sábado, mayo 14, 2011

Viaxe á Sicilia Occidental (2): Salvatore Giuliano

Na vila de Montelepre fican aínda algúns parentes e antigos amigos de Salvatore Giuliano que manteñen viva a memoria do inquietante personaxe siciliano que lle apretou as caravillas ás forzas da orde pública da Italia dos anos corenta. Mariana Giuliano, a irmá que acompañou o célebre bandido en parte das súas aventuras guerrilleiras e políticas, xa morreu e agora o seu fillo, Giuseppe Sciortino Giuliano –co que escribiu un lbro titulado Mio Fratello, Salvatore Giuliano (Arnone Editore, Palermo 1987)– rexenta en Montelepre un hotel-restaurante (Il Castello di Giuliano) e un museo instalado na casa natal do bandido.
A figura de Salvatore Giuliano está sendo de novo revisada por historiadores e mesmo por autoridades forenses e xudiciais. A partir de certas probas aportadas polo historiador Giuseppe Casarrubea, fillo dun comunista que foi asasinado en Partinico pola banda de Giuliano, o fiscal antimafia de Palermo, Antonio Ingroia, ordenou exhumar o cadáver que está enterrado no panteón familiar de Montelepre (fotografía do post anterior) para levar a cabo as correspondetes probas de ADN ante a sospeita de que pode que non sexa o corpo de Giuliano o que foi sepultado nese lugar cando se dixo que foi abatido polos Carabinieri en Castelvetrano (Trapani) o 5 de xullo de 1950.
A versión oficial aínda segue sendo que morreu nun batida efectuada por un grupo de carabinieri dirixidos polo capitán Antonio Perenze cando se atopaba oculto na casa do avogado de Castelvetrano Gregorio di Maria, recentemente falecido. De feito esta é a hipótes que manexou Francesco Rosi para facer a súa excelente película Salvatore Giuliano estrenada en 1961, e tamén aparece reflexada na novela de Mario Puzo Il Siciliano, que deu orixe a unha película homónima.
En realidade, nunca se escrareceron os lindeiros dunha personalidade tan inquietante como foi a de Salvatore Giuliano, un activista que se tirou ao monte cando matou a un carabiniere que lle quitou a mercancía que levaba ao lombo dun mulo para facer contrabando. Durante os dez anos que loitou dende as montañas da Sicilia Occidental mostrouse case simultaneamente como un vulgar bandido, como líder do independentismo siciliano e como un aplicadísimo compañeiro de viaxe do máis primario anticomunismo que fragaron na década dos corenta do pasado século as forzas aliadas dos Estados unidos e do Reino Unido, a mafia siciliana e a Democracia Cristiana italiana.
Nesta última dirección, Giuliano aparece mezclado na horrosa matanza de Portella della Ginestra, perpetrada o 1 de maio de 1947 nun lugar case paradisíaco que aínda hoxe extremece visitalo, preto de Corleone, cando se chega alí, como me pasou a min, nunha tardiña na que a montaña aparece totalmente cuberta pola néboa. Xuntáranse ali varios centos de campesiños da zona e obreiros chegados dende Palermo e outros lugares cos seus líderes políticos e sindicais para celebraren o recente trunfo electoral acadado en Italia polo chamado Blocco del Popolo, oficialmente Fronte Democratico Popolare per la libertà, la pace e il lavoro, unha coalición de esquerdas constituída o 28 de decemrbo de 1947 polo Partido Comunista Italiano e o Partido Socialista Italiano. De repente, foron atacados a tiros de metralleta co resultado de 11 mortos e 27 feridos. Entre os atacantes estaban Salvatore Giuliano e parte dos seus homes. Giuliano sostivo despois que nin el nin ninguén da súa banda disparou a matar senón que foron mafiosos de San Giuseppe de Jato os que efectuaron a matanza. El, segundo deixou dito por escrito, fora alí para secuestrar o líder comunista de Sicilia, Girolamo Li Causi, porque se consideraba traizoado por el no incumprimento de supostos pactos destinados a favorecer o independetismo siciliano.
De feito, Giuliano foi xefe co grado de coronel dun Esercito Volontario per l’Indipendenza della Sicilia (EVIS) e fundou un Movimento per l’Anessione della Sicilia alla Confederazione Americana (MASCA), que o levou a escribirlle unha carta ao presdente de Estados Unidos daquel tempo, Harry S. Truman, pedíndolle que convertise Sicilia nun Estado máis da USA. Todo isto acontecía cando xa era un personaxe internacional co que buscaban entrevistas xornalistas e publicacións de varias partes do mundo. Foi entrevistado, por exemplo, en maio de 1947, por Michael Stern, correspondente en Italia de True Magazine, que pasou unha semana con el nas montañas de Montelepre, acompañado por unha muller española. Stern fora capitán do Exército de Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial e colaboraba coa CIA, que aínda se cahamaba daquela Office Strategy Services (OSS). Tamén o entrevistaron con gran éxito a xornalista sueca María Tecla Cyliakus ou os italianos Jacopo Rizza, Ivo Mondolesi e D’Ambrosio. Giuliano ata recibía cartas de admiración enviadas pola filla do ditador español, Carmencita Franco.

Que foi, en definitiva, Salvatore Giuliano? Un simple bandido? Un loitador pola independenza da súa terra? Un Robin Hood siciliano que tiraba dos ricos o que lle permitía favorecer os pobres? Un fascista? Unha vítima dos crimes de Estado cometidos pola Italia que estivo gobernada durante 50 anos pola Democracia Cristiana? Quizais unha mezcla de todo. En todo caso, un mito do que nin sequera se sabe con certeza se foi a el a quen mataron naquel verán de 1950. Hai quen di que foi levado en segredo aos Estados Unidos e que faleceu en Canadá hai pouco tempo. Se cadra se acaba sabendo o que pasou con el cando, no ano 2016, presciba o segredo oficial que tapa hoxe o seu caso.

No hay comentarios: