Sigo pensando que a xuíza de Lugo que mandou prender o alcalde e tres concelleiros de Castro de Rei (Lugo) puido ser máis recatada no seu procedemento e evitar que o caso se convertise en certo modo nalgunha secuencia de Miami vice, pero tampouco me gusta a maneira que está tendo de enfrontar o caso o rexedor do citado concello chairego.
Despois de durmir dúas noites nos calabozos dunha comisaria e pasar por varios interrogatorios, incluído o xudicial, seguir dicindo que aínda non sabe cales son os cargos que se lle imputan é algo así como se eu digo que non sei porque me chamo como me chamo. Que non prentenda confundirnos Díaz Valiño. Felizmente xa non estamos nos tempos do franquismo, nos que un podía permanecer o tempo que fose preso sen saber ben por que. Hoxe hai procedementos e mecanismos de enxuizamento máis ou menos democráticos que non compadecen tamaña ignorancia. En todo caso, se a el non se lle aplicaron, debería facer algo máis que dicir que non sabe por que o prenderon. Ampararíao a lexislación vixente.
Tampouco é de recibo que nos diga que “el hecho de que todos los detenidos hayan quedado en libertad sin fianza lo demuestra todo”. Non, mire, o único que demostra por agora é que a xuíza encargada do caso, pensando seguramente en que a vostede, polo cargo que ocupa e pola relevancia social e política que representa, non se lle vai ocorrer escaparse a Brasil ou a Cuba polo feito de que recaian sobre a súa persoa determinadas sospeitas susceptíbeis de ser obxecto de aplicación da xustiza, optou pola innecesidade de aplicarlle unha fianza que puidese afianzar os seus actos.
O que di o alcalde de Castro de Rei é tan insignificante como o que se dixo o primeiro día acerca de que a concelleira Ana Canto saía en liberdade con cargos, sen fianza e só coa obrigación de presentarse á xustiza cando sexa chamada por ela. Nese caso estamos todos, imputados ou non. Temos todos a obrigación de responder aos requerimentos que nos faga a autoridade xudicial.
Eu non quero apuntar que o alcalde de Castro de Rei teña que mostrar probas máis contundentes acerca da presunción de inocencia que lle corresponde por dereito, pero convencceríame mellor se non se limitase a expoñer argumentos requentados na explicación pública que fai do que lle pasa. Tampouco digo que teña que dimitir do cargo que lle deron as urnas, mentres que non se dilucida o procedemento xudicial que pesa sobre a súa persoa, pero non vaia ser que tome a derrota doada de aferrarse única e exclusivamente ao socorrido gancho de que eu só fixen o que fixen en defensa dos intereses do pobo. Esas argucias son as que utilizan todos, sexan alcaldes de Marbella, de Santa Coloma de Gramanet ou altos cargos da Comunitat Valencià. Do alcalde de Castro de Rei, por ser socialista e galego, e ademais chairego, cumpríanos agardar maior coherencia. E, sobre todo, maior capacidade de convicción.
1 comentario:
Xa o decía o Hamlet con eso do "ser ou non ser" e tamén aquel dito sobre a muller do César. Nada novo baixo o sol nesto da corrupción (quero decir), pero mete medo como o 4ºpoder (nas sociedades avanzadas os mass media teñen máis influenza que as FFAA) pode destrozar a vida futura das persoas...
Publicar un comentario