viernes, octubre 25, 2013

As amizades perigosas de Rajoy

Había poucas dúbidas acerca da categoría moral e cidadá do empresario norteamericano que nos quere impor o goberno de Mariano Rajoy para explotar na provincia de Madrid un singular casino proxectado co nome de Eurovegas. Abondaba coa pretendida imposición dunha lexislación especial en materia laboral e de saúde pública para poder facérmonos unha idea moi certeira de que clase de personaxe é o norteamericano Sheldon Adelson, pero a metedura de pata que acaba de cometer este malandro durante unha conferencia súa na universidade de Yeshiva (Nova YorK) deixouno definitivamente retratado.
Observen o que dixo referíndose a Irán: “E sobre que imos negociar? Eu diría, escoita, ves ese deserto que hai aí. Vouche mostrar algo. Logo colles o teléfono, chamas a calquera sitio de Nebraska e dis, OK, adiante. E tiras unha bomba atómica no medio do deserto, onde non fai dano a ninguén, quizais a un par de cobras, escorpións ou que haxa alí. Logo dis, ves? a próxima no centro de Teherán. Falamos de negocios. Queres ser borrado do mapa? Sigue adiante co teu programa nuclear. Queres ser pacífico? Retírao todo e garantirémosche que podes ter plantas nucleares para enerxía e electricidade”.
Estas son as amizades perigosas de Rajoy. Nin o máis peculiar mafioso siciliano sería quen de pronunciar unha ameaza tan característica do perigoso espírito belicoso que leva dentro de si Sheldon Adelson. Que anden con cuidado Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre. Calquera día dilles o seu amigo americano que ou se axeonllan diante del e sobre as brasas ou pide que boten a bomba atómica nos arredores de Alcorcón. Cela volve a ter razón: Madrid é unha aldeuchoa manchega, entre Navalcarnero e Kansas City, poboada de subsecretarios.

jueves, octubre 17, 2013

A fantasía de Emilio Botín


Non hai como ser banqueiro para que a un lle sorría o mundo. Aí está o caso de Emilio Botín, presidente do Banco de Santander, que hoxe mesmo dixo que estamos a vivir “un momento fantástico para España, porque chega diñeiro de todas partes”. Que lle conten esta milonga aos máis de 6.200.000 parados que hai no Estado e, sobre todo, aos máis de tres millóns de españois que viven en pobreza severa.
Considera Botín que a confianza en España aumentou de “forma inimaxinábel” nos últimos seis meses e que son moitos os que agora queren investir aquí. O banqueiro de referencia do capitalismo español opina que este cambio de rumbo da econmía española débese ás reformas laborais e financeiras levadas a cabo polo goberno de Mariano Rajoy. Faltaría máis.
O malo é que a realidade empéñase en contradicir sempre as trobas destes apóstolos do neoliberalismo que hai pouco aplaudían a política económica de Zapatero e agora degoiran pola de Rajoy. No derradeiro trimestre do 2007 había en España 370.000 parados de longa duración (máis de 12 meses). Agora case hai tres millóns máis. Un de cada dous parados é de longa duración. Máis de tres millóns de españois viven na pobreza severa (dispoñen de menos de 307 euros ao mes). Máis do doble dos que había en 2007.
O 6,4 por cento da poboación do Estado está composta por pobres absolutos. O 20 por cento desa poboación concentra cada vez máis riqueza. No 2013 hai 1.625 ultramillonarios españois, un 6,9 por cento máis ca no ano 2012, e o número de ricahóns aumentou un 13 por cento entre a primeira metade do 2012 e a do 2013. Neste intre hai 402.000 españois moi ricos, segundo Credit Suisse. Mentres tanto, 12 milóns de españois están vivindo por debaixo do umbral da pobreza. Un dato alarmante: o 27,2 por cento dos menores de 16 anos viven nesa pobreza, que pasou de atinxir o 19,7 por cento dos fogares no 2007 ao 21,12 por cento no 2013. E iso que a consideración de estar por debaixo do umbral da pobreza pasou de 15.900 euros cada ano (unha familia con dous adultos e dous menores) a 14.700 no 2012. Como se agora a vida non fose máis cara aínda.
Podiamos seguir expondo máis datos procedentes de fontes nada sospeitosas como algunhas institucións bancarias, Cáritas, Eurostat, etc. Se cadra, un máis: as persoas atendidas por Cáritas en España foron 307.251 no ano 2007. No 2012, 1.300.914. O 423,4 por cento máis. Que sigan Botín e o resto dos trobadores neoliberais cantando o himno de que España vai ben. E ofendendo a intelixencia da maioría.

jueves, octubre 10, 2013

Blanco Amor, a aventura de vivir nun pobo


Xa sei que ninguén me vai crer que aínda sigo enleado na organización da miña biblioteca. Dende hai máis de vinte anos levo empeñado en facer eu mesmo de bibliotecario de silveira co propósito de meter todos os libros que fun xuntando ao longo da vida nun programa informático que me permita telos facilmente localizabeis e controlados. En realidade, todo isto non foi máis ca un bo propósito que nunca empecei a realizar ata hai dous ou tres meses, pero agora xa estou a piques de rematalo e moito me alegro de telo emprendido. Por fin vou sabendo os libros que teño e mesmo os que xa non teño por diversas razóns que non veñen ao caso.
Por exemplo, acabo de atopar un volume titulado La peligrosa aventura de vivir en un pueblo, que foi publicado en 1990 mediante unha subvención da Deputación de Ourense. Colleita os artigos publicados por Eduardo Blanco Amor en la Hoja del Lunes e en La Región de Ourense durante os anos 1967, 1968, 1969, 1970 e 1971, grazas ao traballo levado a cabo polas irmás Belén e Maribel Outeiriño, que anunciaron daquela a súa intención de acometer “unha nova edición cos artigos do escritor ourensán nos mesmos diarios ata a súa morte, ocurrida en 1979”.
Di Maribel Outeiriño, no prólogo deste libro, que Blanco Amor decidiu afincarse en Ourense o día no que pensou mercar un piso na capital das Burgas, logo de andar errante case tres anos antes de tentar a perigosa aventura de vivir nun pobo. Daquela aínda circulaba algunha xenerosidade pola Galicia cultural e o autor de Xente ao lonxe puido adquirir a que pasou a ser a súa vivenda cos cartos que lle regalaron un grupo de pintores galegos, logo de facer con este fin unha exposición colectiva en Vigo.
Lamentabelmente as irmás Outeiriño aínda non cumpriron a súa promesa de 1989 de recompilaren o resto dos artigos de Blanco Amor publicados en La Región entre 1967 e 1979. Sei que Maribel e o escritor galego Lois González Tosar están sendo animados polo presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, a emprenderen conxuntamente unha futura edición deses artigos. Estaría ben que eles, ou quen fose, levase a cabo pronto esa recolleita que nos serviría, entre outras cousas, para coñecer mellor a quen foi un dos nosos mellores escritores e homes do pensamento galego. E, de paso, se cadra debería alguén afondar algo na vida que levou Blanco Amor dende que regresou de Arxentina. Eu sei de promesas que se lle fixeron en Vigo e que non foron cumpridas causándolle ao escritor desacougos e frustracións que non contribuiron a facerlle a vida doada durante os primeiros anos do seu afincamento definitivo en Galicia, por exemplo.

viernes, septiembre 27, 2013

Odiar o delito e compadecer o delincuente


Se Bécquer (grazas, corrector) vivise e estivese ao tanto do crime da nena de Santiago, revisaría a súa sonada frase referida á soidade na que rematan os mortos no cemiterio, para engadirlle algo sobre a soidade que tamén embarga aos que supostamente remataron a vida de Asunca Porto.
De teren ata unha voceira de luxo, María Teresa Navaza, que fraco favor lles fixo a eles e menos aínda a ela mesma, e senllos avogados que os defendesen –sen contar unha morea de veciños e coñecidos que tamén poñían a mao no lume por eles–, abondou con que o xuíz estrela Vázquez Taín ordenase o seu ingreso en prisión para que se desencadease un auténtico apartamento dos agora implicados no crime que antes eran figuras senlleiras e ata egrexias da vida compostelá. A nai da nena formaba parte da dirección do Ateneo e dalguna organización empresarial, entre outras cousas.
Está ben que a sociedade se aparte da delincuencia e chore con sinceridade pola morte dramática dunha mociña que prometía ir camiño de converterse nunha pesoa intelixente e preparadísima, pero non deberiamos equencer tanto o que dixo a nosa Concepción Arenal no tocante a odiar o delito e compadecer o deliencuante. Non me parecen nin heroicos nin moi de recibo os comportamentos dos dous avogados que empezaron defendendo a Rosario Porto e a Alfonso Basterra e que tiraron a toalla namais empezaren a verlle as orellas ao lobo, e mesmo sen que os ata agora seus defendidos tivesen opción de subsituílos. Tampouco lle vou felicitar esta vez un premio á miña amiga Teresa Navaza, que non sei por que se equivocou tanto representando un papel que a levou ata o límite do esperpento.
Celebro, dende logo, a efectividade e a eficacia da Garda Civil e do xuíz instrutor do caso, se é que finalmente se acaban demostrando as súas hipóteses, pero non me alegro nada do delirante espectáculo que deu algunha xente de Santiago, acundindo expreso á rúa para mostrar máis que nada os seus instintos primarios, nin da feira manipuladora que ofreceron boa parte dos medios de comunicación, sen dúbida coa colaboración interesada dalgúns investigadores do caso, ofrecendo versións infundadas e imaxes máis propias dunha teleserie de terceira ca dunha información responsábel. O crime de Santiago serviu para demostrarnos que cada vez hai máis televisión venezolana e menos –en realidade, ningunha– BBC.

miércoles, septiembre 25, 2013

Delincuencia interclasista


Antes de facerme maiano (non estou seguro de que se diga así o xentilicio da Maía) fun lugués durante 16 anos, outros 16 fun madrigalego, dous anos francés da Lorena e vivín 14 anos en Santiago. Coido que ata cheguei a sentirme picheleiro auténtico e a considerar que a actual capital de Galicia era o sitio no que me gustaría pasar os derradeiros anos da miña vida. Cheguei a ter, xa que logo, o que seguramente é un bo coñecemento do que son a vida e as xentes dunha Compostela que foi a miña cidade en tres etapas do meu paso por este mundo, dúas delas marcadas polo franquismo e por parte da súa longa noite de pedra.
Poucas veces observei, porén, algo semellante ao que parece estar acontecendo nos últimos tempos na cidade do Apóstolo e da burocracia política. En menos de dous anos estamos vendo como ao xuíz novelista Vázquez Taín lles están caendo de punta casos que lle poden seguir inspirando a súa carreira literaria e enriquecendo experimentalmente a súa profesión forense. De confirmárense as hipóteses de traballo que hoxe manexan as forzas de orde pública que investigan a morte da mociña de Santiago Asunta Basterra, seguramente estamos a piques de que o caso do roubo do Códice Calixtino, diñeiro e outros obxectos da catedral compostelá pase a moi segundo plano da historia recente da criminoloxía local.
Eu lembro que, hai só tres décadas, por exemplo, en Santiago a penas se falaba máis ca das gamberradas dun célebre Alejo que atemorizaba as mentes política e relixiosamente correctas do Ensanche. O tal Alexo, a quen eu coñecín bastante ben, no fondo non era máis ca un raposo domado que, de vez en cando, asaltaba o galiñeiro chupándolle a xema aos hovos, pero sen matar nin sequera mancar moito as pitas do curral. Agora é moi diferente. Quen roubou na catedral foi un propio “home de igrexa e sacristía”, e toda unha avogada de moitísima sona remata engaiolada como suposta implicada na morte da súa propia filla.
Será que os tempos avanzan unha barbaridade. Agora xa non son só os pobres de solemnidade ou os desarraigados de sempre os que engrosan a estatística da delincuencia. Aí están os Bárcenas, os Urdangarín, os Souza e tantos outros que pertenecen ás mellores camadas da boa sociedade actual. Santiago non podía ser menos en darlle que facer aos xuíces. A nosa delincuencia tamén é interclasista.

martes, julio 30, 2013

Os libros de Díaz Pardo


Atarefado como ando case exclusivamente na recatalogación da miña biblioteca, vou de sorpresa en sorpresa. Resulta enormemente interesante somerxerse varias veces na vida no proceloso mar dos libros que un vai acumulando ao longo dos anos. Atópanse dedicatorias de autores que un non sabía que as tiña, notas que fan revivir un pasado esquencido, cartas de amor e desamor perdidas entre as follas dos volumes, vellos manuscritos e artigos mecanografiados, etc. A min ata me apareceu un carnet da Sala de Bingo do Círculo Mercantil e Industrial de Santiago do ano 1979. Debe se o único deste tipo que me fixeron en toda a vida porque, en xeral, nunca pertencín a clubes, casinos nin sociacións deportivas ou polo estilo. E, por certo, niso do Bingo tampouco fun nunca afortunado.
Maís interesante aínda é ir vendo como evolucionou a actividade editorial en Galicia e o uso do idioma galego por parte dos autores, por exemplo. Hainos que ata cambiaron as grafías dos seus nomes e/ou apelidos varias veces. De momento, o que máis me chama a atención é a enorme importancia que tiveron as Ediciós do Castro de Isaac Díaz Pardo, unha editorial que algún día os especialistas da cultura galega deberían estudar a fondo para situala en todo o esplendor que merece esta editora. Isaac publicou centos de libros e, sobre todo, deu ao prelo o que había que dar sen limitarse aos corsés culturalistas e saudosos que caracterizaron a outros editores galegos. A case todos, en xeral.
No enorme fondo de Ediciós do Castro, sobre todo nas décadas de 1970 e 1980, está a Galicia real, a dos problemas, as solucións e a análise crítica. Literatura, poesía, ensaio... hai de todo no seu catálogo. Está ata o poeta Ho-Chi-Ming, traducido por Neira Vilas. Hai estudios sobre o anarquismo, o comunismo, o marxismo, o liberalismo, o capitalismo. Sobre case todo. E sobresae a edición de publicacións periódicas sobre Cerámica, Aqrueoloxía, Xeoloxía, Mineraloxía, Edafoloxía, Tecnoloxía, Medio Ambiente, Historia, Economía, Arquitetura, etc. Vendo o moito que se publicou na hoxe case desaparecida Ediciós do Castro parece como se os da miña xeneración nos tocase vivir nun país desenvolvido, moderno e actualizado. Xa sei que só é un espellismo, pero a culpa non é de Isaac Díaz Pardo.

viernes, julio 26, 2013

Os de Angrois


Estase a falar ben e moito dos veciños de Angrois, unha aldea próxima á capital de Galicia, que mostraron a excelencia humana botándose inmediatamente a salvar vidas e atender feridos no dramático accidente que vén de suceder en Santiago. Curiosamente, enfrascado como ando en reorganizar e catalogar a miña biblioteca, atópome co Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez González, no seu tempo membro da Real Academia Galega, que tamén fala dos veciños de Angrois, pero da seguinte maneira:
“ANGROIS. Nombre una aldea próxima a la ciudad de Santiago, que ha dado lugar a la formación de varias frases y locuciones muy gallegas, funadas en un supuesto pueblo imaginario de habitantes rudos. // ¿Coidas que son de Angrois?, ¿crees que soy tonto y me engañas? // Non veño de Angrois, y también non vimos de Angrois, dícenlo aquellos que no quieren pasar plaza de cándidos, de ionecentes o de poco avisados. // Parece que vés de Angrois, se dice al que da señales de estar abobado o de tener corto entendimiento. // ¿Seica somos de Angrois ou que?, suele objetarlo el que cree que lo tomo por inexperto o por torpe”.
Por desgraza, tivo que suceder algo tan terribel como o que pasou o día 24 de xullo para que os de Angrois pasen á máis recente historia como excelentes persoas, cidadáns xenerosos e solidarios e exemplo de bonhomía. O paso dos tempos adoita presentar estes paradoxos.

viernes, julio 05, 2013

Os ricos non choran, evaden impostos

Foto Xosé Castro (La Voz de Galicia)
Amancio Ortega, o home mais rico de España e o cuarto máis rico do mundo, cunha fortuna valorada en 40.000 millóns de euros, non é precisamente o que máis se distingue por pagar relixiosamente os seus impostos. Unha sentenza do Tribunal Supremo acaba de obrigalo a pagar 33 millóns de euros máis do que pagou polo que lle correspondía polos anos que pasaron do 2001 ao 2003 (ver El País). Emilia Pérez, a súa muller, e a súa filla Marta Ortega tamén deberán pagar 336.942 e 897.720 euros, respectivamente, e o daquela videpresidente de Inditex, Xosé María Castellanos, terá que abonar 365.000 euros máis en impostos.
Entre os catro, trataron de non pagar case 37 millóns de euros do que lles correspondía de impostos polos tres anos investigados pola Facenda Pública, despois de que Amancio Ortega e Castellanos  configurasen “un artificioso entramado patrimonial coa finalidade de beneficiarse dunha exención que por definición non resulta aplicábel”, segundo acaba de sentenciar a sala do contecioso-administrativo do Tribunal Supremo. Amancio Ortega, a súa muller, a súa filla e o daquela home de confianza Xosé María Castellanos, actualmente á fronte de NCG, baixo a direccón deste último, armaron unha arañeira financeira coa intención de aforrar case 37 millóns de euros no que lles correspondía pagar de impostos despois de teren logrado cuantosísimos beneficios coa venda de accións de Inditex cando este grupo empezou a cotizar na Bolsa. Só no caso de Amancio Ortega, estes beneficios foron de 1.300 millóns de euros, e o armadillo de sociedades empregadas para intentar non pagar impostos comprendeu varias Sicav ou Simcav e empresas familiares como Ponte Gadea, Licidia, Inversiones Menlle, Alazán, Keblar, etc.
Para que se diga que os nosos millonarios son xenerosos.

miércoles, julio 03, 2013

Ao servizo do imperialismo


Estará o primeiro mundo gobernado por unha panda de incompetentes que nos levaron a crise que estamos a padecer? Será Europa unha trela composta por cónsules do imperialismo para atarnos ben atados ao poder dos USA? O tratamento a que foi sometido o presidente de Bolivia, Evo Morales, cando volvía de Moscú logo de asistir a unha reunión de paises podutores de gas natural, pon os pelos de punta. E, coma sempre, foi o goberno de Mariano Rajoy o que máis sobranceou as súas ínfulas de lacaio dos Estados Unidos.
Baseándose no rumor infundado de que o avión presidencial boliviano podía transportar clandestinamente a Edward Snowden, o ex empregado da NSA que anda destapando as malas artes dos servizos segredos norteamericanos, varios países europeos (España, Portugal, Francia e Italia) mostraron o seu servilismo ao imperialismo negándolle permiso a volar sobre os seus espazos aéreos ou a aterrar nos seus aeroportos. O avión de Evo Morales tivo así que parar no aeroporto de Viena e permanecer nel durante case un día, dando orixe a un dos episodios máis vergonzosos que se deron na diplomacia europea das últimas décadas.
E quen foi o máis adiantado representante desta provocación exercida contra o goberno de Bolivia? Nada menos que o embaixador de España en Austria, Alberto Carnero, que cumprindo ordes do ministro español de Exteriores, José Manuel García-Margallo, se presentou no aeroporto de Viena, a horas intempestivas da madrugada, pedíndolle a Evo Morales que lle deixase subir a bordo do avión para tomar un café dentro. Sen dúbida o diplomata español tamén quería facer el mesmo de espía. O presidente de Bolivia díxolle que non, que el non era un criminal.
A primeira consecuencia xa é que, en varios países de Latinoamérica (Bolivia, Arxentina, Ecuador, Venezuela...) volven a mirar cara a Europa, e particularmente cara a España, como se fose un territorio do que hai que desconfiar. Evo Morales, sen que lle falte a razón, considerou que el e o seu avión presidencial foron secuestrados.
Polo demais, resulta curioso comprobar como un goberno coma o de España, que deixou campar as súas anchas o vós segredos da CIA cando transportaban presos clandestinos tomados en Irak ou en Afganistán, se mostre agora tan puntilloso co avión presidencia dun país que non só debería ser amigo senón tamén considerado como antigo fillo da “Madre Patria”. Debe ser por aquilo de que, como é sabido, o infanticidio sempre foi unha práctica que, máis ca unha excepción, constitúe unha regla. E en política, cando se trata de servir ao amo, máis aínda.

jueves, junio 27, 2013

O Sorriso de Daniel


O Sorriso de Daniel é unha asociación fundada en Santiago, o 6 de marzo de 2010, co ánimo de promover o románico galego, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval galego, difundíndoo dentro e fóra de Galicia e fomentando o seu estudo e coñecemento e a transmisión do seu valor ás xeneracións futuras.
Dende a súa aparición destacouse levando a cabo traballos de limpeza e recuperación de puntos do patrimonio galego que estaban totalmente abandonados ou incomprensibelmente desatendidos polos organismos públicos que deberían velar por eles. Neste aspecto, O Sorriso de Daniel é unha meritoria brigada verde que acode onde non chegan outras mans protectoras do noso patrimonio. Igrexas, vellos mosteiros, etc. xa se beneficiaron da súa voluntariosa entrega pública.
O pasado 15 de xuño andaron por terras de Caldelas. Limparon a maleza que cubría boa parte da antiga igrexa e camposanto de San Paio Abelenda, un lugar que eu visitei e fotografiei aló polo ano 1972, cando comenzabamos a facer a Gran Enciclopedia Gallega. Pasaron 31 anos e, polo que vexo, as cousas alí foron cada vez a pior. Moito temos que agradecer que haxa xente coma do Sorriso de Daniel que lle dá sentido a unha parte da súa vida traballando polo ben público.

miércoles, junio 19, 2013

O decano Platas Tasende preocúpase por Xosé Luis Méndez


Informou Europa Press de que o decano do Colexio de Avogados da Coruña e presidente do Consello Galego de Avogacía, Antonio Platas Tasende, dirixiuse por carta ao vocepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedirlle que se protexa a comparencia de Xosé Luis Méndez, ex director xeral da da desparecida Caixa Galicia, no Parlamento pola “posíbel presenza de grupos de presión”.
Hai cousas que se pasan de rosca e esta é unha delas.  A conto de que demanda o remitente da carta esta protección? Como avogado defensor de Méndez? Como representante dos letrados coruñeses e galegos? Debería precisalo en tanto e canto utlizou o membrete oficial do Colexio de Avogados da Coruña e redactou a carta facendo mención á súa condición de presidente do Consello Galego da Avogacía. Se é como avogado defensor do multimillonario ex banqueiro non estaría de máis que non mesturase  tanto a dignísima función de defender ou a asesorar a alguén coa igualmente digna representación dunha corporación profesional. Se actúa como tal representante e non como defensor nin asesor particular, quizais debería ir pensando en mostrar igual preocupación en dirixirse ás autoridades para preocuparse pola seguridade de todos e de cada un dos cidadáns que podan ter que pasar por circunstancas parecidas ás do cidadán Méndez, que a estas alturas debería ser nin máis nin menos que un cidadán calquera. Iso si, coa diferenza de que un calquera non meteu no peto a millonada que levou Xosé Luis Méndez.
Alén disto, hai algo de extravagante no comportamento do avogado e representante institucional Platas Tasende. Pensa se cadra o ilustre letrado que quen manda na Xunta, no Parlamento Galego ou na Delegación do Goberno, por exemplo, non se ocupan de prestar a debida seguranza a calquera cidadán que a precise, e hai que pedírllela para que sea efectiva? Se eu fose o vicepresidente Rueda, lería de reollo a carta que lle mandou Tasende.
Seguramente o que nos di todo este asunto é, unha vez máis, que hai cidadáns de primeira, de segunda e de terceira; e logo estamos a inmensa maioría: aqueles polos que non se vai preocupar endexammais ningún Platas Tasende. Unha lección máis da historia que estamos facendo (padecendo).

martes, junio 18, 2013

Faits divers en Pontevedra

Foto tomada de La Voz de Galicia

De vez en cando aparecen nos xornais noticias desas que os franceses chaman faits divers que tiran poderosamente á reflexión. Hoxe, por exemplo, en La Voz de Galicia, o caso dun rapaz que se tirou ao río Lérez en Pontevedra para salvar unha cadeliña de tres meses que probablemente foi botada ao río por algún desalmado.
Eran as tres da mañá cando Daniel Ferrer e Tamara López, que estaban dando un paseo pola ponte dos Tirantes, oíron os queixidos do animal. Chamaron á Policía Local –os feitos ocurrían moi preto da Xefatura– pero dixéronlles que non podían facer nada. Daquela o rapaz, tirouse á auga e, poucos minutos despois, saíu dela ca cadeliña nos brazos. El e a súa moza tapárona cunha chaqueta e, empapados, fóronse con ela para a súa casa para continuar salvándolle a vida. Esta vez o heroi foi David Ferrer, e non a Policía Local de Pontevedra. Todo hai que dicilo.

martes, junio 04, 2013

Bancos que cobran ata por axudarlles


A calquera –polo menos aos que somos clientes do BBVA– lle pode pasar o que me acaba de suceder a min. Hoxe recibín, na miña conta de correo electrónico de Gmail, unha mensaxe con este texto: "Debido a cambios en nuestra política interna, a partir del 06.04.2013 para seguir usando su tarjeta en linea usted esta obligado a descargar y completar el formulario seguro”. Tal cual, sen acentos e con esta linguaxe de sospeitosa concisión. Nin que dicir hai que non se me ocurriu para nada descargar nin abrir o arquivo adxunto que chegou coa mensaxe, un BBVA.zip
Pensei que lles podía ser de utilidade aos do Banco saber destas incidencias, e chamei ao número 902 22 44 66 (Línea BBVA). Atendeume unha muller moi atenta, iso si. Pero cando lle ofrecín reenviarlle a mensaxe recibida a algún email que me indicase, por se lles fose de utilidade analizala por parte dos seus servizos de seguridade, díxome que tiña que chamar a outro número de teléfono, que tamén era un 902. Ou sexa, dos que hai que pagar un sobrepezo por utilizalos. E por aí non pasei. Está ben que eu me esforce en comunicarlle a un Banco que hai alguén que supostamente está usurpando a súa identidade para enganar e seguramente estafar á súa clientela, pero que teña que pagar dúas veces chamando a un 902 para prestar esta axuda xa é pasarse de rosca. Debe ser que os Bancos ata cobran por axudarlles a mellorar a súa seguridade informática.

lunes, junio 03, 2013

A propósito de René Burri e Xosé Suárez


Este Croque vai dedicado a Fernando Acuña Castroviejo.

O Museo do Elíseo de Lausana acaba de recibir un excepcional novo fondo procedente do fotógrafo suizo René Burri, no que figura, por exemplo, o célebre retrato do Che Guevara fumando un voluminoso habano.
Concretamente esta foto é unha das máis coñecidas no mundo enteiro. René Burri, que acaba de cumprir 80 anos, traballou para a axencia Magnum dende o ano 1959 cubrindo os acontecementos máis importantes de América Latina, Próximo Oriente, Berlín Este, Paquistán, Vietnan do Norte ou China. Algúns dos seus clichés, como os do Che, Le Corbusier ou Picasso, xa son auténticas iconas do acontecer internacional da nosa época.
Vendo estas cousas, un pode preguntarse que se ten feito en Galicia neste campo. Por exemplo, onde anda a inmensa e importantísima obra fotográfica que deixou o alaricano Xosé Suárez? Hai máis de 30 anos tiven o privilexio de coñecer da súa man parte do que gardaba nunha casa de Allariz e, dende aquela, sempre tiven claro que a súa obra era unha das máis importantes do mundo. O célebre retrato de Miguel de Unamuno, magníficos traballos seus feitos nos Andes ou en Xapón revelaban a Xosé Suárez como un auténtico mestre da fotografía internacional. Quizais me equivoco, pero non sei de que haxa en ningún lado un museo que conserve e expoña a espléndida producción deste galego que viviu moitos anos na Axentina, onde foi unha prezadísma figura do xornal La Nación. Xa sei que en épocas de vacas fracas coma de agora, se cadra é pedirlle peras a un eucalipto propoñer que se recupere a figura e, sobre todo, a obra de Xosé Suárez, pero eu atrévome a solicitar que alguén se ocupe deste asunto. Se cadra o meu amigo Xosé Manuel Baltar, actual presidente da Deputación de Ourense, se por acaso le estas lineas, podía facer algo por este tema. Non somos suizos, pero tampouco debiamos reducirnos a sermos sempre a república barataria do occidente de Europa.

lunes, mayo 20, 2013

Miguel Ángel Rodríguez, moralista


Miguel Ángel Rodríguez, que foi no seu día secretario de Estado de Comunicación do goberno presidido por José María Aznar, á saída do xuízo a que foi sometido por provocar un accidente en Madrid, conducindo cunha alta alcoholemia, manifestou o seguinte: “Tengo que pedir perdón a la sociedad española y además haré todo lo posible, a partir de ahora, para concienciar a la gente de que eso no se puede hacer bajo ningún concepto”.
Está moi ben que este Paulo da dereita recalcitrante española caese do cabalo, pero a min case me abondaría con que a luz que recobrou estrelándose contra tres coches nunha rúa do barrio madrileño de Retiro lle servise para decatarse de que el non debería volver a facer nunca máis o que fixo, “eso que no se puede hacer bajo ningún concepto”, segundo pensa agora.
Non sei por que me dá a min o corpo que aínda imos velo na Televisión ou nas campañas oficiais explicándonos como hai que conducir, e a verdade é que eu case preferiría que esas leccións de moral circulatoria nolas dese algún condutor máis exemplar. De entrada, a directora xeral de Tráfico, María Seguí, xa o convidou a colaborar dicindo que teñen traballo en abundanza para compartir con xente coma el. Só faltaría que un accidente, que non causou desgraza porque Deus non o quixo, remate servindo para que Rodríguez faga caixa agora de programa en programa televisivo, por exemplo.

lunes, mayo 13, 2013

O BNG contra Alonso Montero


Pilar García Negro
Está claro que unha boa parte dos que pintan algo no BNG –agora e antes– sempre mostraron unha animadversión difícil de comprender contra Xesús Alonso Montero. Unha boa proba foi a incontinencia verbal que lle aplicou o outro día Xavier Vence, e hoxe foi Pilar García Negro a que botou veleno pola voca contra o actual presidente da Academia Galega. En xeral, todos os apparátchikis do nacionalismo do Bloque non poden nin oír falar del. Dame a impresión de que, nunha hipotética situación de poder que eles ostentaran, ao primeiro que mandarían ao paredón sería o autor do Informe dramático da lingua galega.
E isto por que? Sábese e non se sabe. De entrada, contou a rivalidade que houbo algunha vez entre Alonso Montero e Francisco Rodríguez, dous expertos en Rosalia de Castro, comunistas ámbolos dous. Pero un metido no nacionalismo ata as cachas e o outro militante do internacionalismo. Tamén xugou o seu papel a competencia que sempre tiveron, sobre todo hai anos, o Partido Comunista e a Unión do Pobo Galego. Os da “U” nunca tragaron a Alonso Montero. Sempre foi para eles un inimigo político e cultural a bater. A súa particular besta parda.
Ata agora, todo isto non trouxo máis consecuencias cas de manter unha estéril loita persoal que non favoreceu a ninguén, pero o caso puido cambiar moito coa chegada de Alonso Montero á presidencia da Academia. Os do Bloque, moitos dos seus dirixentes e miltantes, parece que están dispostos a levar contra el unha guerra coma que levou a dereita contra Xosé Luis Méndez Ferrín para botalo da rúa Tabernas. A campaña xa está en marcha, dende logo, e, por certo, sen aforrar insultos persoais nin catilinarias de taberna.
Que é o que dixo ou fixo gravemente Alonso Montero para merecer esta reacción tan virulenta do BNG? Abondou con que opinara, en Voz Televisión, que esta forza política quérelle tan ao idioma galego que é coma esas madres que, de tanto quererlles aos seus fillos, abáfanos apretando neles? Acaso isto non ocurre moitas veces, efectivamente, coa política sociolingüística do Bloque? E por que non lle responden a Alonso Montero sen insultalo como se fose o seu pior inimigo? Nin a Feijóo nin a Rajoy nin a ninguén máis lle dedican insultos tan groseiros.
O caso é que esta nova liorta entre galeguistas e nacionalistas non é boa para ninguén, senón que lle fai un fraco favor á cultura e ao idioma galegos. Se cadra Alonso Montero ben puido evitar unha actitude que os do Bloque tomaron coma unha provocación insportábel, pero nin Xavier Vence debeu entrar ao trapo da maneira que entrou nin Pilar García Negro debería tomar quenda coma a colleu. No fondo de todo isto, estase a dar a perniciosa impresión de que vivimos arredor dunha intelligentsia que non lle importa máis nada ca súa propia supervivencia, o seu marcado egocentrismo e o seu particular maniqueísmo. Os graves problemas do país están moi lonxe de todo isto. E válianos Breogán se os do Bloque se empeñan en resolvelos por este camiño. Son irmáns e non se entenden. Coma sempre.

sábado, mayo 11, 2013

O mafioso español Fernández Paz, asasinado en Sicilia

Juan Ramón Fernández Paz

O español Juan Ramón Fernández Paz, de 57 anos, e o portugués Fernando Pimentel, de 36, foron asasinados hai pouco pola mafia siciliana preto de Palermo. Os seus corpos, con máis de trinta disparos recibidos sobre os seus corpos, foron encontrados nun basureiro incontrolado de Casteldaccia, e xa foron detidos dous participantes no crime, os irmáns Pietro e Salvatore Scaduto, fillos dun vello coñecido da mafia siciliana, Bartolomeo Scaduto, que foi asasinado no ano 1989. Salvatore Scaduto fora noivo dunha irmá do arrepentido Francesco Marino Mannoia, que tamén foi asasinada, xunto coa súa nai e unha tía, no ano 1989, cando o seu irmán empezou a colaborar coa Policía italiana. Fernández Paz –alcumado Joe Bravo– era, segundo a Policía canadiana, “un gángster perfecto”.
Fernández Paz, preso en Canadá
Os corpos de Juan Ramón Fernández Paz e de Fernando Pimentel foron atopados o 21 de abril logo dun chivatazo anónimo que recibiron os Carabinieri. O mafioso español chegara a Sicilia en xunio do 2012, despois de ser expulsado de Canadá, donde acabara de cumprir unha condena de dez anos por extorsión, tráfico de drogas e posesión ilegal de armas. O portugués Fernado Pimentel reuniuse con el en Palermo dúas semanas antes da súa morte. Os dous andaban relacionados coa banda mafiosa de Bagheria, unha pequena cidade moi póxima á capital siciliana.
Fernández Paz, mentres viviu en Canadá, traballou para o xefe da mafia de Montreal, Vito Rizzuto, natural da localidade siciliana de Cattolica Eraclea. Naceu en España, pero os seus pais levárono a Canadá cando tiña cinco anos e alí tardou pouco en converterse nun personaxe importante da mafia de Quebec e Ontario. O feito de non ser siciliano nin sequera italiano, non lle impediu ser aceptado como membro de honra da poderosa Mafia. Na súa xuventude foi un atleta afeccionado, experto en artes marciais. Cando tiña 22 anos foi acusado de matar a súa noiva, unha bailarina exótica, e condenado a 12 anos de cadea. Ao saír do cárcere dedicouse a vender coches e tivo un bar de zumes en Montreal. Foi varias veces condenado e deportado, pero sempre volvía a Canadá. Foi relacionado cos asasinatos dos tamén mafiosos Panepinto e “Big Gus” Alevizos. Un informe penitenciario elaborado sobre Fernández Paz atribuille “tendencias psicópatas”, “egocentrismo”, “narcisismo”, ”grandiosidade” e “insensibilidade”.
Fernández Paz, xa en Sicilia
Era un home guapo, que iba sempre ben vestido, de complexión forte, que atraía enormemente as mulleres, entre elas algunha garda dos cárceres. Boa parte do seu poder procedía da súa relación co cappo canadiano Vito Rizzuto, aliado da familia Bonnano de Nova York. Cando Rizzuto foi levado ao cárcere, os seus inimigos mafiosos matáronlle o pai e o seu fillo. Este último foi enterrado nun ataúde de ouro e levado en procesión pola Montreal Little Italy.
Vito Rizzuto
Pero derradeiramente a Fernández Paz atribuíaselle tamén certa relación con outro mafioso importante en Canadá, Raynald Desjardin, e suponse que foi mandado matar polos seguidores de Rizzuto porque non mantivo clara a súa posición nunha cruenta guerra entre bandas que custou máis de 50 vítimas mortais en tres anos. Os de Rizzuto pensaron que Fernández se estaba pasando ao inimigo e tendéronlle unha trampa que, segundo parece, consistiu en que os irmáns Scaduto dixéronlle que acudise ao lugar onde o mataron para ver unha prantación de marihuana. Namais baixárense do coche el e o seu home de confianza, o portugués Fernando Pimentel, recibíronos con máis de trinta tiros de pistola. Fernández Paz non se separaba nunca dun reloxio Rolex de ouro que lle regalara Vito Rizzuto e esa vez levábao posto. Despois de matalo, roubáronlle esta xoia e un dos irmáns Scaduto tentou vendela pouco despois en Palermo por 3.000 euros.
O caso motivou unha gran redada que levou ao cárcere a máis de 30 mafiosos relacionados coa banda mafiosa de Bagheria, preto de Palermo.

viernes, mayo 10, 2013

Xavier Vence non é Meendiño


Xavier Vence é todo un catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago que parece inclinado a sumarse ao corifeo vociferante no que se convertiu a política galega dos últimos tempos. Chegou a ser o mandamáis do BNG cando xa quedaban poucos para merecer –ou para aceptar– ese cargo e agora anda buscando, polo que parece, un lugar no que luza o sol da polémica rachada e maleducada.
A Vence non lle gustou o que dixo recentemente Xesús Alonso Montero, ao ser entrevistado en Voz Televisión por Fernanda Tabarés, acerca de que “se hai unha formación política comprometida co idioma esa é o BNG, pero son como esas nais que queren tanto aos nenos pequenos e aprétanos tanto que os abafan”. Era moi libre de gustarlle ou non esta análise, e o que debeu facer é rebatela con argumentos e non con insultos. Falando no Foro Cívico da Coruña, o líder do BNG chamoulle “bocazas” e “botarate petulante” a Alonso Montero, que mesmo podía ser seu pai. Nisto non se diferencia en nada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non se recatou en ofender a Beiras, que tamém podía ser seu pai.
O novo practicante do “maldizer” galego –nada a ver coas Cantigas de Meendiño nin de Airas Nunes– referiuse ao presidente da Academia Galega con esta frase: “Alonso Montero evidenciou un complexo clasista en relación ao galego, con conceitos de home rancio e anticuado. É un auténtico bocazas, un botarate petulante que destila certa misoxinia ao facer eses simis”.
Isto é o que se chama botar a lingua a pacer. Un señor catedrático da alma mater compostelana, que aspira a gobernar Galicia, arremete contra o presidente da Academia chamándolle “bocazas” e “botarate”. Nen sequera utilizou o idioma galego para insultalo, no que debería dicir bardallas, barafustán, baralleiro ou barallocas, en vez de “botarate”; ou linguateiro, deslinguado, lercho, lerchán, lingoreteiro, falabarato ou badueiro, en vez de “bocazas”. Non. O destinguido –non confundir con distinguido ou sobranceiro– Xavier Vence apuntouse á linguaxe insultante coa que hoxendía certos políticos parecen sentirse a gusto. A min o único que me inspira Xavier Vence con esta verborrea son unhas inmensas ganas de mandalo á merda. Para falarlle dende o seu propio nivel de educación.

sábado, mayo 04, 2013

A morte dun indixente en Santiago reclama transparencia

Esta vez non teñen directamente a culpa nin Rajoy, nin Feijóo, nin Ana Mato nin Ana Pastor, nin Romay Beccaría, nin calquera dos de que –un tras doutro– foron deteriorando a asistencia pública española. Desta vez o culpábel é soamente un médico desaprensivo que preferiu aforrarle unhas cadelas á Seguridade Social a determinar o ingreso no hospital dun indixente que rematou morrendo debaixo dunha dársena da estación de autobuses de Santiago (ver La Voz de Galicia).
Desta volta a ambulancia medicalizada chegou a tempo, pero o médico que foi a bordo nin sequera lle puxo a man no corpo ao agora falecido. Límitouse a preguntar que tomara, e dixo que o tapasen ben e que lle deixasen durmir, segundo afirman os amigos do falecido. E, máis que durmir, o que lle pasou é que morreu coma un can. Chamábase Andrés Canet Requena, era valenciano de nacemento e tiña 42 anos. Tamén era toxicómano e alcohólico. Un ninguén para o médico que presuntamente o desatendeu.
O caso debería ser investigado como é debido e, se houbo neglixencias ou outras responsabilidades máis graves, aplicada a correspondente penitencia. A Seguridades Social está chea de bos sanitarios, excelentes persoas e cidadáns exemplares. Por isto, entre outras razóns, a morte do indixente da estación de Santiago reclama transparencia e responsabilidade.