jueves, mayo 28, 2015

A descomposición do PP

Pois vai resultar que as tripas do PP andaban moito máis revoltas do que todos pensabamos e, dende logo, moitísimo máis do que se empeñaban en contarnos ata agora os seus dirixentes. Entre o que están empezando a dicir Núñez Feijóo ou o presidente de Castela-León e o expresivísimo escapismo de Mariano Rajoy xa hai case tanta diferenza coma que había no seu tempo entre Fraga Iribarne e Herrero de Miñón, por exemplo. Cuidado, porque o PP pode rematar como rematou a UCD cando as urnas lle voltaron as costas.
Por outra banda, vaia espectáculo que están a dar Esperanza Aguirre e algúns salvagardas máis da “cultura do Occidente”. Do Accidente máis ben, habería que dicir. Resulta que agora hai que aliarse co PSOE para evitar que España se sovietice. Pero bueno, é que toda esta xente non dispón de psiquiatra de cabeceira ou que lles pasa? Por iso me sorprende tanto que, no medio desta contramarea que está a saír das cavernas, haxa algunha voz sensata no PP, coma do ata agora alcalde de Ferrol, Xosé Manuel Rey Varela, atrevéndose a platarlles cara ás “directrices que veñan de fóra”.
Curioso tamén ler o artigo que publica hoxe en El Correo Gallego Pancho Ledo, un rochoso ribadense que herdou de Fraga a coherencia política e que coincide comigo en salientar o alarmante solipsismo do aínda líder máximo do PP. Como isto siga así, a desfeita do PP vai parangonar de lonxe o que foi a morte súbita do desparecido partido que creou Adolfo Suárez.

No hay comentarios: