenerosidade e no seu tesón, só pode ser correspondida cunha entrega absoluta á causa de Galicia.

Non teño máis hipotecas que o compromiso adquirido coa miña terra. Podo equivocarme nalgunha decisión, pero teñan a seguridade de que só hai unha razón que me move: aquelo que considero mellor para Galicia. O que lle convén ao noso país, como único criterio e único fundamento da miña actuación.

Prometín ser o Presidente de todas as galegas e de todos os galegos. E tratei de selo cada día e cada hora. E sereino mentres conte coa súa confianza.

Nesa condición, convoco a todas as cidadás e cidadáns de Galicia a seguirmos traballando cada día na construción dun país máis próspero, máis xusto e máis solidario.

Grazas.

Declaración institucional do presidente da Xunta sobre o calendario político galego