Pois si que empezou ben Pedro Arias a súa carreira política na dereita. Calificando de “autarquía de subnormalidade mental” a proposta do ministro de Industria, Miguel Sebastián, de potenciar o consumo comprando produtos españois o que fixo o ex comunista, ex socialista e probablemente dentro de pouco ex algo máis, foi retratarse a si mesmo de maneira escandalosa.
Coñezo a Pedro Arias dende os tempos de María Castaña e sei algo da súa incontinencia verbal e da súa escasez de vocabulario, pero dificilmente podería imaxinar que o seu infinito afán de protagonismo ía rematar levándoo á cloaca da emporcallada dialéctica política que agora parece estar de moda. O socialista Miguel Sebastián non é, dende logo, un lince da economía que nos poda sacar da crise só co plisplás dunha ocorrencia como a de que temos que consumir spanish mentres el vai escarranchado nun luxoso coche de fabricación estranxeira. Pero responderlle como lle respondeu Arias, faille erguer as mans á cabeza a calquera. Se isto é o que nos vai traer Nuñéz Feijóo, no improbábel caso de que gañase as eleccións, imos ser abondos os que botemos de menos o bipartito.
A min dame algo a que Pedro Arias, como lle pasa ao ínclito Miguel Cancio, aínda non foi quen de completar a dixestión do seu enrevesado pasado político. Foi carrillista, anticarrillista, felipista, antifelipista, guerrista, pacovazquista, desnudista, antiladrillista e se cadra ata me esquezo dalgún ismo máis polos que andivo o agora número dous do PP pola provincia da Coruña.
Nalgún lado da miña fototeca deben andar, amofadas seguramente, as numerosas fotos que lles fixen hai moitos anos, a el e a Cancio, na praia de Baroña e nalgún outro lugar do concello de Oleiros, por exemplo, cando eran os líderes dun incipiente desnudismo que tiña a súa graza e que daquela resultaba rebelde, contestario e innegabelmente progresista. Polo menos no caso de Cancio sei que rematou renegando daquela manía súa de andar espido polas praias.
Os dous tamén eran daquela os precursores dunha certa loita contra a invasión inmobiliaria da costa galega, que xa estaba empezando a mostrar o seu poder destrutivo da paisaxe e da natureza en xeral. Ese mérito non hai que quitárllelo, dende logo. Pero todo isto non abonda para que agora haxa que desculparlle a Pedro Arias a súa chocalleira forma de ver a actualidade política.
4 comentarios:
O deste señor é lamentable, absolutamente lamentable. Un virachaquetas. E un pendencieiro total. E fálase deste individuo para conselleiro de economía se gaña o PP? Deus nos colla confesados.
Animo a Perfecto Conde a que publique esas fotos de Pedro Arias coa minga á intemperie.
Boas noites atodos.
A que atribúe vostede que o PP inclúa nas súas listas alguén dese perfil?
Figurar, as ganas de figurar... aínda que sexa de botóns do conserxe son as que explican as biografías dalgúns ex-espidos metidos a espilidos.
Publicar un comentario