viernes, mayo 14, 2010

O estacazo

Que nos ía caer enriba o estacazo do capital estaba cantado hai moito tempo. En realidade, dende que nos deixamos adormecer no tramposo berce dunha sociedade de consumo que non ten máis norte ca producción e a comerialización abusivamente especuladoras.
Gobernos que gastaron máis do que debían –aí está a cidade da Cultura–, case sempre en rúbricas dificilmente casábeis coa máis elemental prudencia orzamentaria e a xustiza social. Políticos que pasaron do paro ou de non saberen de que ía a vida aos coches oficiais, a Visa de ouro e os salarios de alto excutivo. Sindicalistas que aprenderon moi rapidamente a manexar os garfios dos retaurantes de moito colesterol. Empresarios oportunistas que levaron para os seus fornos toda a masa que puideron. E aínda máis.
E logo estamos nós. Os que imos a pé de vitoria en vitoria ata a derrota final, e que tamén nos lucimos nos últimos tempos. Se grande é a débeda das administracións públicas, tampouco é manca a das entidades e individuos privados. Un viaxiño ao Caribe de cada pouco, na voda da filla que non falte de nada, un cambio de coche cada catro anos, a casiña na praia... Que sei eu o que non fixemos dende que pensamos que morrera Franco para gastarmos moito por riba do que gañamos.
E agora chegan as vacas fracas e, con elas, os gobernantes que finalmente fan o que prometeron non facer nunca e que, en realidade, é o que fan sempre: mallar nas costas dos que xa están mallados de máis. Mexar por nós e pedirnos que digamos que diluvia. E todo isto, nunha sociedade que hai moito tempo que ten a súa intelligentsia pasada a orgánica e, sobre todo, organizada para facer de corifeo dos tirios ou dos troianos. Ou sexa, que imos aviados. A ver agora como lle ensinamos os dentes aos que nos levaron ao estacazo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

¡Bah, bah!, non hai que esaxerar, que mentres sube e baixa o pao descánsanos o lombo.