Hoxe estou en Carhaix, a Bretaña fonda, terra de boa carne e de tranquilidade paisana. Practicamente, o único sitio no que hai algunha costa polas estradas e moitas árvores. A Renan non lle visitei a casa natal, en Tréguier, onde durmín a noite pasada, pero si a estatua que lle ergueron fronte a catedral e que motivou no seu momento que protestara a Igrexa Católica facendo erguer un novo calvario que non é precisamente dos mellores de Bretaña.
Paseei pola Côte D'Armor, seguindo parte do camiño dos aduaneiros, para admirar a beleza do granito rosa e para buscar as cruces de pedra de Castelao. Desgrazadamente esta vez non podo seguir os consellos de Foz de visitar as illas nin sequera os de González de admirar a catedral de Dol de Bretagne. Este país é abondo grande e, sobre todo, demasiado intenso para esgotalo en quince días.
Alguén bota de menos que non colgue algunha foto. Todo se andará. Levo feitas preto de dúas mil, pero de momento prefiro empregar o tempo en viaxar e non atopo ocasión propicia para reproducir as fotos. Fareino cando estea de volta en Santiago, momento no que tamén contarei algo do que me foi pasando en relación co bretonismo de Castelao. Mentres tanto, saúde a todos.
2 comentarios:
Pregunte se anda por aí o Señor Vizconde de Chateaubriand, e podendo ser déalle un abrazo de parte nosa...!!!
O castelo da familia de don François-René está en Combourg. Xa que don Perfecto non se pode achegar ata Dol non irá tampouco aló.
Seguramente non é mala idea deixar ara outra vez as partes da Alta Bretaña: Rennes, Dol, Saint-Malo, Fougères, Vitré, Nantes, Guérande... Ser, é moito país para quince días; aínda que eu nunca puidese dedicarllos dunha vez.
Publicar un comentario