miércoles, mayo 25, 2011

Principios éticos

Xa empezamos. A borracheira de poder derivada das eleccións do domingo pasado non se fixo esperar. Agora resulta que ao presidente da Xunta, segundo acaba de dicir no Parlamento, abóndalle cos principios éticos que lle deron os votos. Como se as urnas estivesen precisamente cheas de ética, estética e dietética. É case textualmente o que ven dicindo Berlusconi dende que deixou de ser un modesto vocalista de orquesta para converterse no novo duce italiano.
Alberto Núñez Feijóo quizais debería tentar de ofrecernos algo máis de proteína democrática e menos comida chatarra para os próximos tempos da nosa dificil dixestión política, económica e social. Polo visto, non precisa de "principios éticos e de supremacía moral". Abóndalle "cos principios éticos e a supremacía moral que" que lle dan "os galegos cos seus votos".
É bo saber todo isto cando está chovendo a que está chovendo cunha alta autoridade económica do seu goberno metida no trullo por unha zuíza de Lugo e unha reata de empresarios supostamente sen escrúpulos collidos coa man na masa de facer da Galicia dos nosos días a Sicilia máis trapanesa (da provincia de Trapani quero dicir). Algúns diciámolo hai case trinta anos e chamáronos tolos. Agora pásanos o que nos pasa. Só nos falta a lupara para sermos sicilianos (no mal sentido da palabra) con denomicación de orixe e, coa cantidade de ferreiros que aínda segue habendo nesta terra, non me extrañaría nada que xa ande alguén recortando os canos das escopetas. Veremos se daquela Feijóo segue pensando que lle sobran os principios éticos.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Skip desinfecta: o Camps xa está "purificado" polos votos e Feijoo mexa auga bendita.
Cousas veredes... ollo o piollo. Non será que o Alberto leva "borriqueras" e non ve salvo onde quere mirar?.
O bó que teñen a resacas electorais é que todos os atrancos semellan desaparecer. No PSOE desperta o esprito anarquista e os xuices quitánlle o precinto os sumarios. Moito ánimo, pode estar moi divertido.

Anónimo dijo...

Ollo!, Conde Roa avisa, chámalles aos de Democracia Real Xa okupas e di que non poden estar na praza do Obradoiro en Santiago.Non me gusta nada a mirada dese señor, témolle e temo o peor.

Anónimo dijo...

Desgrazadamente non anda moi errado co da metáfora siciliana. Seguramente están a volver tempos de contrabando ideolóxico, narcomafia cultural e entreguismo moral. Oxallá me equivoque, pero estamos entrando nun túnel que non se sabe onde vai ter a saída.

José Manuel Álvarez Veiga dijo...

E quedouse tan pancho...! Lástima da pouca memoria que temos os galegos, porque será por iso que o votaron, non será porque non coñeceramos ao paxaro.