“Manuel Bouza Caro aguarda enorme bajo la poalla”. É a primeira frase da reportaxe de Silvia R. Pontevedra que publica hoxe El País sobre o médico tránsfuga que desbancou o alcalde socialista de Folgoso do Courel. Non busquen a última palabra no Diccionario de la Lengua Española da RAE, que alí non va atopala. Empecen polo de Franco Grande e rematen de consultala no Xerais da Lingua os que, coma min, lles sorprenda o uso deste termo en castelán.
Hai quen di que unha novela só é boa se na primeira frase o seu autor é quen de enganchar o lector. Moitas veces ponse de exemplo a García Márquez, que empezou a súa celebrada Cien años de soledad con estas palabras: “Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo”.
¿Terán algo que ver a poalla de Silvia R. Pontevedra e o hielo do Nobel colombiano? Poalla, palabra galega, significa “chuvia moi fina; babuña, babuxa, barbaña, barrufa, barruzo, froallo, lapiñeira, orballo, patiñeira, patumeira, poallada, zarzallo, poeira pouco intensa” (GDXL). En portugués (poalha) quere dicir polvareda lixeira. O hielo de García Márquez, como diría un lusitano, significa mesmamente o que significa: o xelo. Polo menos, os dous termos algo teñen que ver co H2O.
Comparanzas aparte, a frase da xornalista de El País representa unha esperanza para o tan desprotexido idioma galego, un fenómeno que case sempre ocorre á inversa. Decote é o castelán o que coloniza o galego. Silvia R. Pontevedra pegoulle unha fumigada ao castelán pola que eu me alegro. Oxalá que cunda o exemplo.
Ah, que xa me esquencía. Polo que eu quería chamar a atención é polo que se conta na citada reportaxe acerca de como se coce a política en moitos ámbitos da sociedade galega. Paga a pena que lean o informe de Silvia R. Pontevedra. Polo seu contido, tamén parece acontecido en Aracataca.
4 comentarios:
Poalla é palabra moi, pero que moi escoitada na zona de Vigo. Non sei doutros sitios onde se empregue. Pero estarei contento de saber se os hai.
Coa poalla entendo eu que a auga apenas chega ao chan: está en suspensión polo ar.
E se me ocurre que a política en Galicia tenche algo de poalla, non?
noraboa polo uso duma palavra que não conhecia, o fácil era ponher algo de andar por casa, rescatando palavras e boa forma de mantermos o idioma
Publicar un comentario