martes, octubre 20, 2009

Xornalismo apupado

Non coñezo de nada ao xornalista da TVG que se supón que foi apupado por un reducido número de manifestantes do domingo pasado en Compostela. Nin sequera sei como se chama. Tampouco vin a información que ofreceu dos acontecementos, aos que xa dixen onte que non puiden asistir. Aforrarei, polo tanto, calquera comentario que poda significar pronunciamentos xulgatorios sobre a materia.
Sentado isto, tamén quero deixar ben claro que a min non me extrañaría moito que o xornalista da TVG, non por ser da TVG senón polo mero feito de ser xornalista, puidese ter sido vítima dunha icnomprensión política que xa empeza a ser demasiado frecuente entre determinados persoeiros da vida pública galega. Quen, coma min, viviviu e exerceu a profesión durante o derradeiro franquismo, a transición, a democracia e os momentos actuais sabe de sobra que os xornalistas pasamos de sermos aqueles paladíns do porvir que tanto nos mimaban os que querían ser algo na política como os que xa eran moito nela, a unha especie de mortos de fame que nos vendemos polas catro lentellas e unha cervexa que estea disposto a pagarnos calquera. Nin a primeira versión foi nunca certa nin a segunda se compadece agora para nada coa realidade. Os xornalistas nunca fomos facedores daquel “Parlamento de papel” que se nos atribuiu noutrora nin somos agora a chaqueta roída de ningún legoeiro dos anos corenta.
Persisten, porén, algunhas tendencias moi proclives a pecharnos nos estreitos cortellos das súas sectarias visións do mundo e, sobre todo, das cousas. Eu aínda lembro cando, hai moitos anos, o agora defunto Diego Bernal atopoume un día pola rúa de Franco e empeñouse en que fose con el escoitar a conferencia que daba un pope do nacionalismo galego no salón de actos do Colexio Fonseca. A min contáranme varias veces que o conferenciante sempre me dedicaba algún minutos das súas intervencións públicas para denigrar o “españolismo” que me supoñía por escribir no semanario Cambio 16. Eu non tomaba en serio aquelas trécolas nin lles atribuía a menor importancia, pero Bernal empeñouse aquel día en que fose canda el. “Servirache para comprobalo”, díxome el.
E acompañeino. O conferenciante falou e falou durante hora e media, pero o meu nome non saía por ningún lado, de maneira que lle dixen a Bernal: “Amigo, eu voume que é a hora dos viños”. Diego respondeume que agardase algo máis. E non deu tempo nin a que rematásemos este diálogo cando o conferenciante, moi catilinario, pronunciou a sentenza: “E non quero rematar sen salientar que hai xornalistas por aí, que escriben en Cambio 16, por exemplo, ao servizo do colonialismo español”. Loxicamente, eu fiquei abraiado por dúas razóns: por confirmar que era certo o que me viñan contando de que alguén perdera o seu tempo falando de min nos actos públicos e por descubrir que era un axente do colonialismo español.
Conto esta anécdota porque empezo a pensar que ao xornalista da TVG, se fose certo que alguén quixo correlo a gorrazos na praza da Quintana, quizais lle pasou algo parecido. Non o sei aínda, pero algo debe significar o feito de que saise a defendelo o Colexio Galego de Xornalistas, ao que non pertenezo e dígoo para que ninguén pense mal. Que a TVG lle berrasen en directo que pensaban que estaba manipulando, constituía todo o dereito dos que estaban na Quintana. A liberdade de opinión non se gañou só para o exercicio da profesión xornalística. Se alguén apupou e ata tentou constriñir a liberdade de traballo do xornalista da TVG, estivese dicindo o que fose, simplemente meteu a pata e retratouse como que seguramente é: un sectario incapaz de comprender que vive nunha sociedade libre.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Ista é a versión dun dos asistentes.

"Eu que neses intres estaba na primeira fileira da mobilización, en fronte xusto do palco dende onde a TVG perpetrou a súa manipulada conexión, podo asegurar que o único que sucedeu foi que unhas 6 persoas, en diferentes momentos, se achegaron a xunto a equipa da TVG para lles recriminar a súa actuación, que tiña por obxectivo distorsionar a realidade."

Anónimo dijo...

E non andarían, precisamente entre esas seis persoas, o abó de Castelao e o neto de Euxenio Montes? Xa me entendes, o que non se sabe onde estaba cando Franco metía a xente na cadea e o que cantaba rancheras cando a Fraga lle gustaban.

Camareiro ocasional dijo...

Por un intre pensei que fora Diego Bernal -D.E.P.- o que se ía toma-los viños. Por casualidade, servinlle eu varias rondas na miña etapa como camareiro na Rúa do Vilar, nun bar que xa nin existe... Gran tipo como persoa, aínda que demasiado ocupado en gustar ao poder como xornalista. Unha intervención súa gabando a Fraga en Vilalba naquelas "gloriosas" xornadas de comunicación que organizaba o agora senador medio-gürtelizado no hotel Villamartín deixoume abraiado.

Pero fala vostede aquí dos "vivos": como xornalista eu tamén tiven as miñas en manifestacións -mesmo nunha que non levaba identificación intentaron agredirme pensando que era un policía de paisano- pero aprendéronme que do xornalista nunca se fala, senón do que vai cubrir. Agora, como todo se modernizou moito, pode que a noticia sexa xa o xornalista. Cando foi dos numerosos incidentes en manifestacións e actos espontáneos pola marea do Prestige, non vin tanto "celo" do colexio, ao que pertenzo por certo.
Ao mellor, nós que non estivemos alí, debiamos estar falando do tratamento informativo de certos medios sobre a manifestación (en Intereconomía chegaron dicir que o "masón Caamaño" -sic- foi manifestarse para que prohibiran o castelán no ensino).

MarOceano dijo...

O que din eiqui e que ninguen pode ser neutral. Tampouco os xornalistas. O que fai que tenhas unha das profesions mais perigosas que hai.
Cuidate neno!

Xaquín dijo...

Cando un di que "a tv é unha carallada porque manipula a realidade" non pode protestar moito de que lle corten a frase e emitan só a primeira parte. Non será máis lóxico (congruente coa afirmación, ademais de menos manipulable e productivo,revolucionario ou o que sexa) decir só a segunda parte?
E, por certo, nada máis manipulable (e inentilixible) que a tópica "berreada".

Anónimo dijo...

Eu, estiven alí. Eis a miña opinión. Dicir que foi unha agresión e falso. A praza estaba a ficar baleira, por causa de entraren os que non puderan na primeira volta. Cando comezou a retransmitir o xornalista a xente deu en berrar "televisión manipulación", mesmo os persoeiros que pronunciaran os discursos e representantes políticos e cívicos. Vin o Pousa Antelo falar con el, tamén o cantor Tino Baz, que lle quentou a orella coa leria de "t.v. manipulación" de perto e un rapazolo coa camisola da selección galega e bandeira de Galiza coa estrela vermella. Os dous fóronse, un por llo pedir o Xurxo Souto e outro o Bieito Lobeira. O xornalista acho que estivo tranquilo ( cando menos ás vistas), mais o xornalista que estaba coa cámara estaba máis alterado. Sería bon, escoitalos aos dous. Eu, vin baixar,o xornalista co micrófono e fixoo con total tranquilidade, e mesmo recibiu o apoio de varias persoas.

Anónimo dijo...

Bendito pope do nacionalismo galego.
Sería Paco?

moinante dijo...

Gustoume o teu post. Eu si que coñezo ao rapaz, aínda que a través dun amigo común, e a verdade é que non é prato de gusto verse nesa situación, sobre todo cando el é un galegofalante de sempre e un bo profesional.

Sorpréndeme ler iso de que "querían distorsionar a realidade" cando o rapaz nin sequera falar. Bueno, si que o fixo ao longo da mañá dende outras localizacións de Santiago. Un non pode ser coma Deus e estar en todas as partes, así que ao final marchou para a Quintana para informar do final do acto. Se despois a varios presentes se lles cruzan os cables e lle quentan a orella, pois alá eles.

Clochard dijo...

E nom sucede acaso que o sectarismo está a estruturar cada vez mais o modo de analisar a realidade?

Pergunto-o com curiosidade sincera, porque como nom vivim o franquismo nom tenho perspectiva histórica.

Anónimo dijo...

Tranqui.
Se non viviches o franquismo, tes a oportunidade de te foder a vida co cambio climático.

Anónimo dijo...

Parece que tamen apupan á BBC

http://news.yahoo.com/s/ap/20091022/ap_on_re_eu/eu_britain_far_right

Anónimo dijo...

zapatero abucheado en ávila de los caballeros

Anónimo dijo...

zapatero apupado; zapatero assobiado e apupado em ávila