jueves, mayo 26, 2011

A camisa de once varas de Conde Roa

Algún teñen demasiada presa en meterse en camisas de once varas. Xerardo Conde Roa, por agora só candidato electo á Alcaldía de Santiago, anda tras do delegado xeral do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, para ver como se poden botar da praza do Obradoiro os acampados do 15M. Di Conde Roa que non é de recibo que un turista procedente de Francia, América do Norte, Italia ou Aranxuez poda comprar un billete para ver unha das mellores prazas do mundo e pensar que vai ser unha marabilla e chegar aquí e ver o que hai.
A este aínda só candidadato electo do PP empézanselle a ver os pelos das orellas. Parece que ten demasiada presa en presentarse como o futuro Rudolph Giuliani dunha Compostela que ten ben pouco que ver con Nova York. Non pasou unha semana das eleccións e xa está o futuro alcalde dando que falar só por dúas cousas: botar os acampados do Obradoiro e deixar a Sala Nasa sen un can de subvención municipal. É a súa maneira de tirarse ao Sar, que por certo aínda non se lle ocorriu nada para descontaminalo. Como siga así vai rematar esixindo certificado de boa conduta expedido polo comandante do posto da Garda Civil e polo cura da parroquia para tomar as copas na Raíña, que no Franco xa só as toman os guiris.

5 comentarios:

Ana Bande dijo...

O monstro non fixo máis que amosar os pelos das orellas, como di vostede e ¿mete tanto medo como para fuxir a toda presa? comprendo aos da nasa, pero aínda sen saber moito máis plantéxome que clase de artistas, que afoutos e decididos creadores teñen tanto medo. Velaquí o rápido que se ven os estragos de subvencionar a cultura. Cando o contexto é pouco propicio, en sociedades un pouco avanzadas nacen precisamente moitas iniciativas culturais, aquí só se plantexa a cultura como negocio.

Anónimo dijo...

E cando espertei o dinosaurio seguía aí.

Luis dijo...

Ábrese o pano. Aparece Conde Roa de alcalde. Páchase o pano. ¿Como se chama a serie?: "La que se avecina".

José Manuel dijo...

Naide esperaba outra cousa deste candidato. Sigo sin entender como se pode votar a este personaxe en Compostela,... pero tendo en conta que en Valencia arrasou Camps...

Anónimo dijo...

Non fagan distingos agora: Bugallo está dacordo con Conde Roa. Todos os politicos do sistema dacordo en botalos e descalificalos. Molestalle tanta protesta pacífica. Están agardando a que cometan un erro. E si non o cometen, a botalos. Calquer cosa menos facer autocrítica. Nin on PP nin o Psoe queren entender que algo ten que cambiar. Que a xeneración que eles chaman perdida non da todo por perdido e queren unha esperanza, un futuro.