martes, agosto 26, 2008

Regreso a Itaca

Desconectar coa realidade cotiá conleva vantaxes e inconvintes. Entre as primeiras está sen dúbida a posibilidade de rachar coa realidade máis domesticada, que boa falta nos fai algunha vez, e, entre o máis inconvinte, atópase a necesidade de termos que regresar perentoriamente ao mundo que nos é propio.
Este ano eu tiven a sorte de iniciar o 25 de xullo un periplo de navegación a vela que me levou dende o norte de Grecia a Vilanova i la Geltrù (Cataluña), pasando por case todos os mares tan entrañábeis que compoñen o Mediterráneo e dándome a oportunidade de coñecer illas paradisíacas comas de Itaca, as Eólicas ou a propia Sicilia. Foi case un mes de desconexión total da vida de todo o ano, aventura da que tiven que espertar abruptamente pouco despois de aterrar en Lavacolla coa dramática nova do accidente aéreo de Madrid. Durante todo este tempo nin me enterei de que a un paisano noso de Madrid, Xésús Neira, un pallaso con cartos no banco rompeulle a vida por recriminarlle que estivese maltratando a súa muller. Un amigo de Neira contoume hoxe o caso e fiquei abraiado.
Ando agora recuperando como podo a vida de sempre e confeso que me está custando moito afacerme a ela. Son dos que, por formación e cultura propias, seguimos pensando que as boas noticias non son noticia e quizais por iso fíxome máis no mal que vai case todo. Por exemplo, María Xosé Caride, conselleira de Política Territorial e nena bonita do presidente Touriño, segundo se conta, anda dicindo que os os cincocentos metros de protección do litoral que se estrabreceron por lei son só “unha referencia” e que “nalgunhas partes vaise ir máis aló e noutras baixarase”.
Eu non sei para que se fan as leis se non é para incumprilas cando os que poden presionar presionan. O periplo navegante ao que fixen referencia permitíume observar que nin nas mafiosas Calabria e Sicilia italianas é tan arrepiante a degradación costeira como en Galicia. Ben ao contrario, na capital calabresa, en Reggio Calabria, atopei un urbanismo de respeto e apertura ao mar que xa podían empezar a importalo os de Ferrol, por exemplo. No ámbito administrativo siciliano, estiven en paraísos ben conservados coma illa de Lípari, na espléndida cidade de Trapani o un Palermo, que está tratando de recuperar parte do seu antigo esplendor aínda que de momento continúe algo perdido no marasmo que asolou esta antiga capital cultural de Europa. E non lles conto nada do moito que me impresionou a illa hómerica de Itaca, en Grecia.
Aquí, pola contra, vennos dicir a “niña” Caride que preservaremos a costa sgundo nos conveña, é dicir, segundo lles conveña aos especuladores do chan. Para esta viaxe non facían falta as alforxas da Lei de Protección do Litoral que, se non van cumprila, deberían empezar por abolila como cando Fidel Castro quixo abolir a “rumbita”. E o pior de todo é que nin BNG nin deus bendito acusan recibo destas choqueiradas. A ver, a lexislación de tráfico di que non se pode andar a máis de 90 nas estradas nin a máis de 120 nas autoestradas. ¿Qué pensariamos todos se saíse o director xeral de Tráfico dicindo que segundo e como serían postas as multas? Hai cousas que non se entenden se non é pensando que non gobernan os políticos que eliximos cada catro anos senón os empresarios que gañan moitos cartos, pero nunca foron elixidos por ninguén.
Metido nestas reflexións, leo que empresas do Grupo Ence, vello coñecido noso por empezar as súas andanzas estragando a ría de Pontevedra, arrasou en Uruguai 80 hectáreas de monte indíxena centenario para enchelas de eucaliptos. O grupo ecoloxista local Guayubirá e a organización internacional Greenpeace destaparon a tosta. O Ministerio de Agricultura de Uruguai xa suspendeu, por este motivo, as actividades de Ence naquel país.
Non me digan que non é dificil regresar aos feitos consuetudinarios que acontecen en la "rue". Quero volver con Homero e con Penélope a Itaca e levar comigo a música de LLach. Ou aínda que sexa con Naomi Cambwell a Lípari.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Regrese a Itaca con Homero, con Penélope ou con quen queira. Ou vaiase outra vez a Lípari con Naomi Campwell, pero deixe de falar mal de todo quisque. Vostede é un deses escribidores trasnoitados, e trastornados, que están contra todo. O seu tempo pasou. Non insista, niguén lle vai facer caso.

Anónimo dijo...

Que mala hostia se gasta este anónimo! Aínda que diga que ninguén fai caso, a el débelle proer un pouco.

Anónimo dijo...

Perfeuto a "algún" anónimo debes terlle tocado os seus intereses, xa estén no eido inmobiliario ou o celulósico. Uns e outros poñense fácilmente dacordo para queimar o monte. E este parece querer queimar o teu blog, non lle debe dar a gris materia para empregarse ó bonito deporte de levar a contraria e xa está, que e moito mais divertido e mais constructivo, agora que falamos de intereses inmobiliarios.

Anónimo dijo...

O anónimo das 22:08. No é que teña mala ostia o suxeto, e deses que están dacordo con rematar co mundo. O único trastornado é él. Os deuses nos libren destes elementos. O tempo no pasa para niguén, nin para Perfecto nin para ti, a diferencia está a que intereses defendes. Se nos falta homes como Perfecto ou outros que critican constructivamente, lles descubren as súas miserias a algúns políticos que se pasan catro ou milleiros de pobos. estamos perdidos.
Dame a impresión que estás moi preto daquel réxime dos "bigotitos" brancos, que quizais votas de menos.
Eu polo momento sempre lle farei caso, sempre lle fixen caso a Perfecto desde os seus días en Triunfo, cousa que quizais este anónimo nin sepa o que era.
Se por casualidade eres unha persoa xoven , o único que che digo que me das moita mágoa.

Anónimo dijo...

Ía contestarlle a Perfecto que non é ningunha tontería establecer un máximo control nos primeiros 500 metros e permitir actuacións e que, de non facelo, faría inviable o desenvolvemento de moitos núcleos costeiros, pero o anónimo primeiro quitoume as ganas.
Trátase dunha persoa que non é quen de debate de ideas. Podía explicar a súa postura de defensa sen crítica á directriz marcada por Caride, pero preferiu unha descalificación personal ao autor. De posturas así participan todos os feixismos e autoritatismos que padeceu e padece a Humanidade, se por el fora, Perfecto non podería facer uso da súa liberdade para manter este blog, ¡tremendo!.

Anónimo dijo...

A Naomi Campbell vina eu unha vez en Roma, nun hotel...

Impresionante, se me permite o comentario.

Anónimo dijo...

E por certo, Don Perfeuto: Efectivamente, o urbanismo no litoral ferrolán (enténdase Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, etc, etc, etc, etc, etc..) dá noxo.

Pero se imos ir poñer exemplos, igual os alcaldes do litoral máis próximo á terra súa tampouco teñen moitas razóns para tirar foguetes, non sei qué pensará vostede...

Anónimo dijo...

E aproveitando que o Miño, mentres o deixen, seguirá pasando por Ourense, digo o seguinte, porque é de xustiza.

Pode que haxa moitas cousas (ou non tantas, miren...) nas que discrepo de Don Perfeuto, pero aínda que as nosas visións do mundo non sempre coincidan, eu quítome a boina para dicir que no xornalismo será, para sempre, unha institución.

Nese xornalismo que é a defensa da verdade.

(E ao dicir iso deixo ben de lado os afectos persoais, que aí están e tampouco vou negar, era o que faltaba)