martes, diciembre 20, 2011

O Pícaro de Zumárraga

Pois vai resultar que Ignacio Urdangarín é todo un compendio da vella e nunca oxidada picaresca española. Se nacese entre o Renacemento e o Barroco entraría sen dúbida no Século de Ouro das letras españolas e sería un personaxe de Mateo Alemán, Quevedo ou López de Úbeda. A novela correspondente quizais se podería chamar O Pícaro de Zumárraga, O Lazarillo da Zarzuela ou A vida do Buscón Principesco.
A última que se lle acaba de saber é que está xordo como unha tapia, pero oe todo o que hai que oír cando lle convén. Para librarse de cumprir o servizo militar obrigatorio que lle correspondía, conseguiu que o vocal médico do Centro Provincial de Recrutamento de Barcelona lle diagnoticase unha hipoacusia (disminución da percepción auditiva) bilateral o 11 de xaneiro de 1993, diagnóstico que lle serviu para que, dous anos máis tarde, o 27 de febreiro de 1995, fose declarado “exento do servizo militar por padecer enfermedade ou limitación física ou psíquica”. No seu caso, concretamente por “1I01 xordeira completa”.
Non ten desperdizo a nota coa que, dende o Hospital Militar de Barcelona, se remitiu a un “Mi respetado y querido Coronel” a historia do mozo Ignacio Urdangarín Liebaert. No seu apartado 3º dise o seguinte: “El informe de 11-1-93 fue de Ex. temporal, pues el perfil audiométrico no era suficiente para una exclusión total, pero tampoco para la aptitud”. E no párrafo que segue a continuación lese isto: “El informe de 27-2-95 fue de exclusión total pues sensiblemente había empeorado su audición. Quizás hubo algo de exageración, pues hasta los sordomudos exageran.
Todo isto non o supera ni O Lazarillo de Tormes.

viernes, diciembre 16, 2011

A inocencia de Blanco

Por fin e definitivamente a min convenceume Xosé Blanco da súa inocencia dicindo que “se quixera facer algo obsceno, fóra da lei, citaríao (ao empresario Dorribo) no meu despacho. Que lugar pode haber máis indicado para facer gandulerías administrativas, deixarse subornar ou practicar todo tipo de trapalladas? Véxase senón a experiencia que estamos vendo traslucir do xuízo que lles segue a Camps et altri en Valencia.
Para iso están os despachos dos ministros e dos demais altos cargos, e non as gasolineiras, templos sacros estabrecidos para a relación humana espiritual, como todo o mundo sabe. Eu nunca parei nunha gasolineira que non fose para rezar o rosario de paso que estiraba as pernas, e endexamais vin neses inocentísimos lugares a ninguén que tivese máis ca pinta característica dos que nunca matan unha mosca nin son quen de asaltarlle a faltriqueira a unha vella. Ou sexa, xente como o inminente ex ministro de Fomento e o empresario Dorribo.
Con argumentos así vai ser, efectivamente, imposíbel que ningún xuíz poda facer máis nada que darlle o premio da Santísima Inocencia Inmaculada a don Pepiño Blanco.

jueves, diciembre 15, 2011

José Manuel Rey, campeador de Feijóo

Mio Cid José Manuel Rey polo Parlamento entrove.
en súa compaña trintaoto pendones;
exien lo ver mugieres e varones,
burgeses e burgesas por las finiestras sone,
de las súas bocas todos dizían una razóne:
Dios, que buen vassallo se oviese buen señore!

viernes, diciembre 09, 2011

Telemática de corredoira

Hai entidades bancarias para as que aínda non chegou o século XXI por moito que teñan directivos pagados a prezo de ouro. As vantaxes da informática e da telemática son para estes especuladores da crise e da globalización só unnha ferramenta mal usda ou empregada interesadamente.
Poño un exemplo. O mércores 7 de decembro, despois de ler o comunicado da Consellería de Cultura dicindo que se poñían a venda novas entradas para asistir ao espectáculo do Circo do Sol en Santiago, a través de ServiCaixa (de La Caixa), procedín rapidamente a adquirir dúas desas entradas para a sesión das 17:30 do venres 9 de decembro.
Primeira obsolescencia: as entradas adquiridas non se poden imprimir directamente. Para facelo hai que acudir a un terminal de ServiCaixa. O que teño máis preto da miña casa está na avenida da Mahía, 84 de Bertamiráns. O día seguinte é festivo. Entro no caixeiro da citada sucursal de La Caixa e oh, sorpresa! carece de impresora para despachar entradas a pesar de que ao seu carón figura un moi visible cartel que anuncia a súa venda.
Agardo, pois, ao día seguinte e acudo a que me resolvan o asunto os empregados da oficina. Na fileira teño catro persoas diante de min e hai unha soa empregada despachando asuntos correntes. A outra persoa que está na oficina mantén unha distendida conversación cunha parella sobre os actualísimos avatares da posición de Alemania encol da crise económica. Cando me atenden dinme que teño que ir a Santiago para recoller as entradas. Menos mal que o día anterior non lle fixen caso ao letreiro que había no caixeiro automático recomendando as alternativas de Negreira e do Milladoiro.
Ao empregado que me atendeu pareceulle todo do máis normal. “As entradas non son para un espectáculo que ten lugar en Santiago, pois logo?”, foi toda a explicación que soubo ou quixo darme. A min só se me ocurriu responderlle que o seu banco me parecía do século pasado.
Resumen: que botei man de Internet para evitar as colas do Multiusos Fontes do Sar e rematei indo a Bertamirán dúas veces e a Santiago unha. Tiven que pagar case dous euros de aparcadoiro en Santiago e traballei gratis para La Caixa durante máis de catro horas repartidas en tres días. Isto é a telemática de La Caixa en Galicia. Menos mal que eu non vivo en Fisterra ou no Courel. Sabe todo isto a Consellería de Cultura cando impón como canal de venda de entradas o de ServiCaixa?
A min esas máis de catro horas de traballo non mas pagou La Caixa, pero saben canto me cobrou esta entidade financeira catalá por venderme dúas entradas? Entre Serviticket, S.A. e ServiCaixa, que se ocupan da distribución do produto, 11,02 maís 1.98 euros de Ive, ou sexa, un total de 13 euros. Vantaxes da telemática, segundo La Caixa.
Estou tentado de escribirlle unha carta ao director xeral de La Caixa, que creo que se chama Juan María Nin, que se gaña tantos cartos como gañaba Xosé Luis Méndez en Caixagalicia seguramente lle chega a paga para comprar un sobre e responderme.

lunes, diciembre 05, 2011

Tecnocracia con corazón

Encolle o corazón observar o comportamento da ministra italiana de Traballo, Elsa Fornero, cando tivo que explicar, en roda de prensa, a reforma das pensións que acababa de acordar o goberno de Monti. Non foi quen de rematar o pronunciamento da palabra sacrificio e púxose a chorar com unha Magdalena.
En principio, as imaxes, que están percorrendo o mundo, mostran unha muller sensíbel e probabelmente solidaria na que mandou máis o corazón ca cabeza no momento de enfrontar publicamente unha realidade que sen dúbida non lle gusta, porque senón non se poñería a chorar. Se cadra pode un preguntarse por que apoia, entón, un goberno tecnócrático que pon en marcha esas medidas impopulares. Acaso non sería máis lóxico impedilas e mesmo dimitir?A señora Fornero é, ela mesma, unha tecnócrata, pero móstrase coma unha tecnócrta que aínda lle late un corazón que lle fai chorar en público. Para min, a súa escea é unha verdadeira mostra de que hai momentos nos que unha imaxe segue valendo motísimo máis que mil palabras. As bágoas de Elsa Fornero reconcilian algo a tecnocracia coa condición humana. Algo é algo.

miércoles, noviembre 30, 2011

Oscar Wilde segue sen pene

“Cando Oscar Wilde morreu en Paris, en 1900, estaba sen un penny”, segundo reza o comunicado da celebración do 111 cabodano da súa morte, que tivo lugar hoxe no cemtiterio Père-Lachaise de Paris. O xornal Libération rexouba con isto dicindo que “maintenat il est sans un pénis, ce qui n’est pas terrible non plus” (agora está sen un pene, o que tampouco é terríbel). Refírese a que o anxo asirio que adorna a súa tumba foi desprovisto do pene orixinal co que fou esculpido polo artista Jacob Epstein.
A realidade é que o autor do Retrato de Dorian Gray estaba sen un can cando finou na capital francesa en 1900. Os amigos pagáronlle daquela un enterro de sexta clase en Bagneux, e logo compraron unha concesión no famoso camposanto parisino de Père-Lachaise cando os seus libros comenzaron a venderse máis. Precisamente coa doazón de 2.000 exemplares deses libros puideron encargarlle ao escultor Jacob Epstein a execución dumba tumba apropiada que, no ano 1912, foi moi aclamada pola prensa inglesa, pero cando o artista foi ao cemiterio para darlle o derradeiro toque atopouna cuberta por unha lona negra e vixiada pola policía. O gobernador e o director da Escola de Belas Artes, alarmados polos órganos sexuais do anxo asirio da sepultura, fixérona tapar con escaiola e pedíronlle a Epstein que puxera unha folla de vide tapando aquelas vergonzas. O escultor negouse, e a tumba seguiu tapada ata 1914. O caso é que agora nin ten folla de vide nin sexo nin escaiola, e é un absoluto misterio a data de cando lle foron arrincadas eses elementos.
Sobre este particular correron os rumores máis diversos que van dende que serviu para facer tremendas bacanais, que a folla de viña foi retirada por estudiantes rebeldes no 1913 ou que foi unha muller a que lle rompeu os collóns ao anxo cun paraugas nos primeiros anos sesenta. Esta muller despois tiraría o pene nun corredor do cemiterio, onde foi recollido por un empregado que llo entregou ao director do camposanto, que o utilizou de pisa papeis no seu escritorio.
O famoso anxo eunuco e a tumba de Oscar Wilde sobreviviron así, con algunha pintada, ata o ano 1999, no que empezaron a aparecer sobre o monumento funerario pegadas cada vez máis abondantes dos bicos que moitos visitantes foron depositando sobre as pedras. As grasas e outros produtos utilizados nos cosméticos utilizados como pintalabios foron empapando a pedra e deixando sobre ela pegadas indelébeis. En cada limpeza que se facía houbo que utilizar produtos que foron gastando a pedra e volvéndoa máis porosa, polo que, co gallo da celebración do 111 aniversario da morte de Wilde, o goberno de Irlanda sufragou unha última limpeza da tumba, monumento histórico dende 1997, e mandou colocarlle unha protección de vidro para impedir que continúen os célebres bicos.
Hoxe precisamente, conmemorouse ese aniversario a as reformas da tumba de Oscar Wilde. Merlin Holland, o único neto do famoso escritor irlandés, decidiu que non se lle restituira o pene ao anxo asirio, argumentando que esta carencia case fantasmática do órgano sexual do que foi desposeído xa forma parte da historia do monumento. Se cadra ninguén pode volver a facerlle unha foto coma que lle fixen eu na miña última visita ao Père-Lachaise á tumba de Oscar Wilde (reproducida arriba á esquerda).

lunes, noviembre 21, 2011

Todopoderoso Rajoy

Falaron as urnas e pronunciáronse moi claramente. En realidade todo sucedeu como estaba previsto. O raro sería que acontecese todo o contrario. Cun Zapatero que no foi quen nin de por no seu sitio a Xosé Blanco, cun Rubalcaba ao que dificilmente se lle podía acreditar a súa repentina reconversión á socialdemocracia e, sobre todo, cun electorado extremadamente canso de que lle contaran mentiras, as eleccións do 20N só podían ter o resultado que tiveron: entregarlle todo o poder a unha dereita á que lle fixo Zapatero todo o traballo sucio e sen cobrarlle un can. Ou sexa, gratis.
Fáltanos agora saber como vai administrar toda esta bicoca Mariano Rajoy, o político que máis poder concentrou en si mesmo e no seu partido dende que vivimos en democracia. Como din que facían os esquíos de antano, que podían atravesar a pensínsula de sur a norte e de este a oeste saltando de árvore en árvore e sen saírse dos feudos da Casa de Alba, a Mariano Rajoy estalle permitido viaxar por todas as Españas –menos Cataluña e Euskadi– sendo sabedor de que vai pisando terras políticas da súa propiedade. Case coma un conde medieval.
Aos que pensamos que unha España gobernada por unha dereita todopoderosa só pode levarnos a algunha forma de neofranquismo oculto e vergonzante, só nos queda reconfortarnos cos éxitos extraordinarios de Esquerda Unida e de Amaiur, ou coa resistencia que foron quen de soster Convergència i Uniò (CiU) e o Partido Nacionalista Vasco (PNV). Mágoa que o BNG, aínda conservando os dous deputados que xa tiña, se mostrase incapaz de recoller algo da moita fariña que caeu da fornada do PSOE.

martes, noviembre 15, 2011

Demencia e bilingüismo

Santiago Lamas é un prestixioso psiquiatra galego que, aínda que só sexa por ser o autor do magnífico libro Galicia borrosa, ten gañado de sobra un dos mellores postos entre as mentes máis lúcidas de Galicia. Onte leu a información de Croques sobre que as persoas bilingües son máis rápidas e eficientes tomando decisións cas que son só monolingües. Rapidamente fíxome chegar un anaco do seu novo libro Fíos, que está a piques de ser publicado. Complementa de xeito extraordinario a investigación que deu a coñecer un equipo de expertos das universidades de Milán, Londres, Barcelona e Hong Kong. Di o seguinte:
Un dato curioso: as investigacións de científicos cognitivos afirman que non hai un bilingüismo perfecto, cousa que é coñecida polos sociolingüistas. Aínda que os nenos medren nun contorno igualitariamente bilingüe, seica escollen sempre unha das linguas como lingua nai, aínda que dominen sen acento as dúas e as empreguen en todos os contextos sociais e culturais. Ademais dos datos tirados da conduta lingüística, sábese tamén, porque os estudos con resonancia magnética funcional o comprobaron que, malia solapárense nagulhas áreas, a lingua nai emprega circuitos diferentes aos da outra lingua, e acontece o mesmo coa escritura, que activa áreas diferentes segundo se lea na lingua nai ou na adquirida serodiamente. Outra cousa curiosa, que aínda ten de ser comprobada e replicada por outros estudos, ten que ver coa demencia e o bilingüísmo. Un estudo feito en Canadá, hai tres anos, sobre unha mostra de 184 pacientes con demencia, dos que o 51 por cento eran bilingües, revelou que o inicio da doenza producíase nos bilingües catro anos máis tarde que nos monolingües. Algo tamén curioso era que, unha vez iniciado o deterioro cognitivo, a evolución era a mesma para os dous grupos. É dicir, o bilingüísmo retrasa catro anos o inicio da demencia, mais non frea a evolución una vez iniciado o deterioro. Un estudo hoxe en fase inicial de recollida de datos, do que é o investigador principal o psiquiatra Alexandre García Caballero, estase facendo en Galicia para confirmar ou refutar os resultados do estudo canadense e o papel que poida ter a proximidade ou distancia entre as linguas faladas , así como outros factores que puidesen influir no estudo canadense que non foron considerados. Claro que se trata de bilingües, coido eu, no sentido de Monteagudo, é dicir, xentes que falan de xeito correcto as dúas linguas e non unha lingua e un castrapo.

domingo, noviembre 13, 2011

Os bilingües son máis eficientes e máis rápidos

O cerebro dos bilingües coma nós, os galegos, pode resolver con maior rapidez e con menor esforzo as situacións conflitivas. É unha vantaxe da capacidade cognitiva que non ten nada que ver coa linguaxe. Esta é a principal conclusión da investigación que dirixiu Jubin Abutalebi, pofesor de neuropsicoloxía da Universidade Vita San Raffaele de Milán, en colaboracións coas universidades de Londres, Barcelona e Hong Kong. O xornal italiano La Republica ofreceu hoxe unha extensa información sobre este estudio.
As persoas bilingües mostran maior creatividade, máis flexibilidade, máis capacidade de concentración e máis confianza en si mesmas. Dominar o máis pronto posíbel un segundo idioma conleva vantaxe en diversos ámbitos culturais e cognitivos. Os bilingúes entenden antes ca os monolingües o que é unha elección correcta e unha situación de conflito. O bilingüismo axuda a tomar decisións críticas con rapidez e con menos recursos.
Isto ocurre, por exemplo, cando se trata de decidir se hai que parar ou pasar un semáforo estando a luz verde a piques de porse vermella, ou cando hai que tirar a porta ou pasar un balón nun partido de fútbol entre amigos. Son decisións que teñen unha consecuencia inmediata e un prazo de realización moi curto. No estudio Cerebral Cortex 1, levado a cabo na citada universidade italiana, os investigadores descubriron que as persoas bilingúes son quen de decidir antes o que hai que facer. E fanno, ademais, con máis eficacia e con menos esforzo.
Os investigadores compararon dous grupos. Un bilingüe dende o nacemento (italiano e alemán) da zona do sur do Tirol. E outro monolingüe. Ámbolos dous de idades, educación e socioeconomía semellantes. Os seu comportamentos no canto das tareas cognitivas analizáronse medindo a actividade do cerebro con técnicas avanzadas de imaxe de resoancia magnética funcional e de neuroimaxe, co resultado de que os “suxeitos bilingües teñen máis materia gris na corteza cingulada anterior, unha área fundamental para o seguimento das nosas accións”, segundo explica o doctor Abutalebi, primeiro responsábel da investigación.
Tamén hai unha correlación positiva entre os resultados na resolución dun conflito cognitivo e o grosor da materia gris na corteza cingulada anterior. O bilingüismo inflúe sobre o cerebro dende o nacemento e durante o crecemento e optimiza as tareas necesarias para tomar decisións rápidas e eficientes. “Os suxeitos bilingües son máis rápidos cando teñen que tomar decisións críticas, aínda que activen moito menos o cerebro”, sostén Abutalebi. De feito, a investigación levada a cabo polo seu equipo demostra, a través da función da resoancia, que os bilingües precisan menos ca os monolingües impregnar a corteza cingulada anterior para tomar decisións.
Máis rápidos, máis eficientes e con menos esforzos. Os investigadores especulan con que estas vantaxes dos bilingües radican no hábito de distinguir dende a infancia entre dous idiomas para evitar confusións, unha habilidade que os nenos en xeral aprenden a partir dos tres anos. Para este proceso utilízanse as mesmas estruturas neurais que interveñen na toma de decisións rápidas. O seu uso, polo tanto, dende o nacemento, tería dúas vantaxes: un maior desenvolvemento anatómico e a menor necesiadade de apremiar o cerebro mesmo nas decisións que non teñen nada que ver coa linguaxe.
Para gozar destas vantaxes non é imprescindíbel ser bilingüe dende que se empeza falar. “Atópanse tamén igualmente se a segunda lingua se aprende máis tarde, durante a pubertade”, segundo injdica o doctor Abutalebi.
A ver se se poñen a aprender galego dunha vez todos eses señoritos que aínda se negan a falar máis lingua ca do imperio. Aínda que só fose para comportárense mellor diante dun semáforo.

jueves, noviembre 10, 2011

Galicia está volvendo a ser un vertedoiro incontrolado de lixo

Informa La Voz de Galicia de que os catro golfiños que apareceron onte mortos nos areais de Coroso e Fonteseca (Ribeira) foron atopados hoxe, coas tripas fóra, nunha propiedade privada que está á beira dunha estrada. O xornal especula con que puido ser un erro cometido por empregados municipais de Ribeira. Pois vaia erro, dende logo. Algo me di que estamos volvendo a caer no desleixo medioambiental, sanitario e social cando se trata de desfacérmonos de calquera clase de residuo, perigosos incluídos. Precisamente no mesmo día en que eses empregados municipais daban tan mal exemplo de como se debia xestionar o tratamento dos corpos dos catro golfiños mortos (habería que averiguar por que), paseaba eu é beira do río do Sar, absolutamente contaminado, no seu paso polo concello de Ames, e fiquei sorprendido de que xa non son só residuos de obras os que se botan no monte, á beiras das pistas e onde cadre. Tamén hai neumáticos usados (coma os que se ven na foto), electrodomésticos, etc.
Xa sei que os alcaldes andan coa carteira valeira a maior da parte das veces, aínda que non coñezo a ningún que rebaixase o seu salario mensual, e que a penas hai cartos para nada, pero polo camiño que imos Galicia volverá a ser moi pronto un inmenso vertedoiro de lixo.

Os xabaríns de Feijóo

Imos mellorando (dende o punto de vista dos bípedos). Cando Fraga era presidente da Xunta atropelaba paisanos que ían tranquilamente pola estrada adiante. O seu sucesor, Alberto Núñez Feijóo, leva por diante porcos bravos en plena autoestrada. Se cadra son consecuencias dos excesos de velocidade que lles permiten os poderosos aos seus condutores. Fan e aplícanlles aos demais leis que logo eles incumpren tanto e canto lles dá a gana.
Esta vez non deixa de ser curioso que os dous xabaríns que interrumpiron a marcha nocturna do presidente da Xunta andivesen libremente pola autoestrada AG-53, que vai de Santiago a Ourense. Debe ser que a galopante reducción de gastos públicos tamén afecta os valados de protección deste tipo de vías de comunicación. Ou quizais os pobres xabaríns, fartos de tanta cacería artellada contra eles, pensaron que estaban máis seguros no carril central dunha autoestrada ca nos seus propio medios naturais, dos que son desprazados decote sen máis razón ca de divertir unha morea de Rambos de licor café.
Xa estou imaxinando a que se vai armar contra os porcos bravos agora que se atreveron a meterlle un susto no corpo ao presidente da Xunta. “A por eles”, van berrar máis de catro oportunistas co cerebro pintado de camuflaxe e as man apretadas sobre a culata e o cano dunha escopeta.

martes, noviembre 08, 2011

Rubalcaba contra Rajoy

Non vou ser eu quen caia na trampa de saber se Rubalcaba ou Rajoy gañaron, perderon ou empataron o torneo político da noite do luns pasado. Isto non me impide, porén, decatarme de que o único que me gustou algo, mesmo diría que moito algunha vez, é o candidato do PSOE. Polo menos demostrou que sabe falar sen ter que estar lendo palabra por palabra. Rubalcaba é un espléndido dialéctico e isto xa é moi de agradecer en quen pretende gobernar un país libre.
Non fai falta que me digan que vou contra a corrente estupidamente imparábel dos que opinan que Mariano Rajoy é o salvador das nosas abondantes e agobiantes penas actuais. España enteira está sendo percorrida por un vendaval neoliberal de dereitismo abafante que seguramente acabará levándonos a unha Italia de Berlusconi ou a un Portugal de Cavaco Silva sen máis conforto cas migallas que lles vaian caíndo da mesa ao capitalismo salvaxe e á especulación financeira internacional.
Por iso a min me pareceu moi ben que Rubalcaba lle apretara os parafusos a un Rajoy nada interesado en mostrar as cartas do seu póker de tahur do Lérez. Outra cousa é que cada vez sexan máis o que non queren decatarse de que o candidato do PP preséntase, efectivamente, cun programa oculto que vai tardar pouco en desvelar cando ocupe a Moncloa, se chega a ela. Xa podemos irmonos preparando xubilatas, parados, usuarios e facedores da Educación e da Sanidade, por exemplo.
Pola contra, o candidato socialista avanzou algunhas propostas concretas de goberno que seguramente lle virían ben á España actual, mortificada pola crise. En calquera caso e aínda que me parece impresentábel que o supostamente corrupto e supostamente corruptor Xosé Blanco siga sen presentar a súa dimisión, a min Rubalcaba pareceume o único candidato digno de ser votado dos dous que tiveron a oportunidade de expresárense ante tantos millóns de televidentes. Outra cousa é o que anden dicindo agora xornais e comentaristas de España e media, que nunca foron tan de dereitas nin tan apocalípticamente sectarios como están sendo agora. Nen sequera no derredeiro franquismo.

jueves, noviembre 03, 2011

Vanessa Hessler

Velaquí unha mostra máis do cainismo e do cinismo do capitalismo internacional. Vanessa Hessler, top model e actriz italo-americana, foi despedida polo poderoso grupo de comunicacións Telefónica por ter concedido unha entrevista ao magasín italiano Diva e Donna falando ben da familia Gadafi, da que dixo que está composta por “persoas moi sinxelas, coma vostede e coma min”.
Hessler sostivo nesa entrevista que “o pobo libio non era particularmente pobre nin fanático” e asegurou que “non hai que crer en todo o que se escoita”. A famosa modelo foi noiva de Muastassim Gadafi, o fillo do dictador libio que foi asasinado xunto ao seu pai na cidade de Sirte, co que mantivo “unha bela historia de amor “ que durou catro anos.
Vanessa Hessler encarnou o papel de Alice para a publicidade do proveedor francés de ADSL que leva o mesmo nome e que pertenece ao grupo Telefónica. Tamén interpretou o papel da princesa Irina na película de Thomas Langmann Axtérix nos Xogos Olímpicos.
A reacción de Telefónica é un caso máis da doble moral coa que se ven comportando o capitalismo internacional. Mentres que os Gadafi estiveron no poder foron tratados como verdadeiros señores por empresas (galegas incluídas), gobernantes, institucións e diversos intereses de todo o mundo. Ao caeren en desgraza non só son asasinados a sangue fría senón que ata se persegue as noivas dos seus fillos. Con razón agora Vanessa Hessler dóese de que “todo é moi triste”.

jueves, octubre 27, 2011

O pasado nazi de Hugo Boss

A emisión en Francia, o pasado martes pola tarde, na cadea de televisión France 2, do documental Hitler Apocaypse volveu a poñer na picota a casa de moda alemá Hugo Boss ao lembrar que o seu fundador, Hugo Ferdinand Boss, deseñou e produciu os uniformes das tristemente célebres SS, os das SA e os das Xuventudes Hitlerianas. O propio modisto foi membro destacado do partido nazi de Hitler.
A famosa marca, moi utilizada por empresarios, políticos e membros da jet-set, nun intento de refacer o seu pasado, presentou hai un mes excusas aos que traballaron nas súas fábricas durante a segunda guerra mundial e, no ano 2000, donou 500.000 libras esterlinas ao Fondo de Indemnización dos Antigos Traballadores Forzados, pero nin con esas logrou matar a sombra das súas orixes. Agora, coa emisión do documental Hitler Apocalyse, caéronlle enriba miles de críticas a través das redes sociais, sobre todo Twitter e Facebook, e tamén lle chegaron tantas mensaxes negativas á súa propia web que tivo que pechar o acceso aos seus foros.

viernes, octubre 21, 2011

Gaddafi

Hai días, coma o de onte, destinados a pasar á historia. ETA anunciou a fin das súas armas, e Gaddafi caeu definitivamente –probablemente asasinado– cando tentaba fuxir da cidade de Sirta.
Sobre a fin de ETA xa hai abondo rebumbio no mundo da política e nos medios de comunicación ortodoxos. A min chámame máis a atención esa solucción tráxica que se lle deu á ditadura dun dos sátrapas máis singulares do noso tempo, rematado sen ningún heroísmo polos mesmos que o adorardon ata hai ben poucos meses.
Segundo lle indicou o médico forense Ibrahim Tika, encargado de facerlle a autopsia ao corpo de Gaddafi en Misrata, á cadea árabe de televisión Al Arabiya, “Gadaffi foi arrestado cando estaba vivo e rematado despois. Tiña unha bala que penetrou o seu intestino, e esa foi a causa principal da súa morte. Outra bala atravesou a súa cabeza”.
Parecido destino foi o que padeceu un dos fillos do ditador no mesmo día. Mutassim Gaddafi, segundo o mesmo forense, “tiña unha ferida, un gran burato entre o peito e o pescozo, e tamén presentaba tres feridas nas costas e outra de metralla na parte posterior dunha perna, pero esa era anterior”.
A ONU pediu que se investiguen estes feitos.

jueves, octubre 20, 2011

Jacinto Rey The Hunter

Hai moito tempo que me acostumei a repasar a actualidade internacional, a estatal, a nacional e a local entrando cada mañá nas edicións electrónicas de varios e variados xornais de todo o mundo. Aínda que, por idade, son dos que chegamos algo tarde a isto do ciberespazo, non sei o que sería de min se un día teño que tomar a parva coa certeza de que non hai acceso a Internet.
Son, quero dicir, un dos que temos adición a ver o que publican Le Monde, Liberation, Le Figaro, Repubblica, El País, The New Yor Times, Frankfurter Allgemeine Zeitung, Clarin, Página 12, El Tiempo, O Globo, Reforma ou mesmo Le Telegramme, Ouest-France ou Gionarnale di Sicilia. Abóndame con tres cuartos de hora cada día para regalarme a ilusión de que estou retornando a Nova York, Berlín, Roma, a Toscana, Trapani, Rio de Janeiro, Buenos Aires, Bogotá ou a miña vella e pouco amada Lorraine.
Nese percorrido cotiá figuraban, como non, A Nosa Terra e Xornal de Galicia ata que, hai dous días, o meu Safari empezou a dicirme que non atopa os seus servidores. De súpeto, coma quen di dun plumazo, ou mellor aínda dun estacazo na testa, esas dúas cabeceiras galegas –unha delas absolutamente histórica– foron despoxadas dos sitios que ocupaban na arañeira. Quen as botaría fóra dos sitios que ocupaban? O famoso e cruel mercado? A política? Os lectores? Os xornalistas que as facían? Se cadra todos e cada un deles, pero hai principalmente un responsábel. O home do “ladrillo” que quixo xogar a ser o Hearst galego. Chámase Jacinto Rey (dende agora non volvo a escribir máis o se nome no noso idioma). Comprou eses dous xornais coma quen merca un cadeliño de caza que logo é sacrificado porque non lle val o cazador para facer a caza maior que se propoñía. E coma tal galgo ou gatiño que non caza ratos, matounos cando mellor lle cumpríu. Hai Buffalos Bill que non me gustan nada e este é un deles. Quizais algún días nos sorprenda co seu propio Wild West Show, levando de timonel a Anxo Quintana.

miércoles, octubre 19, 2011

Soltar a teta


Que en tempos tan eticamente miserábeis coma os que corren haxa dous poderosos empresarios chilenos que naden contra a corrente neoliberal é, cando menos, revitalizador. Felipe Lamarca, presidente da cadea de tendas Ripley, que se espalla por varios países, e Roberto Fantuzzi, presidente da Asociación Gremial de Exportadores de Manufacturas (Asexma), acaban de rebelarse contra o capitalismo salvaxe pedindo que as empresas e “os que máis gañen” paguen máis impostos para financiar as demandas sociais.
Lamarca fixo estas declaracións, que imediatamente apoiou Fantuzzi, nunha reunión mensual dos empresarios chilenos que tivo lugar precisamente no momento en que os estudantes do país tomaban as rúas para protestar contra a política do goberno de Sebastián Piñera, presidente de Chile, que se deu presa en manifestar o seu rechazo destas reformas.
“El que gane más que pague más”, pediu Felipe Lamarca, criterio co que marcaron algunha cercanía Jorge Awad, presidente da Asociación de Bancos e Instituciones Financieras, e Enrique Cueto, vicepresidente de LAN, pero contra o que turraron sectores coma os das papeleiras e a Asociación de Industrias Metalúrgicas y Metalmecánicas.
Hai preto dun ano, Lamarca xa adiantara parte do seu criterio cando dixo nunha entrevista que “este país (Chile) non vai cambiar mentres as élites non solten a teta”. Algúns prohomes de Galicia, de España e de Europa deberían tomar nota.

lunes, octubre 17, 2011

Os que gobernan aos que din representarnos





Na última xunta de accionistas do Banco de Santander, Antonio José Van Den Brule, fundador de Ajedrez Sin Fronteras, en representación da súa filla, licenciada en paro con dous idiomas, puxo colorado a Emilio Botín, afeándolle a súa “escandalosa conduta” á fronte do citado grupo bancario.
“Mientras se iba abriendo la fosa de la destrucción de empleo –espetoulle–, en la que millones de condenados perdieron su esperanza y su dignidad, ustedes se forraban a espuertas sin el más mínimo recato ni pudor”. Botín tivo que escoitar como os conselleiros do Santander cobraron, entre os anos 2006 e 2010 máis de 1.200 millóns de euros, máis de 325 só no 2010.
Van Den Brule tamén lle dirixiu as seguintes imprecacións: “Usted es alguien que hace política con mayúsculas y sin mojarse, además de ser un poderoso líder en la sombra, ajeno al escrutinio político” e “Ustedes son los que gobiernan a los que dicen representarnos”.
Como era de esperar, ao presidente do Santander non lle gustou nada que se lle colase un indignado na xunta xeral do seu Banco. Paga a pena ver o video premendo aquí ou sobre a imaxe da esquerda.

viernes, octubre 14, 2011

Tivo algo que ver Elena Espinosa coa piratería de Vidal Armadores?

Quizais a decisión tomada pola ex ministra Elena Espinosa, de renunciar ao segundo posto da lista electoral do PSOE por Ourense, non é totalmente allea a algúns aspectos da política pesqueira levada a cabo polo Ministerio do ramo, cando ela foi a súa máxima responsále, en relación coa empresa Vidal Armadores, que ten a súa base en Santa Uxía de Ribeira (A Coruña).
Nos últimos anos, Vidal Armadores estivo no punto de mira da Comisión Europea de Pesca que non parou de pedir por escrito ás autoridades pesqueiras españolas que investigasen as súa actividades, xa que ten enriba das súas costas máis de corenta casos abertos por supostas actividades de pesca ilegal que lle fixeron merecer a calificación internacional de armadora pirata e a inclusión de varios dos seus barcos nas correspondentes listas de alarma. Porén, tanto por parte da Administración central española como pola da Xunta de Galicia, Vidal Armadores nunca parou de recibir cuantiosas subvencións oficiais. Antonio Vidal Pego (na fotografía) e actualmente o seu principal administrador.
Agora, cando o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ polas súa siglas en inglés) decidiu meterlle o dente, publicando unha nova entrega da serie Looting the seas (Saquenado os mares), o caso desta armadora galega ocupou, por fin, o lugar que lle corresponde nos medios de información españois (non aínda así nos galegos). O xornal El País publicou, hai dous domingos, un resume da longuísima reportaxe elaborada polas xornalistas de ICIJ Kate Willson e Mar Cabra, na web do ICIJ apareceu o resultado completo da investigación e na publicación dixital española Frontera Dixital, que dirixe o galego Alfonso Armada, unha longa e detallada exposición dos feitos.
Non vaia suceder, polo tanto, que Elena Espinosa, a responsábel española de Pesca que máis puido facer e non fixo por escrarecer o caso de Vidal Armadores, pillase medo a que este caso lle estoupase nas mans preto dunhas eleccións xerais.

lunes, octubre 10, 2011

O verdadeiro escándalo das caixas

Excelente análise a que fai hoxe Antón Bamonde no seu artículo de El País, titulado ¿Cuándo se jodió?. Refírese ao escandaloso tema das indemnizacións multimillonarias que se auotorgaron os vellos directivos de Caixa Galicia e Caixanova, acerca do que escribe que “uno de los grandes misterios de la Galicia contemporánea ha sido la unanimidad que rodeó durante décadas las figuras de Julio Gayoso y José Luis Méndez, ahora ya unidos para la posteridad como Laurel y Hardy”.
Baamonde dóese de que “en ninguno de los periódicos del país –absolutamente en ninguno– se econtró jamás la menor sombra de acento crítico a ninguna de sus palabras o actitudes. Por supuesto, nadie de los tres partidos puso en cuestión su liderazgo”.
O articulista dá por suposto que o escándalo dos estipendios dos directivos das dúas caixas é monumental, “pero es indecente –escribe– ese gesto de monjas ursulinas en gente que parece haberse enterado hoy por la mañana de ciertas cosas”. Antón Baamonde sostén que “el verdadero escándalo reside en haber dejado hacer, durante décadas, sin hacer el menor gesto de crítica o de examen ponderado de bonapartismo que caracterizó a ambos directivos”.
Sen dúbida, unha análise obxectiva e competente do que pasou coa fusión das caixas de aforros e coa súas respectivas historias anteriores. Ler o artigo completo premendo aquí.