jueves, septiembre 13, 2012

A mazá trabada

Di Apple que a chegada do iPhone 5 é o máis grande que pasou dende o iPhone. Deixando a un lado os malabarismos publicitarios, hai que recoñecer o enorme éxito que ten a compañía fundada por Stve Jobs cada vez que pon no mercado un produto, que nin sequera é novo neste caso senón unha versión remozada do que xa había. Primeiras páxinas –enteiras nalgún caso– e hectáreas de papel impreso en todo o mundo, amén de espazos televisivos, radiofónicos e Internet, contando as marabillas dun produto que cambiou os costumes de falar por teléfono, escoitar música, ver cine, xogar e facer fotografías, ademais de presumir de smartphone de última xeneración.
Nin sequera importa que desta vez Apple ficase a medio camiño nas súas espectativas de  inventora de aparellos revolucionarios. A nova versión do iPhone ofrece melloras moi importantes con respecto aos modelos anteriores da marca, pero non deixa de ser algo que só é máis do mesmo, e non unha baza xogada con ánimo de inventar algo novo. Dende que morreu Jobs, a marca estadounidense non para de seguir triunfando no mercado internacional, pero parece algo estabilizada no conformismo de funcionar co que xa se sabe que vai funcionar ben, sen apostar por novos desafíos tecnolóxicos e comerciais como podía ser, por exemplo, a promesa aínda incumprida de desenvolver o que Steve chamaba “o televisor do futuro”.
Apple xa é a primeira empresa dos Estados Unidos e do mundo en capitalización bolsística, pero vai camiño de convertirse nun monstro frío de contante e sonante coma os que foron a General Motors ou IBM nos seus tempos. Coma Google, con quen compite directamente a través do mundo, esfórzase en derrochar simpatía, innovación e creatividade. Os seus consumidores pagan caro por comprar a beleza e a funcionalidade dos seus produtos. Apple soubo pechar sabiamente a música e as publicacións periódicas no seu portal de Stores. Pero fabrica os seus obxectos de desexo en obradoiros de China. Moi lonxe da súa cociña californiana de Cupertino. E, de paso, vai colocando as súas plusvalías en paraísos fiscais nos que lle é permitido pagar menos impostos. Non son, logo, os traballadores nin os consumidores os que máis saen gañando coas súas apostas empresariais, senón ela mesma. É Apple. A mazá trabada.

No hay comentarios: