lunes, mayo 18, 2015

El cura y los mandarines

Menos mal que Sonia Vizoso dignificou o xornalismo escribindo para El País unha crónica titulada El homenaje a un alcalde franquista revuelve la fiesta cultural de Galicia, que está a anos luz do cacarexo conservador e dereitista que ofreceu sobre o mesmo tema a case totalidade da comunicación galega. De non ser polo aporte de Sonia ou pola información minoritaria e política que ofreceron algúns media do nacionalismo –Sermos Galiza, Praza, etc.– parecería que nesta terra San Patricio chámase San Filgueira e que Alonso Montero se volveu o Roger Garaudy galego sen precisar convertirse ao Islán con previo paso polo catolicismo. Pois si que nos amolou o meu vello profesor descubríndonos que todos fomos franquistas. Seríao el, codanado, aínda que durante moito tempo disimulouno moi ben.
Non vou entrar nesa estupidísima polémica que alimentan Alonso, Franco Grande e unha morea de académicos da Galega e outros sabios de Breogania encol do sectarismo e/ou ignorancia que caracteriza a todos os que non lles caeu ben que fose a figura de Filgueira a elixida par ser homenaxeada no 2015. Sorprendentemente a Real Academia Galega case segue sendo como era durante o franquismo: unha institución que obsesivamente –no sentido psiquiátrico do adverbio– se coloca sempre por riba do ben o e do mal aínda que nunca parou –nin para– de repartir certificados de boa conduta e diplomas de corrección política. O que lle acaba de adxudicar a Filgueira é todo un tratado de boas maneiras redactado nada menos que polo que algunha vez foi o intelectual comunista máis notorio da Galicia dos nosos tempos. Manda carallo na Habana, dirialle Martul a Trotski se volvesen pasear polo mexicano Paseo de la Reforma.
Á vista do que está a pasar, agora si que teño que lerlle a Gregorio Morán El cura y los mandarines. Seguramente non fala para nada de Galicia no seu axuste de contas coa intelectualidade española, pero algunha idea aínda ma pode dar.