¿Quen manda no PPdeG? ¿O Departamento de Comunicación que onte difundiu un comunicado dicindo que o PP pedía explicacións a Ricardo Varela e a Manuel Vázquez “por colocar na executiva do PSOE de Lugo a un alcalde sospeitoso de prevaricación e tráfico de influencias” ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tamén é presidende do partido de Rajoy en Galicia, cando di hoxe que hai que esperar a ver que di a Xustiza e que "non hai que facer prexuízos nin xuízos paralelos”?
A impresentábel declaración difundida a penas horas despois de que se coñecese a actuación do xulgado e da Policía no concello lugués de Castro de Rei, chegou aos medios de comunicación sen máis identificación ca do Departamento de Comunicación do PPdeG. ¿Quen redactou esa nota? ¿Quen avalou o seu estrafalario contido? ¿Por que o PPdeG se atreveu a pasar polos forros dos seus calzóns a presunción de inocencia que tanto reclama cando lle convén? ¿Tratouse, quizais, dunha acción incontrolada que agora ten que recoser o presidente da Xunta mostrándose respectuoso coa ordenación xurídica vixente? Sería bo sabelo. Dime un paxariño que Feijóo está que trina por culpa deste asunto.
5 comentarios:
E non sería o que rueda rueda?
A nota é simplemente increíble. Entre outras cousas, porque non lles facía falta facela. De seren verdade as sospeitas que mobilizaron o Xulgado e a Policía, cando se demostren, e mesmo antes, o dano público xa vai caer sobre os seus contrincantes políticos, como está caendo sobre o propio PP o caso Gürtel.
no pepé manda a hipocresía. agora máis que nunca.
Bos días a todos.
Falando de cousas serias: Acábase de montar unha lea, que non entendo, porque un romeiro a Santo André de Teixido morreu na igrexa e o cura celebrou a Eucaristía mentres el estaba alí de corpo presente.
Non entendo cal é o problema...!!!
Podo asegurarlles que esa me parecería a min, particularmente, unha morte moi fermosa.
E máis fermosa aínda me parecería morrer na catedral de Santiago, coma Don Gaiferos.
(Aínda que, postos a escoller, case me quedaría coa máis modesta basílica de Mondoñedo; e gustaríame que, levasen para onde levasen o meu corpo, alí lle puidesen dar terra ao meu corazón.)
Que sexan moi felices. Tanto como merecen.
E que ten que ver que vostede quera morrer non sei onde co tema do quen manda no PPdeG?
Publicar un comentario