miércoles, octubre 28, 2009

Xustiza e iconografía

Sen entrar en disquisicións de procedemento xudicial, que non me competen, quero mostrar a preocupación que me producen determinadas “redadas” que levan a cabo algúns representantes da Xustiza sen preocupárense moito polas consecuencias que conlevan, ás veces, as súas “mediáticas” actuacións. E non estou a referirme só ao caso paradigmático do noso gran xuiz estrela, Baltasar Garzón.
Hai casos como o da xuíza exercente en Lugo Estela San José que poden estar empezando a chamar poderosamente a atención. Que se acuda un día pola mañá a unha vila onde cada veciño é máis coñecido polos demais que Xesucristo, con toda unha parafernalia de coches e medios policiais, para deter a un alcalde e a tres concelleiros dos que se sospeita que prevaricaron e/ou cometeron algún delito de corrupción, ata podería representar unha das bondades exemplarizantes da aplicación de xustiza se quen artella e aplica esas medidas estivese moi seguro de que ten o rato na gaiola e que das súas actuacións se vai derivar a fundada previsión de que pode haber unha sentenza condenatoria. De seren así os feitos, todos aplaudiriamos que se actuase contundentemente contra os delincuentes supostos ou confirmados, e máis aínda cando os perseguidos son precisamente persoas que, polos cargos públicos que lles otorgou e dos que os responsabilizou a democracia, estarían obrigados a dar exemplo.
Porén, a min quédame moitas veces a dúbida de se toda esta contundencia serve para algo que non sexa alimentar o circo e encher as páxinas de sucesos cando corre o risco de ser aplicada sen a máxima escrupulosidade protectora do dereito á intimidade dos que están, ou deberían estaren, asistidos polo dereito á presunción de inocencia.
¿De que lle vai servir á concelleira Ana Canto ser posta en liberdade con cargos, pero sen fianza, só poucas horas despois de ocupar un calabozo da Comisaría de Lugo se a súa foto, entre dous axentes que a conducían presa, xa deu a volta a Galicia polo menos? Nacín e crieime nunha pequena entidade de poboación, e sei o efecto que teñen esas iconografías. ¿Pasaralles algo parecido ao resto dos detidos entonte e que aínda están pendentes de declarar diante da zuíza que os mandou prender?
Xa sei que desta “iconografía” non teñen a culpa a xuíza nin os policías actuantes. Os xornalistas sempre sabemos cheirar a noticia e non precisamos que nola “chive” ninguén. E líbreme Deus, ademais, de pronunciarme en contra da total liberdade de información cando estes casos se producen. Canta máis luz e máis taquígrafos haxa, mellor. Pero volvo ao principio: preocúpame o dano persoal e público que se poda causar aos que teñen que pasar pola aplicación da xustiza no caso de que, podendo seren inocentes, vexan as súas vidas sometidas a xuízos paralelos ou a condeas adiantadas.
A xustiza nin é cega nin debe selo. Todo o contrario, canto máis abertos manteña os seus ollos sobre todo o que pasa, mellor será o servizo que preste á sociedade á que pertenece. Pero tampouco fai falta que camiñe sempre debaixo dos focos nin caia na tentación de pensar que está rodando un capítulo do CSI. Debe ser moi difícil ser xuíz eficiente e comprometido sen pecar algunha vez de mediatizado, pero farían ben os representantes da Xustiza en pensar nestas cousas de vez en cando.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Mais veces das que quixeramos, a xustiza é chosca e aparatosa, e non debería selo.
Sucasas.

Hildegart Canido dijo...

Habería que lexislar protexendo a imaxe de calquera implicado pola Xustiza antes de ser condenado. A fotografía dun preso preventivo nunca debería ser difundida sen o seu consentemento. Non está en lugar público por vontade propia nin elixe el a escenografía na que é retratado. A propia Xustiza debería garantirlle ese dereito de protección da súa imaxe.

Anónimo dijo...

Hai alguén que se está columpiando neste tema.

Anónimo dijo...

Estoy seguro de que, si en vez de ser del PSOE o del BNG, el alcalde iculpado fuese del PP, Perfecto Conde no escribiría lo que dice aquí sino todo lo contrario. Viva la objetividad.

Luisfoz dijo...

Pois eu estou seguro de que Perfecto Conde escreveria do mesmo jeito se se dessem as circunstâncias que se dão em Castro; for o que for o governo da Câmara municipal.

Unknown dijo...

Home, don Perfecto, non quererá vostede dicir que nos saíu en Lugo unha émula de Baltasar Garzón?
Vostede coñece o xeito de actuar dos gabinetes de prensa da policía e da garda civil? quen escolle aos que fan as novas? quen di que se informe disto e do outro non? Políticos e xuíces. Tan confundidos -e confusos- nista seudodemocracia nosa, que nunca respectou a Montesquieu e que bebe do dereito imperial romano máis que dos últimos avances en leis no ámbito saxón. En países do Norte de Europa, ti es unha letra ata que saia a sentenza. Aquí estás condenado dende que te sacan nos medios.

Anónimo dijo...

Home, o mesmiño que di vostede da concelleira podería dicirse do Bigotes, non si? Polo que eu vexo, a concelleira quedou en liberdade sin fianza, certo, pero CON CARGOS. Ata que se pronuncie a xustiza así están as cousas. Noticia é, qué dúbida cabe. E é inocente ata que se demostre o contrario. Como o Bigotes. O que pasa é que o Bigotes queda mellor nas fotos para facer amarillismo.