lunes, mayo 16, 2011

Viaxe á Sicilia Occidental (3): Castellammare del Golfo

Logo de pasear polas vilas de Salvatore Giuliano e Pepino Impastato (Montelepre e Cinisi, respectivamente), chegamos a Castellammare del Golfo, na costa noroccidental de Sicilia, unha cidade que paga a pena visitar e que está chea de lembranzas históricas e de connotacións contemporáneas.
Polo seu antigo, pero modernizado, porto saíron para América milleiros de sicilianos que foron buscar futuro nos Estados Unidos, en Arxentina e noutros lugares. Por el tamén entraron e saíron mercancías prohibidas coma heroína e a cocaína coas que traficaron distintas familias de Cosa Nostra, particularmente a de Gaetano Badalamenti. Castellammare del Golfo sempre foi, e aínda é, unha base importante das operacións internacionais da mafia siciliana, moi conectada cos negocios turbios e a delincuencia organizada desenvolvidos nos Estados Unidos.
Hoxe, porén, é unha cidade tranquila na que dá gusto perderse polo seu casco antigo e pasear sen rumbo polo porto, recentemente remodelado con obras nas que participaron intensamente contratistas ligados á mafia. Precisamente neste porto, case cos pés mollándose na auga, está un dos mellores restaurantes da contorna, La Cambusa. Bó lugar para comer peixe fresco e marisco, pero tamén algunha pasta.