Contan crónicas de ultramar que Núñez Feijóo andou deixándose engaiolar pola beleza do Pelouriño, o vello casco histórico de Sao Salvador da Bahía. Na súa recentísima visita á cidade na que viviu, escribiu e morreu Jorge Amado, o presidente da Xunta manifestou a súa intención de alugar alí unha vivenda na que pasar algunhas tempadas da súa vida, lonxe da política.
Falta por saber se esta intención do político dos Peares é para ser acometida mentres teña ao seu cargo gobernar Galicia ou para cando deixe de ser o inquilino de Monte Pío. En calquera caso, hai que recoñecerlle que non ten mal gusto nin se limita a viaxar oficialmente sen decatarse dos lugares polos que vai pasando. Neste aspecto, quizais é o primeiro presidente da Xunta que non vai só de visitante senón que tamén acode de viaxeiro. Se mo permitise, agora que debe andar por Buenos Aires, aconsellaríalle que non volva sen probar a pizza de Banchero, no 1300 da avenida Corrientes ou en Suárez 396 con Brow de La Boca, que non só de carne ten que vivir un na capital arxentina. Se, ademais, logo de beber un bo viño de Medoza coa pizza, pode facer un pouco o pasmón polas librerías que hai por ali abertas ata as tantas da madrugada, o máis probabel é que tamén queira alugar un piso na cidade de Borges.
Claro que así fai quen pode e non quen quere. Eu, que lles son moi viaxado, sempre tiven tamén eses arroutos de quedarme a vivir algún tempo onde me gustaba o sitio. A última vez pasoume en Bretaña, antes nas illas Lipari e en Sicilia ou na illa grega de Itaca, pero tamén en aldeas perdidas dos Andes, por San Cristóbal de las Casas e por Xalapa (México), en Salta (Arxentina), no val do Maipo ou en Valparaíso (Chile), na Habana, en Nova Iork… En moitos sitios.
Pero eu teño unha vantaxe con respecto a Feijóo. A de que, como non me toque o gordo, nunca poderei alugar por moito tempo unha casa nos sitios que me gustan. E menos aínda, comprala. Para cumprir caprichos hai que ser presidente da Xunta, dirixir unha caixa de aforros ou un banco, ou vender camisetas en todo o mundo. Se cadra agora xa non abonda con ser construtor.
3 comentarios:
Cuidado, Feijóo, porque o Pelourinho era o lugar aonde levavam os delinquentes.
Perfecto, estaste abandonando...
Publicar un comentario