martes, mayo 04, 2010

Fidel Castro Gayoso

Gobernos autonó-
micos e estatais do máis diverso cariz gastan ás veces o que lles dá a gana en conseguir que algún reporteiro dos xornais máis prestixiosos de Estados Unidos escriban e falen dos seus problemas. O máis que conseguen é que, de vez en cando, algún free-lancer coloque algún artigo no Washington Post ou en The New York Times alabando algún dos nosos viños, algunha praia aínda non contaminada nin invadida polo feísmo arquitectónico ou sobre algunha das rarezas antropolóxicas que aínda nos quedan.
Pois mire vostede por onde a polémica fusión das caixas de aforro logra de repente un amplo espazo no The New York Times, sen dúbida un dos xornais máis prestixiosos do mundo, sen que o contribuínte teña que pagar un can. Raphael Minder, xornalista da citada publicación, co título de Spain seen as moving slowly on financial reforms, colocounos na actualidade norteamericana pola “reticencia do Goberno español a usar unha man máis firme nos seus problemas financeiros”. Segundo o autor, os problemas de Caixa Galicia e Caixanova para pórense de acordo débense a “rifas sobre quen dominará a institución unificada” e Zapatero móstrase incapaz de “forzar a consolidación das entidades de aforro”.
Escapóuselle ao espabilado reporteiro do NYT facer a paremioloxía que pode estabrecerse entre dous personaxes tan galegos coma Fidel Castro e Xulio Fernández Gayoso. E digo Fidel Castro por non dicir Franco, Anastasio Somoza, Pinochet ou Salazar, que xa morreron. Castro, como bo autócrata caribeño que quere morrer sen baixarse do poleiro, pode ser agora mesmo a mellor metáfora do que lle sucede ao presidente de Caixanova, autócrata atlántico que parece non importarlle máis nada ca vella filosofía de palleiro que sostén que detrás de min só pode vir o diluvio. Só así se entende o seu comportamento carneirán de sucederse a si mismo ata que o pechen nunha caixa de piñeiro, que no seu caso ha ser de caoba sen dúbida. O eu ou o caos, parece querer dicirnos este patriarca do continuismo e da xerontocracia. Non sei se tería méritos para que no futuro nos lembráramos del como de alguén que fixo algo importante pola súa terra, pero o que está claro é que agora vai pasar á historia coma o que quixo agarrarse ao timón e por o rumbo que máis lle peta ao barco.
Neste aspecto, Gayoso é coma Fidel Castro e coma toda esa caterva de autócratas que sempre se distinguen por seren eles por riba de todos e de todo. Coñecíase ben o mesianismo político e agora os galegos estamos empezando a entender de mesianismo económico observando o comportamento do presidente de Caixanova. Esperemos que non nos saia insoportablemente caro pagarmos as súas veleidades. Que, por outra parte, tampouco son só as súas. Algún día haberá que falar tamén das de Abel Caballero e das de algún outro prócer da vida pública galega. Mentres tanto, non temos queixa. Saímos no NYT case coa mesma frecuencia coa que saía a ditadura de Franco no seu tempo. Algo é algo.

9 comentarios:

Almiral Mouchez dijo...

O deste señor, a verdade, pon medo.

Na miña opinión, o seu comportamento é intolerable.

arume dos piñeiros dijo...

Eu non o canonizo, pero vostedes cren que é capaz de todo o que lle atribúen? Que é o malo da película?

Xacobe Rei dijo...

Estou con Mouchez, a ver se é capaz de que no seu xornal lle metan algo de caña a Gayoso e desevelen as súas satrapías.

Hildegart Canido dijo...

Eu tamén estou co noso almirante, pero engado que se faga extensiva a esixencia de responsabilidades a Méndez (Xaixagalicia). Tanta satrapía exercida durante moito tempo levou o que levou, e agora pásanos o que nos pasa.

arume dos piñeiros dijo...

Eu espero que, tras a marcha destes dous personaxes nocivísimos (outrora fundamentais segundo as hemerotecas que non deixarán que eu minta), inicuos e impresentables, a economía e o país enteiro vaia como dios, a todo filispín.
Mira que non darnos de conta ata o de agora!!! Eran eles os culpables!!

Anónimo dijo...

(FraVernero demasiado preguiceiro para meter os datos da conta...)

O problema é como certo capítulo dos Simpsons, cando Lisa facía campaña por Quimby fronte ao actor secundario Bob. O lema é extrapolábel: 'Vote por x! É o menos malo de dous malos malísimos!'. É que, como ben sabedes, malos son todos (coma a raiba...)

xmeyre dijo...

Agasallo dun blog amigo:
http://xmeyre.blogaliza.org/2010/05/09/premio-emocion-e-correspondencia/

Fuco de Esteiro dijo...

Arume dos piñeiros ten sen dúbida bo olfato: o Sr. Fernández Gayoso ven defendendo os intereses de Caixa Nova fronte á voracidade mendicante e necesitada da Caixa Galicia.

Certo que a coruñesa é máis grande que a viguesa en non poucos parámetros: do que non se escoita falar é de que a caixa do norte tamén vai por diante -muy por diante- na mala situación na que sobrevive hoxe... e quere que a caixa do sur lle axude neste intre, pero seguir mandando dende Coruña.

Non foi mala manobra de distración presentar o velliño do sur como un malo malísimo de costas a Galicia... e cándo foi o Méndez galeguista? Ai, sí!: co bo salario tirado dos aforros dos galegos poido habitar un pazo en Pontedeume...

Mentres que na Voz de Galicia veñen falando mal de Caixa Nova e as suas xentes dende hai semanas, débeselle recoñocer a Caixa Nova a elegancia de non facer leña da árbore caída na Coruña por non espantar ós aforradores de Caixa Galicia e empeorar ainda máis a súa angueira. Somentes o Abel Caballero ó principio falóu da real e pésima situación de Caixa Galicia... ata que os séus mandáronlle sordina...

Polo ben das caixas (das dúas) confiemos en que non teñan mando na nova caixa os "xeniais executivos coruñeses".

Porén moito que temo que a non moito tardar unha caixa de fóra vai zampar á nova que xurdirá do forzado acougo que lle terá que dar Caixa Nova a Caixa Galicia...

Fuco de Esteiro

Anónimo dijo...

¿Por qué dilapidas tu credibilidad comentando temas que desconoces y utilizando la crítica fácil, tan impropia?
Si la cosa funciona, no tocarla. El otro Fidel, que maneja mejor los medios -sabes bien cómo se hacen estas cosas, sino, pregúntaselo a Ónega, con él no te metes, sorprendente corporativismo- y su imagen, arrastra a la ruina un imperio... que el Banco de España -el que sabe del tema- le obliga y encarga reconducir antes de que sea demasiado tarde.
Nada personal... ni institucional.
Enhorabuena por el blog.