miércoles, mayo 12, 2010

Zapatero fai o traballo sucio da dereita

Zapatero claudicou. Non sei o que pasa cos socialistas españois que case sempre rematan as súas oportunidades de goberno facéndolle o traballo sucio á dereita. Pasou con Felipe González meténdonos de entrada non na Otan e coa súa peculiar maneira de combatir o terrorismo mediante terrorismo, e acontece agora tamén con Zapatero, o líder que lle está limpando os canos a Rajoy para que, cando chegue ao goberno, non teña que desgastarse facendo unha reforma laboral que vai producir moito sangue, máis suor e abondantes lágrimas.
Creo que non me equivoco se agoiro que a Zapatero vaille pasar igual ca Gordon Brown. Vai morrer de éxito. Dificilmente, nin os funcionarios nin os traballadores en xeral, nin os xubilados nin case ninguén lle vai comprender que sexa el o que entregue as armas sen condicións ao capital especulativo internacional. Realmente é moi triste observar como é un dos nosos o que arruína a clase traballadora sen atreverse a meter nin o dedo meñique no peto dos banqueiros e dos grandes especuladores. Un goberno que se comporta desta maneira debería ir pensando en retirar do seu ideario a etiqueta de socialista. Dá moita pena ver como vai ser o final da xeira de Zapatero. E que non veñan agora os seus corifeos dicirnos que criticalo é abrirlle o camiño á dereita do PP. Non, a dereita xa está definitivamente instalada na Moncloa co disfraz de socialdemocracia.  Algúns líderes morren matando, a outros mátanos a eles, e tamén os hai que morren de éxito. Zapatero, cativo e desarmado polo gran capital, váisenos finar na cama. Coma Franco. Oxalá non nos acabe pasando o de Grecia, onde as situacións prerrevolucionarias xa se mostraron na rúa, segundo informaron os xornais franceses. E non o digo por "Kanellos" nin por "Lukanicos", os dous cans que encabezaron case todas as manifestación de Atenas e lles ensinaron os dentes aos policías.

8 comentarios:

Touceda dijo...

Quen ía dicilo? É como se, de súpeto, adivésemos para atrás corenta anos. Nin con Franco pasaba. Nunca os traballadores perderon dunha tacada o 5 por cento dos seus salarios, nin aos pensionistas se lles meteu tanto a man no peto. Algún día os historiadores terán que analizar que é o que está pasando. O mundo vai para atrás desde a desaparición do comunismo. Está vivindo a pior cara do capitalismo.

Anónimo dijo...

E os sindicatos a que esperan para convocar unha folga xeral? Agora verase se é verdade que están completamente apoltronados ou non.

Anónimo dijo...

Xa somos gregos. O malo é que Zapatero non é Aristóteles nin Rajoy é Platón.

Carlos-R dijo...

E polo momento nin rozar o entramado de altos cargos, asesores e outros postos que ocupar por un circo político que quixera chamar pequeno.

Anónimo dijo...

Chamada de o Emperador ao seu delegado en España e ¡pun!, recortes sociais ao canto. Que vergoña de país.
Catro vampiros terroristas que teñen nomes e apelidos que levan a un país á banca rota (Grecia) e nós case estámos tocados.
O mundo vai de capa caída por mor destes especuladores capitalistas, e temos que pagar os máis débiles todos os desaguisados destes "terroristas económicos", e eles a roubar a máns cheas.
Os xornais din que a Banca está contenta con estas medidas, hai que foderse cos Botíns do carallo, soamente falla que nos den polo canal do sur.
Aquí o que falla é o sistema, é moi claro, todo o demais son contos de "la buena pipa".
Temos que volver ao público: banca, enerxía, sanidade, algúns transportes e educación para parar a estes desalmados.
Estámos a volver para atrás no estado do benestar, acadado por moitos que quedaron no camiño e loitaron para que tiveramos un mundo mellor. Estes do PSE (xa lle quito o de Obreiro), son uns traidores, que me devolvan o voto que lle deixei prestado en 1982. Logo van presumindo de esquerdas, teñen máis cara que un zapato vello, e falan do voto util xa que se non ben a dereita, hai que foderse cos tíos estes, a dereita son eles, os outros son a extrema.
¿Vaixáronse os soldos os deputados e altos cargos?. É a pregunta do millón.
Fora España do puto FMI e do BM, que son como sacauntos.

Manuel Lara dijo...

Un pouco aturdido coa viaxe pareceume escoitar que para que non caera toda a carga nos de sempre, ademáis ían baixar os gastos militares, subirlle os trabucos á banca, recuperar o imposto sobre o patrimonio e multiplicarlle o tipo ós grandes propietarios, reducirlle os subsidios os colexios concertados, eliminar os privilexios da clase médica na sanidade pública, obligar ó consumo dos medicamentos xenéricos e facer pagar máis os privilexiados polos non xenéricos,suprimirlle as subvencións ás fundacións políticas(case nove millóns de euros no 2007 entre as fundacións ligadas a partidos políticos con representación parlamentaria: as primeiras, FAES 3,7 millóns, e Pablo Iglesias 3,5 millóns)cortarlle os dispendios ás comunidades autónomas (nomeadamente, Cataluña, Madrid e Valencia), quitarlle as dietas ós deputados....
Teñen moitos petos dos que sacar cartos... se quixer...

Manuel Lara

Sarmiento dijo...

Esto é vergoñento. Ten toda a razón, de socialistas nada, nadiña.
Eu realmente preguntome porque non lle meten man ao tramo alto do IRPF. Que lles impide anunciar a subida de impostos para os máis ricos?

O futbol debe 3.289 millons de euros. Que vai pasar coa débeda do futbol?, Ah!, hoxe non toca, que gañou o Atlético. E dentro dun mes a ver si gana "la roja" (moito cambiou o conto, la roja antes era a Pasionaria)

Anónimo dijo...

¿No nos falles?