sábado, septiembre 22, 2012

Poñer as cangalleiras

Tajiri Satoshi

Cómpre non impacientármonos máis da conta porque a crónica xudicial derivada da posta en marcha da Operación Pokemon –palabro que parece sacado de comprimir as verbas inglesas pocket (peto) e monster (monstro), e que significaría, polo tanto, monstro de peto ou de alxibeira– ha ter sen dúbida un percorrido longo. Non hai máis que ver o que lle está pasando ao alcalde de Ourense en Lugo.
Os que saben disto máis ca min cóntanme que foi o deseñador de videoxogos xaponés Tajiri Satoshi ou Satoshi Tajiri, que tamén se di, o que inventou e deseñou –con Shigeru Miyamoto– o que hoxe é o famoso Pokemon, que tantos cartos lle deu a gañar a Nintendo. Tajiri chegou a ser tan popular que a noticia falsa da súa morte cando foi o último tsunami xaponés deu a volta ao mundo ata converterse en trending topic. Esencialmente o seu invento trátase dun videoxogo no que xogador debe atopar e capturar monstros que logo pode entrenalos e facelos competir cos de outro xogador.
Non sei se a xuíza Pilar de Lara ou quen fose entre o seu equipo de colaboradores, son afeccionados ao Pokemon de Tajiri. O evidente é que escolleron este nome para a súa xa célebre operación. Por algo sería.
Tampouco sei como pensan entrenar os monstros que van capturando e atándolles os pulsos con grillons, segundo os casos. De entrada, parece que xa hai algo de preconcebido na concepción dos elementos do xogo. Monstros e, ademais de “bolsillo” (quizais a palabra castelá ilustra mellor o significado). Podían consideralos de tapa dura, encadernación en pel de crocodilo, edición príncipe ou in-folio polo menos. Pero non, teñen que ser monstros e, ademais, de peto ou de alxibeira. Se cadra é porque pensaban que se ían atopar só con xente que non traballa para o abade nin para o inglés nin de balde. Ou cos que acostuman amarrar o peto todo o que poden. Outra cousa sería que tamén pensasen en que ían metelos no papo ou terlles postas as cangalleiras.
Sexa como sexa, a min estas denominacións técnicas da xustiza mediática poderían facerme graza, pero danme moito que pensar. En fin, veremos que pasa esta tarde.

No hay comentarios: