martes, mayo 26, 2015

Un novo mundo


Que España en xeral e que Galicia ou Cataluña ou calquera outra comunidade xa non son o que eran quedou nidiamente claro co resultado das eleccións do 24M. Algo que non saben ou non queren entender os dirixentes do PP nin os do PSOE, polo que se está a ver. Só un gobernante fachendoso e perigosamente solipsista como é Mariano Rajoy pode aferrarse coma un cravo ardendo á contumacia de que tras del só pode estar agochado o diluvio. E tampouco hai, por parte do PSOE, moitos indicios de que saiban entender o que xa pasou e o que pode pasar aínda.
Hai máis de dous anos, nun deses aburridísimos debates aos que daquela aínda me convidaba algunha televisión local, concretamente a do El Correo Gallego, atrevinme a redactar a acta de defunción do bipartidismo e todos ollaron para min pensando que me acababa de dar un ataque de soberana inconsciencia. Xa daquela había que estar algo cego para non decatarse do que lles estaba caendo enriba os que levaron a Galicia e a España enteira á inxustiza, á desigualdade e á corrupción coas que intentaron dobregar a nosa sociedade. Consegírono en parte, pero non de todo. Os cadáveres tamén se erguen ás veces sobre as súas propias cinzas, como se acaba de ver na brutal patada no traseiro que lle acabamos de dar aos que quixeron devolvernos a un capitalismo de mera explotación e escravitude.
As eleccións do 24M déronlle a primeira volta ao calcetín. Agora hai que seguir cambiando o traxe. Volveron a gañar as forzas progresistas, que son as únicas que nos poden salvar de seguir vivindo na ignominia e na dependencia absolutas. Vai custar facer ben o camiño. Son moitos os atrancos que van poñer a reacción e os poderes fácticos e reais dos que xa pensaron que non habería quen os puidese parar, pero tamén é moita e moi forte a vontade e sobre todo a necesidade da xente de volver a sentirse libre, solidaria e dona do seu futuro, digan o que xa dixeron ou sigan dicindo os agoireiros da hecatombe, especie animal que en Galicia non parece estar en ningún perigo de extinción a xulgar polo que se lles nota a varios conspicuos articulistas da prensa diaria.

3 comentarios:

Luisfoz dijo...

Muito bom, meu caro amigo. Como canta outro velho amigo na página dos croques: "a galopar hasta enterrarlos en el mar"

Voz en off dijo...

Por fin a xente reacciona! Os tempos son chegados!

Anónimo dijo...

Unha das noites electarais de mais ilusión destes últimos tempos.Falta nos facía.Veremos rtempos mellores que estaban esperando moitos que xa nos deixaron.