viernes, julio 30, 2010

Feijóo por Picasso

Xa está! Xa se sabe por que Núñez Feijóo catalanizou a Picasso. Resulta que coincidiron de rapaces, non cando o malagueño pintaba pombas na Coruña, senón en Barcelona cando o artista universal andaba concibindo as "Señoritas de Avinyó", paseando por unha rúa que estaba chea de putas. Agora xa se explica o lapsus do presidente da Xunta. Estaba pensando no retrato que lle fixo Pablo Picasso ao daquela rapaz dos Peares. Por certo ¿que andaría facendo Feijóo polo Carrer d'Avinyò?

miércoles, julio 28, 2010

Escopeta nacional

Non sei se o presidente da Xunta é andaluz, pero creo que si. Permítame Núñez Feijóo que eu tamén xogue coas frases, e refírome ao que acaba de dicir respecto de que non sabe se Picasso era catalán, pero el coida que si. E descúlpeme, sobre todo, o gran pintor malagueño e universal as comparacións que ata lle poderían resultar ofensivas (non precisamente polo de catalán).
Núñez Feijóo, en plano de serpe de verán, quere descubrirnos que o feito de que un toureiro poña en perigo a súa vida diante dun touro ten “máis mérito que cando un home colle unha escopeta e mata un animal”. Ata agora non sabiamos que o presidente da Xunta admira máis a Finito de Córdoba ou a José Tomás ca o rei de España ou ca  o xuíz Garzón, sobradamente coñecidos por utilizaren a escopeta para matar animais. No caso do primeiro disparando mesmo contra osos co estómago cheo de vodka, ou sexa, borrachos.
Tamén nos di Feijóo que nos cumpriría reflexionar sobre a caza. ¿É legal? ¿Pódese cazar? ¿Non se pode cazar?, pregúntase. Que ande con pés de chumbo. Non vaia ser que abra unha caza na que sexa o cazador o que acabe cazado. Dígoo porque se cadra algunha vez as perdices acaban disparando contra as escopetas, os osos pegándolles patadas nos collóns aos furtivos e os cervos turrando contra os señoritos de escopeta nacional.

lunes, julio 26, 2010

Gladiadores do español

Curiosos días estes que lle están transcorrendo a Galicia. Tivo que pechar Vieiros, baixou o telón Chuza.org e non sei se non rematará habendo máis defuncións polo estilo nos próximos tempos. A Manuel Fraga resucitóulle o Ave Fenix que leva dentro e arremeteu, como nos tempos nos que defendía alcaldes acosadores, disparando agora a súa pólvora de rei contra os nacionalistas que non son do seu nacionalismo e contra a lei do aborto.
Defensores armados do idioma español viñeron dar a nota en Santiago nun día tan emblemático coma o 25 de xullo, e menos mal que desta vez tiveron a mala sorte de ameazar con pegarlle unhas hostias a unha xornalista andaluza de El País porque, senón, nin nos enterabamos de como se comportan estes gladiadores do hable usted la lengua del imperio.
O caso aínda segue sendo que o xefe superior de Policía, galeguista confeso e autor de culto do sistema literario galego, Luís García Mañá, ou o delegado do Goberno, Antón Louro, o noso García Sabell dos tempos de crise, compoñentes entrámbolosdous da xefetura natural dos lexionarios antigalegos, aínda non dixeron nada acerca de que se mandase investigar os feitos e correxilos se houbese lugar.
Hai que ter estómago para dixerir sen doses equinas de Omeprazol algunhas cousas que están pasando estes días. Pero contra a resignación destes feitos non creo que escriba nunca Santiago Rey. Fai ben o BNG en levar ao Congreso dos Deputados (ver Xornal) o irrespecto intolerante que mostraron algúns policías contra o idioma galego na xornada do día 25, pero moito me temo –e oxalá me equivoque– que nin El País vai publicar un editorial sobre este tema nin os deputados van interromper as súas cómodas vacacións para ocupárense destas menudencias.
Se cadra é o que merecemos. Mentres que aquí morren de morte morrida Vieiros e outros camiños que tentaron abrirse cara á liberdade, en Francia acadan a lozanía máis esplendorosa alternativas comunicacionais tan esperanzadoras coma Mediapart, que lle obrigan a Sarkosy a porse nervoso. Cumpriríanos reflexionar e un destes días insistirei sobre esta interesantísima cuestión.

Corre, non vaias levar unhas hostias

O tempo non para nunca de correr. Despístase un quince días e, cando quere recuperar o fio deste blog, non sabe de que escribir. ¿Da desaparición de Vieiros? ¿Do éxito anualmente repetido polo Día da Patria Galega? ¿Do curriños que estaban os monarcas, ministros, presidente da Xunta, conselleiros e concelleiros na ofrenda ao Apóstol? Hai que ver o ben que lle pode quedar o chaqué a Pepiño Blanco ou a mantilla española á Reina de España. E non digamos como luce a mitra Rouco Varela no medio de tanto esplendor catedralicio.
Cada 25 de xullo, o templo do Apóstol Santiago –¿ou será de Prisciliano?– convértese nunha especie de fogueira das vaidades pola que desfilan santos e pecadores, cristianos vellos e conversos, mesmo algún ateo transfigurado e non poucos petimetres acomodados. Iso si, a plebe ese día fica afastada –ata da praza do Obradoiro– como se alguén quixera mandarlles clientes aos nacionalistas do Bloque para que a súa manifa sempre teña o mesmo número de participantes.
Podería seguir escribindo destas cousas, pero a min o que máis me chamou a atención é o que lle pasou a unha xornalista de El País, andaluza para máis señas, cando un policía nacional lle escoitou preguntar por onde se ía á Pescadería Vella. Un antidisturbio perturbador agarrouna por un brazo e díxolle: “Aquí non hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú, que eres de fuera, deberías saberlo”. E ata a ameazou berrándolle: “Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias”.
Non coñezo de nada a esa xornalista nin sequera sei como se chama, pero tendo en conta o medio para o que traballa non a imaxino como sospeitosa de calquera forma de delincencia e moito menos aínda de constituír un perigo terrorista ou independentista. De todo o que puido pecar é de desinformación por non saber onde está a Pescadería Vella, ignorancia que lle puido custar levar unhas labazadas pagadas polos contribuíntes.
O caso non precisa máis comentarios. Se cadra preguntármonos de que nos sirve ter un xefe superior de Policía que escribe novelas en galego, un delegado do Goberno que fala en galego cos amigos ou un presidente da Xunta que vai á misa á que antes ían os ateos. E logo aínda hai quen di que non temos país. Témolo, pero que pais, Miquelarena, que país.

miércoles, julio 14, 2010

Ricardo

Non é Corazón de León, pero é Ricardo. Ricardo Gurriarán. Historiador, parente da poesía, cidadán dun tempo e dun país. Peneirador de inmundas escorias. Ademais, doutras cousas que conta moi ben Ramón Loureiro no artigo que lle dedicou recentemente en La Voz de Galicia e que se pode ler premendo sobre a ilustración e aumentando logo o tamaño.

martes, julio 13, 2010

Será o fútbol a salvación de España?

Pregúntase hoxe o xornal Le Monde, nun artigo de Luc Vinogradoff, se a vitoria do mundial poderá salvar a economía española. É, sen dúbida, unha pregunta retórica que ninguén pode responder por agora, pero empezan a prodigarse os predicadores que adiviñan un futuro económico prometedor para o gol de Iniesta. Quizais o polvo ese descendente de Rappel, ese que queren traer os do Carballiño, debería volver a ser consultado ao respecto.
Con déficits públicos do 11,2 por cento e un paro que ronda o 20 por cento, a España cómprelle lembrar o que pasou antes noutros países que gañaron a Copa do Mundo.  Francia, por exemplo, vitoriosa no 1998, experimentou unha subida do seu produto interior bruto (PIB) equivlanete ao 5,97 por cento no trimestre que seguiu á final da copa desputada aquel ano en Brasil. No canto dun ano, ese crecemento foi do 3,3 por cento. Italia medrou un 7,71 por cento no trimestre seguinte á súa propia vitoria no ano 2006, e un 4,4 por cento no que atinxe a un ano.
Un estudio levado a cabo en Alemania pola banca ABN Amro, no ano 2006, calculou que un país que gaña a Copa do Mundo “aprovéitase  dunha bonificación económica  media do 0,7 por cento de crecemento adicional” no prazo dun ano. “O finalista -sotén dito estudio– ve como o seu crecemento perde un 0,3 por cento en relación á taxa do ano precedente”.
Tería coña que fose o fútbol a nosa salvación económica.

lunes, julio 12, 2010

A senyera de Puyol

Non me gusta case nada o fútbol e son calquera cousa menos un tifoso, pero confeso que o pasei moi ben vendo como Iniesta foi quen de atravesar o cabo de Fornos navegando no gran barco da selección española capitaneado por Vicente del Bosque, ese magnífico actor que está sempre representando con éxito o papel do comisario Maigret. Paseino ben e celebreino tamén porque Puyol marcara estoutro día aquel gran gol de cabeza e porque onte envolvera o seu corpo de pagès de l’Empordà nunha tremolante senyera á que tamén se agarrou Xavi.
Linlle a algún comentarista francés que os xogadores cataláns e vascos non cantaban senón que asubiaban cada vez que soaba o himno de España, pero eu nunca lles vin facer tal cousa. ¿Ten letra, ademais, o tal himno a pesar de Franco e de José María Pemán? Tamén lle lin a algún gabacho que a final deste campionato mundial de fútbol, en realidade, foi un match a dente partido entre o Barça e o Ajax. Gustaríame ver a cara que poñían estes días Guardiola e Cruiff.
Aínda así, José María Aznar e o seu glorioso partido non puideron evitar a tentación de caeren na españolada plusultriónica de roubar auga para o seu muíño. Pena de políticos e de política. Se cadra merecerían que lles dixeramos que España foi, por fin, campiona do mundo grazas a cataláns e vascos. E a un egrexio andaluz de Camas, por suposto.

jueves, julio 08, 2010

A Illa dos presidentes

Mentres vou rematando de matar o meu virus estomacal, se queren, vayan vendo o que pasa en La isla presidencial. Ata anda por alí o Rei de España. Hai que premer aquí.
E, cando rematen de velo, preman tamén aquí para ver o que vai suceder logo.

lunes, julio 05, 2010

O traxe descosido de Feijóo

O xornalista de El País Xosé Precedo publica hoxe unha interesantísima información coa que descose o traxe de Núñez Feijóo salientando que “o líder popular presume de austeridade, pero esquenceu as súas promesas de man dura contra os escándalos do seu partido”. Feijóo enseña sus costuras é o título da súa crónica, que non ten desperdicio.
Entre os casos que o presidente non quere ver, están os de Agustín Hernández, Ana María Díaz, Xosé Antonio Álvarez Vidal, Evaristo Juncal, Xosé Manuel Álvarez-Campana e Roxelio Martínez. Son as costuras descosidas do traxe de Feijóo.