Varios "abaixo firmantes" promovidos polo Comité Cidadán de Ferrol que tanto leva loitado para que se cumpra a lexislación vixente no proceso de construcción e posta en marcha da planta de tratamento de gas de Reganosa, que nunca debeu ser feita no medio e medio da ría ferrolá, entre os que se contan os escritores Manuel Rivas e Suso de Toro, o catedrático nacionalista Xoán Manuel Beiras e a actriz Mabel Rivera, pídenlle á conselleira de Obras Públicas, María Xosé Caride, o cese inmediato do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Amable Dopico, por non ter exercido as súas competencias para prohibir a entrada do buque gaseiro Galicia Spirit o pasado 9 de maio.
Alegan que a planta de gas que Reganosa constrúe en Punta Promontoiro (Mugardos) "ten unha autorización de construcción suxeita a determinados condicionados, entre eles un dictame de seguridade sobre aplicación do artigo 12 da Directiva Seveso II, real Decreto 1254/99 de 16 de xullo, en canto a distancias suficientes ata as poboacións próximas; así mesmo a saída de emerxencia dos buques gaseiros". "Por iso o actual Goberno no Congreso dos deputados, en setembro pasado compromeuteuse a que esixirá o cumprimento de todos os condicionados", pódese ler no escrito que firmaron os peticionarios do cese de Dopico.
Segundo este documento, "Reganosa aínda non terminou as súas obras e ten sen acreditar o cumprimento de tales condicoonados, polo que non pode ter autorización de funcionamento segundo o artigo 85 do Real Decreto 1434/2002, polo que nas plantas de gas a acta parcial e de probas só é legal como parte da autorización de funcionamento despois de que esetan resoltos todos os condicionados da autorización de construcción, pero Reganosa ten condicionados que son imposíbeis de resolver".
O director da área de industria e enerxía da Coruña, Francisco Barroso Palomino, o pasado 4 de maio, asinou unha acta de posta en servizo parcial para proba por tres meses de Reganosa, e o 9 de maio, ás 9,30 horas, entrou na ría de Ferrol o gaseiro Galicia Spirit cargado con 140.500 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL), logo de varios días de oposición popular a que se levara a cabo este atraque nos peiraos de Reganosa e con forte intervención final da forza pública.
A petición de cese dirixida contra Amable Dopico –que tamén foi dirixida contra o delegado xeral do Goberno, Manuel Ameixeiras e contra Francisco Barroso– resulta aínda máis sgnificativa se se ten en conta que este socialista ferrolán, antigo director de Astano, formou parte do goberno municipal de Ferrol cando foi alcalde o nacionalista Xaime Bello e a Corporación, por maioría absoluta, acordou esixir que se cumprira totalmente a lexislación por parte de Reganosa. Daquela, os socialistas que encabezaba Dopico eran partidarios de que a planta de gas non se fixera en Punta Promontoiro, é dicir, no interior da ría e a poucos metros do centro da cidade de Ferrol, senón que fora trasladada ao lugar onde está a piques de terminar a construcción do Porto Exterior de Ferrol. Tamén é curioso que os nacionalistas de Bello que antes apoiaron este traslado, encabezados agora por Xoán Xosé Pita, están a favor do funcionamento de Reganosa onde antes non a querían. Ata sintomático parece resultar o feito de que o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, tamén nacionalista, acodise oficialmente a recibir o primeiro gaseiro que entrou en Reganosa. Algunhas formas de entender e practicar a política acostuman presentar estes constrastes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario