Para empezar, a sentenza do Prestige. Será posíbel tanta discrepancia coa realidade? Realmente onde viviron e en que traballaron durante estes últimos dez anos os representantes da Xustiza que produciron tamaño descalabro? A Xustiza hai que respectala e acatala cando lle chega o seu momento, pero non temos por que comulgar con todas as rodas que pon en circulación, e a sentenza que acaba de emitirse na Coruña non ter por que ser a que marque o definitivo peche xudicial do asunto.
Logo está a xa demasiado enleada substitución do deputado de AGE que se foi investigar non sei ben que a Copenhague. Por certo, recoméndolle que con parte dos cartos que lle liquide o Parlamento de Galicia vaia darse unha panzada no Noma e que aproveite a ocasión para contarlle o seu caso a René Redzepi, que foi ata hai pouco o mellor cociñeiro do mundo. O famoso chef danés se cadra é quen de entendelo (o caso da substitución). Eu xa renuncio a conseguilo.
E, ademais, está o glorioso espectáculo circense-político-deseducativo que segue dando ese ministro de apelido teutón que temos en España e que se empeña en arruinar definitivamente non só a educación senón a cultura en xeral, co beneplácito e a satisfación case pantagruélica de Mariano Rajoy.
Pensando ben as cousas, case me gustaría máis seguir papando frío por terras numantinas. Polo menos alí tería o conforto do Ribera del Duero, do cabrito asado e das xemas de Almazán, e ata san Pedro de Osma me podería botar se cadra unha bendición dende o seu preciosísimo sartego na catedral de Burgo de Osma. E, senón, lería a Machado, a Gerardo Diego e a Bécquer –e mesmo a García Nieto e a Erza Pound– mentres subía e baixaba de San Saturio ou paseaba por Medinaceli.
1 comentario:
Unha boa cura en Xinzo se cadra é a mellor opción
Publicar un comentario