Curiosos días estes que lle están transcorrendo a Galicia. Tivo que pechar Vieiros, baixou o telón Chuza.org e non sei se non rematará habendo máis defuncións polo estilo nos próximos tempos. A Manuel Fraga resucitóulle o Ave Fenix que leva dentro e arremeteu, como nos tempos nos que defendía alcaldes acosadores, disparando agora a súa pólvora de rei contra os nacionalistas que non son do seu nacionalismo e contra a lei do aborto.
Defensores armados do idioma español viñeron dar a nota en Santiago nun día tan emblemático coma o 25 de xullo, e menos mal que desta vez tiveron a mala sorte de ameazar con pegarlle unhas hostias a unha xornalista andaluza de El País porque, senón, nin nos enterabamos de como se comportan estes gladiadores do hable usted la lengua del imperio.
O caso aínda segue sendo que o xefe superior de Policía, galeguista confeso e autor de culto do sistema literario galego, Luís García Mañá, ou o delegado do Goberno, Antón Louro, o noso García Sabell dos tempos de crise, compoñentes entrámbolosdous da xefetura natural dos lexionarios antigalegos, aínda non dixeron nada acerca de que se mandase investigar os feitos e correxilos se houbese lugar.
Hai que ter estómago para dixerir sen doses equinas de Omeprazol algunhas cousas que están pasando estes días. Pero contra a resignación destes feitos non creo que escriba nunca Santiago Rey. Fai ben o BNG en levar ao Congreso dos Deputados (ver Xornal) o irrespecto intolerante que mostraron algúns policías contra o idioma galego na xornada do día 25, pero moito me temo –e oxalá me equivoque– que nin El País vai publicar un editorial sobre este tema nin os deputados van interromper as súas cómodas vacacións para ocupárense destas menudencias.
Se cadra é o que merecemos. Mentres que aquí morren de morte morrida Vieiros e outros camiños que tentaron abrirse cara á liberdade, en Francia acadan a lozanía máis esplendorosa alternativas comunicacionais tan esperanzadoras coma Mediapart, que lle obrigan a Sarkosy a porse nervoso. Cumpriríanos reflexionar e un destes días insistirei sobre esta interesantísima cuestión.
4 comentarios:
Autor de culto García Mañá? Home, señor Conde, non nos faga rir. Vai ter que deixar de fumar esas cousas raras, que lle fan moito dano e despois disparata delolindo.
A provincia d´Ourense é pródiga en autores de culto que merecen acendidos comentarios non tanto literarios –aínda menos mal– como de gabanza persoal aos autores. Empresarios-costureiros e mesmo xefes de policía parecen estar pedindo a berrros que tamén os presidentes de deputación se subann ao carro novelístico.
De feito, as principais editoriais do país acóllenos cos brazos abertos e estimulan tales experimentos. Estraña política cultural que parece poñer en evidencia que necesitamos unha guía espiritual, veña de onde veña.
Eu non podo menos que reflexionar o ben que debe quedar un(ha) despois de escribir (e publicar) unha novela. Calquera día póñome.
É que ser amigo ou editor dun xefe de policía ten aquela cousa pailá de tratarse con alguén "importante". Será tamén reminiscencia de reverencia cara os que teñen as "pistolas". A propósito, ten algo que ver o Mañá, dado que é xefe de policía, co acontecido en Compostela o 24 e o 25? Pregunto.
golden goose sneakers
air jordans
air jordan
kevin durant shoes
nike dunks
Publicar un comentario