lunes, mayo 31, 2010

Pepiño de Sarria

Hoxe abrín o Iphone moi tarde. “Perfe, murió el Queixos hace dos días”, dicíame Santiago Lamas nunha mensaxe que tanto me gustaría non recibir nunca. O Queixos é como lle cahamabamos os amigos ao escultor sarriano Xosé Díaz Fuentes, que finou onte en París, vítima dun cancro fulminante que nin el sabía que o padecese. Era un escultor de prestixio internacional.
Pepiño de Sarria, outra das maneiras que tiñamos os amigos para referírmonos a el, era un gran home e un enorme artista da escultura. Sempre tiña un sorriso e os brazos abertos para recibir o mundo. Foi alumno da Escola de Artes e Oficios de Santiago e das escolas de Belas Artes Sant Jordi de Barcelona e San Fernando de Madrid. Hai moitos anos, afincou a súa vida artística e familiar en París, onde últimamente desempeñaba altas responsabilidades no Petit Palais, pero nunca esquenceu a súa terra para a que traballaba de contado a través da Unesco e de outros organismos.
Esta vez si que non é un tópico dicir que se nos foi un dos mellores e dos maís xenerosos.

sábado, mayo 29, 2010

El llano en llamas de Vicente Araguas


Escribe hoxe Xosé Carlos Caneiro sobre a permanencia de Compostela nun artigo que aparece no suplemento Culturas de La Voz de Galicia. E, tirando do fío, coloca o seguinte párrafo: “Vén Compostela na memoria, e ignoro o motivo, cando o gozo impulsa a lectura de cada relato do novo libro de Vicente Araguas, Xubia-Neda, tan ben escrito que un sabe rapidamente que detrás de cada liña está un dos poetas máis excelsos, de porte diccional anglosaxón (enténdanme os que coñecen a Yeats ou Eliot), que deu a nosa literatura”.
E canta razón ten o novelista de Verín. Hai pouquísimos libros de relatos cos que eu me metera na cama sen durmirme dende a primeira ata derradeira páxina. Xubia-Neda é o último que me produciu ese pracer da lectura. Nas páxinas deste volume hai narracións curtas realmente extraordinarias. Tanto, que había moito tempo que un escritor galego non me regalaba o regusto de lembrarme da primeira vez que lin a Juan Rulfo nas páxinas de El llano en llamas. “Como las vi se las endoso”, escribía daquela o mexicano. E así escribe agora Vicente Araguas.

jueves, mayo 27, 2010

Tamén será isto sexo escuro?

“No sólo las mujeres son el sexo oscuro”, dixo o deputado do PP Pedro Arias no Parlamento, mirando para a deputada socialista Beatriz Sestayo. A presidenta, Pilar Rojo, non lle deixou seguir e mandou retirar as súas palabras do diario de sesións. Minutos antes,  Arias –antes comunista e agora ultraliberal de Milton Friedman– xa lle dedicara outra frase brillante ao deputado socialista Modesto Pose, dicíndolle que “un médico puede tener unas almohadas fenomenales, unas enfermeras cañón y, sin embargo, puede matar”.
O de que non só as mulleres son o sexo escuro debeulle vir ao deputado do PP dunha mala lectura de Freud. Sobre cores sexuais debería saber el algo. Hai un cuarto de século, cando lideraba con Miguel Cancio un movemento social polo desnudismo en Galicia, Pedro Arias deixábase retratar como está na fotografía para a revista Interviú, que publicou as fotos. O mundo –e, sobre todo, as persoas– cambian unha barbaridade.

miércoles, mayo 26, 2010

Eu atendendo o meu amigo

Houbo unha vez –hai moitos séculos– un xograr que se chama Meendiño que, cando lle quixo escribir versos de amor ao seu amado(a), utilizou o idioma galego para transmitir os seus sentimentos. “Eu atendendo o meu amigo…”. Houbo outra vez un rei sabio –dos que non hai agora– que lle quixo rezar a Santa María en forma de cantigas e tamén se serviu do galego.
Houbo logo outros reis e outros autarcas que non sabían escribir nin sequera lles gustaba a poesía e que ata mandaron domar e castrar o reino de Galicia. E houbo un ditador, que por riba naceu en Ferrol, que prohibíu blasfemar e falar galego coma quen manda que non se cuspa no chan.
Hai agora un presidente da Xunta e un goberno autónomo que pensan que o idioma de Alfonso X O Sabio, de Curros,  de Rosalía, de Celso Emilio, de Otero Pedrayo, de Álvaro Cunqueiro e de Manuel Rivas –e ata o meu propio– hai que mandalo ao “desván de los monjes”. Pois non. Se nin Isabel nin Fernando, nin Franco nin a Garda Civil conseguiron nunca cosernos a boca aos que temos un idioma máis antigo co castelán, xa poden ir desistindo os da escola de Chicago e os seus compinches, que non han movernos de lingua. Nin eles nin os que viven de levarlles a contraria a eles. O galego gardáronolo os labregos – os nosos descamisados– e agora habémolo seguir gardando os que non queremos sermos escravos, os que aínda oímos “le vol noir des corbeaux sur nos plaines”. Esa é a cuestión. O resto son boludeces.

martes, mayo 25, 2010

Colleita Valcárcel, reserva mil primaveras

Volvo ler o lostregante Marcos Valcárcel na solaina das súas uvas ou nas uvas da súa solaina que, sen seren a mesma cousa, veñen sendo a mesma identidade. Di que escoitou a cantante brasileña María Bethânia e que lle oíu o verso de "navigar é preciso, viver nao é preciso”.
Quizais sen decatarse, Marcos botounos a historia enriba da nosa sensibilidade. “Navigare necesse, vivere non necesse” contounos Plutarco que lle dixo Pompeio aos seus mariñeiros cando se negaron a embarcar. “Viver nao é preciso, o que é preciso é crear”, traduciu Fernando Pessoa e de aí bebeu Caetano Veloso para escrbir Os Argonautas en versos que cantou magníficamente a súa irmá María Bethânia.
Parece que, con este lóstrego de Marcos, rematan as uvas na solaina. Mentira, esas uvas facerán sempre o viño da nosa esperanza. Colleita Marcos Valcárcel. Reserva de mil primaveras.

lunes, mayo 24, 2010

Joder el gallego

Moi interesante a reflexión que nos traslada hoxe Antón Baamonde no seu artigo de El País (edición galega), titulado Podría ser. De todo o que di nel, reparo especialmente na pregunta final que nos fai aos lectores: “¿Alguien sabe lo que propone la Xunta más allá de joder el gallego?”. Eu, dende logo, non o sei.

sábado, mayo 22, 2010

O Banco de España intervén un xornal andaluz

José Sanclemente, ex conselleiro delegado do Grupo Zeta, acaba de publicar no seu blog un interesante artículo sobre algo do que está a ocorrer coa polémica reorganización das caixas de aforros. Asunto referido, neste caso, á andaluza Caja Sur. Lean e verán o que acontece:

El Banco de España interviene un periódico
Me tomo la licencia de un titular inexacto, pero me explico: Caja Sur acaba de ser intervenida por el BANCO DE ESPAÑA al no haber alcanzado un acuerdo de fusión con UNICAJA de Málaga. La situación de Caja Sur es de quiebra. Esta entidad tiene una participación en el Diario Córdoba del orden del 30% de su capital, el resto es propiedad de Grupo Zeta.
La entidad financiera pertenece a la Iglesia católica y ahora parte del esfuerzo que hemos de hacer los españoles con nuestra subida de impuestos y reducción de salarios, irá a salvar una entidad grandilocuente y mal gestionada por las curia nacional.
Sería en torno al año 1995 cuando , como Consejero de Grupo Zeta, adquirí una participación en Diario Córdoba, antiguo diario del movimiento que estaba en manos de accionistas privados y de Prensa Sur, sociedad regida por Emilio Martín testaferro del PSOE. Realmente la situación era caótica, la iglesia y el PSOE metidos en un diario conjuntamente con un grupo de comunicación privado... impensable.
El entonces presidente de CajaSur, el cura Miguel Castillejos, era realmente un poder fáctico al que la Junta de Andalucía miraba con recelo, pero también con inusitado respeto y que acabó enfrentándose a Gaspar Zarrias, (vicepresidente de la Junta) por el control del diario.
Convencí al presidente de Grupo Zeta , Antonio Asensio, que si bien la operación de compra resultaría compleja - Iglesia y partido político en nuestro accionariado- el diario , lider en su provincia, merecía la pena.
No me estenderé, pero acabamos enfrentados todos. Chaves , por medio de Zarrias , no nos quiso vender Prensa Sur (PSOE) a grupo Zeta y lo hizo a Grupo Prisa. El cura Castillejos me revocó el nombramiento de un director y acabamos en los juzgados. El diario , ante tamaños accionistas, daba tumbos hacia polos ideológicos opuestos,
Asensio y Polanco llegaron a un acuerdo y adquirimos las acciones de éste que había obtenido del PSOE. El juez , un progresista que tuvo el valor de enfrentarse al poder eclesiástico dominante, nos dió la razón en la gestión y el cura admitió que CajaSur sería un mero accionista sin gestión.
Realmente Castillejos lo admitió a regañadientes tras ofrecernos 6.000 millones de las antiguas pesetas por nuestra participación. Ojalá se lo hubiéramos vendido por ese precio. No lo hicimos y ,dados los precios de los diarios de hoy en día , hubiera sido un gran negocio.
El cura Castillejos con quién tuve una larga relación es de los personajes más curiosos que he conocido en mi vida. Cuando la Junta de Andalucía , no sólo quería el control del diario, si no el control de Caja Sur, él respondía , ¿pero es que no se dan cuenta que nosotros no podemos obedecer las leyes humanas por encima de la ley de Dios ?. ¿"Por qué insisten entonces en controlarme?".. Genial.
No me extraña que CajaSur haya gestionado con prepotencia , despilfarro y poco sentido común los recursos de muchísimos andaluces y ahora se tengan que poner en manos del poder humano y financiero representado por el Banco de España.
Ahora, Diario Córdoba, estará en manos de Grupo Zeta y del Banco de España que ha intervenido a uno de los poderes financieros de la Iglesia. Mirándolo con distancia será como hace 20 años. Otra vez volverá el partido en el gobierno a participar indirectamente en una cabecera que alimentó. Claro que esta vez tendrá que vender urgentemente su participación en el periódico para poder sanear las maltrechas cuentas de la Caja y poder responder ante sus impositores. El problema es que esta vez Grupo Zeta no tendrá capacidad de adquirirlas y volverá a tener otro partner obligado o, lo que es más sensato, es que Diario Córdoba al 100% acabe en manos de otro editor.

viernes, mayo 21, 2010

Menosprezo da corte –e non tanto– e alabanza da aldea (sen pasarse)

Estes días andei de leñador canadiense. Con camisa a cadros e tirantes incluídos. Estaba canso de oír rosmar a algún veciño do val da Amaía, onde moro agora, sobre as árvores centenarias que bordeaban unha parte da miña leira e decidín cortar polo san a vida de máis dunha ducia de algarrobos que, probiños eles, parece que molestaban a algún esquisito (no sentido portugués da palabra) que pasa unha vez e media ao mes co seu “haiga” utilitario pola pista de terra que bordea o lugar onde estaban as árvores.
Ovidio, un auténtico profesional deste asunto, asumiu a responsabilidade de cortalos e abofé que fixo un bo traballo. Non sei se aumentará moito o seu peculio coa madeira que levou, pero eu conformeime con rendirme ante a evidente mala cara que ían poñendo algún dos citados esquisitos que lle esixen aos demais un cumprimento da normativa legal que eles pasan polo forro dos seus calzóns cando lles peta. Realmente eran árvores que podían caer un día de temporal e causar danos que eu nunca desexaría, pero a verdade tamén é que levaban décadas e décadas aguantando o tipo sen humillarse baixando a cabeza ata o chan. Ás veces quen paga estas diatribas é a propia natureza que cada vez se vai vendo máis obrigada a cederlle o paso as innumeras formas do puto cemento. Por iso estou hoxe cabreado.
Gasta un os seus aforros de toda unha vida en comprar unha casa en ruínas, refacela con pedra e arquitetura de deseño e non espere vostede que ninguén –privado ou institucional– llo agredeza nunca polo que ten de recuperación e conservación dun patrimonio que debería ser inmorrente. Todo o contrario. Sempre ha vir alguén que lle chante un cachopo de bloques de cemento á vista para gardar unha ducia de galiñas diante dos fuciños. Iso si, os nosos paisanos son moi dadivosos e sempre han ter con vostede o detalle de ofrecerlle uns oviños de pita mantida con millo e a proba da matanza. É curioso porque na que agora está sendo a miña terra cativa atópase un con xente que sabe ser absolutamente xenerosa e solidaria durante dez anos e logo convértese nun garda da porra por culpa dunha rama de loureiro que, segundo el, invade o espazo aéreo dunha pista que comunica tres leiras que están case a bravo. Esta xente aos que, coma min, escollemos vivir unha parte da última etapa das nosas vidas á beira do río de Rosalía chámannos os “venideros” e algúns mírannos de reollo. Pregunto eu a quen lle ían vender as súas leiras a prezo de ouro se non fose polos “venideros”.
A eles gústalles o cemento, o ladrillo e a especulación inmobiliaria. A min gústame a natureza, que vai desaparecendo, e o ar libre. O que xa non sei é ata cando imos resistir polo menos parte dos “venideros” fronte ao indixenismo de cartón pedra. Polo menos a min, ás veces, dame por pensar en tirar a toalla.

martes, mayo 18, 2010

Amazing speech

“Só pode sentirse vergoña. O racismo xa non podía enmascarar a realidade da ocupación por máis tempo. Eran persoas, eras seres humanos. Dende aquela, magóame a culpa… Síntome culpábel cada vez que vexo unha nai cos seus fillos coma que choraba histericamente berrándonos que eramos piores ca Saddam cando a obrigabamos a saír da súa casa. Síntome culpábel cada vez que vexo unha nena noviña coma que agarrei polo brazo para arrastrala cara á rúa.
Díxosenos que loitabamos contra os terroristas. O verdadeiro terrorista era eu nesta ocupación. O racismo no militar foi durante moito tempo unha ferramenta para xustificar a destrucción e a ocupación de outro país. Usouse para xustificar as matanzas, a subxugación  e as torturas de outras xentes. O racismo é unha arma vital utilizada por este goberno. É unha arma máis importante ca un rifle, ca un tanque, ca un bombardeiro ou ca un acorazado. É máis destrutora ca un proxectil de artillería, un reventa búnqueres ou un misil Tomahawk…”.

E aínda segue. Dá arrepío escoitalo. Trátase de Mike Prysner, un soldado norteamericano que decidiu contar o que viu e o que lle parece o que fixo o Exército USA en Irak. Premer aquí para comprobalo.

lunes, mayo 17, 2010

Polo galego

Milleiros de persoas manifes-
táronse en Santiago a favor da lingua galega. Tantas que non couberon na praza da Quintana. Parlamentarios do BNG e do PSdeG-PSOE e dirixentes destas dúas forzas políticas, pero tamén de Esquerda Unida. E, sobre todo, moita xente de a pé de todas as cores políticas menos do PP. Todos loitando polo galego. Menos o presidente da Xunta que, como dixo Carlos Callón citando un verso de Novoneira, “só loitou contra o seu pobo”.

domingo, mayo 16, 2010

Novoneira no Xapón

Con toda razón e xustiza estase a celebrar a obra poética e a persona-
lidade de Uxío Novoneira do Courel a Compostela pasando polo Xapón. Hai poucos días, o xaponés Take Asaka falou do autor dos Eidos na Universidade Gakushuuin de Tokío, na que este ano tamén se está levando a cabo un curso sobre “Conecer Galicia”.
Take coñeceu a Novoneira a finais de 1989. Presentounos Cristina Cachafeiro na galería Sargadelos de Santiago e, dende entón, non deixaron de verse nunca cando o xaponés fai a sús anuais visitas a Galicia. Uxío publicou, pouco despois, coa xaponesa Ayako Suguitani, Camelia xaponesa con varios poemas seus, algunha caligrafía e fotografías de Ayako. Un éxito de orientalismo xaponesista.
Na fotografía, tomada na praza da Quintana durante a celebración do Día da Patria Galega do ano 1994, Take Asaka con Uxío Novoneira, Manuel María, Nemesio Barxa, Álvarez Cáccamo e Saleta, hoxe a viúva do poeta da Terra Chá.

sábado, mayo 15, 2010

Movistar: incríbel, pero certo

Levo varios días pensando en como cumpro, unha vez máis, a miña vella vocación “macquera” comprando o novo produto estrela de Appel, o Ipad, e, como son cliente de Telefónica, agora Movistar, marquei o 1004 para que me informasen se esta operadora vai fornecer de tarxetas SIM micro 3G para seren usadas no Ipad. Pedín que me atenderan en galego, e cumpriume ese dereito un tal Marcos, moi amábel, pero o único que fixo foi dicirme que me pasaba cos seus compañeiros de móbiles.
A continuación, pasou a atenderme unha muller que falaba cun indefinido acento centroamericán e que, cando lle presentei o meu caso, pareceu tan sorprendida coma un marciano que fose interrogado acerca da compañeira sentimental de Núñez Feijóo. Non sabía nin que era o Ipad es iso que me esforcei en pronunciar o seu nome en inglés (ai-paed). “Querrá decir usted ai-fon, empeñouse en retrucarme ela.
O caso foi que que fiquei como estaba: sen saber se Telefónica, agora Movistar, vai atender a clientela dos que imos comprar un Ipad 3G. Aínda vai haber que mudarse a Vodafone ou a Orange, xa o verás.

viernes, mayo 14, 2010

O estacazo

Que nos ía caer enriba o estacazo do capital estaba cantado hai moito tempo. En realidade, dende que nos deixamos adormecer no tramposo berce dunha sociedade de consumo que non ten máis norte ca producción e a comerialización abusivamente especuladoras.
Gobernos que gastaron máis do que debían –aí está a cidade da Cultura–, case sempre en rúbricas dificilmente casábeis coa máis elemental prudencia orzamentaria e a xustiza social. Políticos que pasaron do paro ou de non saberen de que ía a vida aos coches oficiais, a Visa de ouro e os salarios de alto excutivo. Sindicalistas que aprenderon moi rapidamente a manexar os garfios dos retaurantes de moito colesterol. Empresarios oportunistas que levaron para os seus fornos toda a masa que puideron. E aínda máis.
E logo estamos nós. Os que imos a pé de vitoria en vitoria ata a derrota final, e que tamén nos lucimos nos últimos tempos. Se grande é a débeda das administracións públicas, tampouco é manca a das entidades e individuos privados. Un viaxiño ao Caribe de cada pouco, na voda da filla que non falte de nada, un cambio de coche cada catro anos, a casiña na praia... Que sei eu o que non fixemos dende que pensamos que morrera Franco para gastarmos moito por riba do que gañamos.
E agora chegan as vacas fracas e, con elas, os gobernantes que finalmente fan o que prometeron non facer nunca e que, en realidade, é o que fan sempre: mallar nas costas dos que xa están mallados de máis. Mexar por nós e pedirnos que digamos que diluvia. E todo isto, nunha sociedade que hai moito tempo que ten a súa intelligentsia pasada a orgánica e, sobre todo, organizada para facer de corifeo dos tirios ou dos troianos. Ou sexa, que imos aviados. A ver agora como lle ensinamos os dentes aos que nos levaron ao estacazo.

jueves, mayo 13, 2010

Sistema Ikea de identidades nacionais

De vez en cando hai que falar de un mesmo. Xa dixo Ramón y Cajal que somos tan ególatras que cando lemos, non buscamos no texto o autor, senón a nós mesmos. Ovidio sostiña que o egoísta ten o corazón na cabeza, cousa que tampouco ten que ser mala de todo.
Do que quero falar é de min, pero indirectamente. Tocoume traducir ao castelán un excelente libro da investigadora francesa Anne-Marie Thiesse, La creation des identités nationales, e aprendín moito durante o traballo que me deu facelo. Acaba de publicalo Érzaro Ediciones, que dirixe Alexandro Diéguez.
En español aparece co título de La creación de las identidades nacionales, nun volume primorosamente deseñado por José María Cerezo e maquetado por Patricia Nieto. Trescentas e pico páxinas de exposición e análise de datos históricos, sociolóxicos e políticos que axudan enormemente a comprender as orixes e o desenvolvemento das identidades nacionais que, como sostén a autora, “non se perden na noite dos tempos, nesas idades oscuras e heroicas que describen os primeiros capítulos das historias nacionais”.
“O resultado da fabricación colectiva das identidades nacionais –sostén Anne-Marie Thiessenon é un molde único senón máis ben, segundo a expresión provocadora do sociólogo Orvar Löfgren, unha especie de kit en do-it-yourself: unha serie de declinacións da ‘alma nacional’ e un conxunto de procedementos necesarios para a súa elaboración. Hoxe sábese moi ben a lista de elementos simbólicos e materiais que debe presentar unha nación digna deste nombre: unha historia estabrecendo a continuidade cos grandes precursores, unha serie de herois parangonábeis coas virtudes nacionais, unha lingua, monumentos culturais, un folklore, lugares de culto e unha paisaxe típica, unha mentalidade particular, representacións oficiais –himno e bandeira– e identificacións pintorescas –costumes, especialiddes culinarias ou animal emblemático. As nacións que accederon recentemente ao recoñecemento político, e sobre todo as que aínda o están reivindicando, polos sinais que prodigan para testemuñar a súa existencia, dan boa fe do carácter prescriptivo dese check-list identititario. O ‘sistema IKEA’ de construcción das identidades nacionais, que permite montaxes diferentes a partir das mesmas categorías elementais, pertenece actualmente ao dominio público mundial: Europa exportouno ao mesmo tempo que impoñía ás súas antiguas colonias o seu modo de organización política. O recurso á lista identitaria é o medio máis banal porque é o máis inmediatamente comprensíbel de representar unha nación: xa sexa por unha cerimonia de apertura nos Xogos Olímpicos, as festividades que acompañan a visita dun xefe de estado estranxeiro, a iconografía postal e monetaria ou a publicidade turística”.
Nesta dirección camiña o libro que é, sobre todo, unha análise seria e competente de como se foi facendo Europa dende hai dous séculos ata agora. Como di a autora, “a exacerbación actual dos interrogantes sobre as identidades nacionais e a súa preservación na Europa contemporánea débense menos, sen dúbida, á presenza dunha man de obra de orixe estranxeira ca constatación de que as novas formas da vida económica esixen a constitución de conxuntos máis vastos cos dos Estados-nacións. Agora ben, a entidade supranacional da Unión Europea tórnase un espazo xurídico, económico, financeiro, policial, monetario: non é un espazo identitario. Fáltalle todo ese patrimonio simbólico polo que as nacións souberon propoñer aos individuos un interese colectivo, unha fraternidade, unha protección. O reprego sobre as identidades nacionais como refuxios é, en resumidas contas, moi comprensíbel. O euro non constitúe un ideal. ¿E se os pais de Europa a instituíron esquecéndose de construíla?”.
Evidentemente, o libro ha crear algunha polémica. Aos máis nacionalistas seguramente lles parecerá algo xacobino. Os xacobinos quizais digan del que é proidentitario. Estou convecido que unha certa dereita ha tratar de tirar tallada dalgúns argumetos e datos que contén o libro. Pero, por iba de todo, eu que o coñezo ben porque pasei moitas horas traducíndoo, sei que La creación de las identidades nacionales é unha ferramenta imprescindíbel para quen queira entender a historia da evolución identitaria europea. Realmente xa é un clásico comparábel ao Nations and nationalism since 1780 de Eric Hobsbawm e a outros libros de ampla difusión sobre a materia. O de Anne-Marie Thiesse ten, ademais, a virtude de estar escrito nunha linguaxe directa, extremadamente concisa, cartesiana, que non está, porén, exenta de certas doses de humor e algunha retranca ao estilo francés.

miércoles, mayo 12, 2010

Zapatero fai o traballo sucio da dereita

Zapatero claudicou. Non sei o que pasa cos socialistas españois que case sempre rematan as súas oportunidades de goberno facéndolle o traballo sucio á dereita. Pasou con Felipe González meténdonos de entrada non na Otan e coa súa peculiar maneira de combatir o terrorismo mediante terrorismo, e acontece agora tamén con Zapatero, o líder que lle está limpando os canos a Rajoy para que, cando chegue ao goberno, non teña que desgastarse facendo unha reforma laboral que vai producir moito sangue, máis suor e abondantes lágrimas.
Creo que non me equivoco se agoiro que a Zapatero vaille pasar igual ca Gordon Brown. Vai morrer de éxito. Dificilmente, nin os funcionarios nin os traballadores en xeral, nin os xubilados nin case ninguén lle vai comprender que sexa el o que entregue as armas sen condicións ao capital especulativo internacional. Realmente é moi triste observar como é un dos nosos o que arruína a clase traballadora sen atreverse a meter nin o dedo meñique no peto dos banqueiros e dos grandes especuladores. Un goberno que se comporta desta maneira debería ir pensando en retirar do seu ideario a etiqueta de socialista. Dá moita pena ver como vai ser o final da xeira de Zapatero. E que non veñan agora os seus corifeos dicirnos que criticalo é abrirlle o camiño á dereita do PP. Non, a dereita xa está definitivamente instalada na Moncloa co disfraz de socialdemocracia.  Algúns líderes morren matando, a outros mátanos a eles, e tamén os hai que morren de éxito. Zapatero, cativo e desarmado polo gran capital, váisenos finar na cama. Coma Franco. Oxalá non nos acabe pasando o de Grecia, onde as situacións prerrevolucionarias xa se mostraron na rúa, segundo informaron os xornais franceses. E non o digo por "Kanellos" nin por "Lukanicos", os dous cans que encabezaron case todas as manifestación de Atenas e lles ensinaron os dentes aos policías.

martes, mayo 11, 2010

Unha caixa nova?

Ça y est! que é como din os franceses que xa está. Tanta reviravolta para seguiren mandando os de sempre. Os que se ven na foto de Lavandeira-Efe que xa están empezando a publicar os xornais. Sede social e fiscal na Coruña, e operativa en Vigo. Dous copresidentes non executivos e igualdade absoluta en todos os cargos, incluídos os uniperseoais e os colexiados.
Nos próximos tres anos, as dúas entidades conservarán os seus respectivos consellos de administración. Ou sexa, que ninguén se vai quedar de momento sen a súa bicoca. E a nova caixa será gobernada por un novo consello de vinte membros formado tamén de maneira paritaria. Os copresidentes, un por cada caixa, alternaranse nos seus cargos durante dous períodos consecutivos de 18 meses. O novo director xeral será o vigués Xosé Luís Pego, ata agora man dereita de Xulio Fernández Gayoso.
¿Queda fóra do mando, polo tanto, Xosé Luis Méndez? Non acabo de crelo. ¿Tanta bulla e tanta mandanga para isto? ¿Vai ser todo isto a caixa nova quee Galicia precisaba? Xa se verá. Polo de agora non cambian nin as caras. Cambiárono todo para que todo siga igual, seguramente.

martes, mayo 04, 2010

Fidel Castro Gayoso

Gobernos autonó-
micos e estatais do máis diverso cariz gastan ás veces o que lles dá a gana en conseguir que algún reporteiro dos xornais máis prestixiosos de Estados Unidos escriban e falen dos seus problemas. O máis que conseguen é que, de vez en cando, algún free-lancer coloque algún artigo no Washington Post ou en The New York Times alabando algún dos nosos viños, algunha praia aínda non contaminada nin invadida polo feísmo arquitectónico ou sobre algunha das rarezas antropolóxicas que aínda nos quedan.
Pois mire vostede por onde a polémica fusión das caixas de aforro logra de repente un amplo espazo no The New York Times, sen dúbida un dos xornais máis prestixiosos do mundo, sen que o contribuínte teña que pagar un can. Raphael Minder, xornalista da citada publicación, co título de Spain seen as moving slowly on financial reforms, colocounos na actualidade norteamericana pola “reticencia do Goberno español a usar unha man máis firme nos seus problemas financeiros”. Segundo o autor, os problemas de Caixa Galicia e Caixanova para pórense de acordo débense a “rifas sobre quen dominará a institución unificada” e Zapatero móstrase incapaz de “forzar a consolidación das entidades de aforro”.
Escapóuselle ao espabilado reporteiro do NYT facer a paremioloxía que pode estabrecerse entre dous personaxes tan galegos coma Fidel Castro e Xulio Fernández Gayoso. E digo Fidel Castro por non dicir Franco, Anastasio Somoza, Pinochet ou Salazar, que xa morreron. Castro, como bo autócrata caribeño que quere morrer sen baixarse do poleiro, pode ser agora mesmo a mellor metáfora do que lle sucede ao presidente de Caixanova, autócrata atlántico que parece non importarlle máis nada ca vella filosofía de palleiro que sostén que detrás de min só pode vir o diluvio. Só así se entende o seu comportamento carneirán de sucederse a si mismo ata que o pechen nunha caixa de piñeiro, que no seu caso ha ser de caoba sen dúbida. O eu ou o caos, parece querer dicirnos este patriarca do continuismo e da xerontocracia. Non sei se tería méritos para que no futuro nos lembráramos del como de alguén que fixo algo importante pola súa terra, pero o que está claro é que agora vai pasar á historia coma o que quixo agarrarse ao timón e por o rumbo que máis lle peta ao barco.
Neste aspecto, Gayoso é coma Fidel Castro e coma toda esa caterva de autócratas que sempre se distinguen por seren eles por riba de todos e de todo. Coñecíase ben o mesianismo político e agora os galegos estamos empezando a entender de mesianismo económico observando o comportamento do presidente de Caixanova. Esperemos que non nos saia insoportablemente caro pagarmos as súas veleidades. Que, por outra parte, tampouco son só as súas. Algún día haberá que falar tamén das de Abel Caballero e das de algún outro prócer da vida pública galega. Mentres tanto, non temos queixa. Saímos no NYT case coa mesma frecuencia coa que saía a ditadura de Franco no seu tempo. Algo é algo.

lunes, mayo 03, 2010

Caso Charles Pasqua: varas de medir

Charles Pasqua, antiguo ministro de Interior baixo as presidencias de François Mitterand e Jacques Chirac, non terá que cumprir a recente sentenza que lle impuxo a Cour de justice de la République, condenándoo a un ano de prisión por malversación de fondos en prexuízo da Sociedade Francesa de Exportación de Materiais, Sistemas e Servizos (Sofremi), debido á súa “idade e ao pasado ao servizo de Francia”.
Non é a primeira vez que este ex alto mandatario francés foi xulgado por actuacións relacionadas cos cargos públicos que ocupou. Asuntos como os de GE-Alstom Transport, o Casino de Annemasse, a compañía Elf, a Fundación Hamon ou actividades relacionadas con intercambio de petróleo e alimentos xa lle ocasionaron anteriores comparecencias diante dos tribunais de Xustiza do seu país e algunha condena.
Agora, a Cour de Justice de la République, un tribunal de excepción que foi creado en 1993 para xulgar os crimes e os delitos cometidos por membros do goberno no exercicio das súas funcións, condenouno hai tres días a unha pena de un ano de prisión condicional, pero rapidamente estabreceu que que non deberá cumprila por ter 83 anos e polo seu “pasado ao servizo de Francia”.
Non serei eu quen se elegre nunca de que alguén teña que entrar na cadea, e considero tamén que as razóns de idade deben ser tidas en conta na aplicación do cumprimento das penas, pero o que non entendo demasiado ben é que se considere o pasado de Pasqua “ao servizo de Francia” como un ad libitum xudicial para aplicar a súa sentenza. Non sería máis xusto, precisamente, proceder pola contra? Non deberían as persoas que exercen cargos públicos daren exemplo no cumprimento da lexislación e da moral públicas? Por que premialos, logo, cando se demostra que cometeron delito? Charles Pasqua é, ademais, un reincidente.
Quizais o caso é un dos máis sintomáticos dos que poden derivarse da “interpretación” que o poder xudicial pode dar á aplicación da Xustiza. E ata pode que as súas ondas rematen chegando ao proceloso océano no que se bañan actualmente algúns importantes casos esapañois. Seguramente, nin en Francia nin en España nin en calquera outro sitio, a ningún tribunal se lle vai ocorrer librar do cumprimento dunha pena a un cidadán do montón por ter prestado servizos ao seu país. E non cumpren eses servizos Pepe o albanel, Manolo o carpinteiro ou Xan o ferrallista?
A min o caso dame que pensar e lévame ao sempre espiñento e eterno debate das varas de medir.