martes, septiembre 25, 2012

Mal exemplo o do alcalde de Ourense


Cada hora que deixa pasar o alcalde de Ourense sen demitir, máis fonda cava a súa fosa política, máis favores lle está facendo á dereita de Feijóo e Rajoy e máis lle está apedrando o camiño das urnas ao seu partido, o PSdeG-PSOE. Non é doado entender como Francisco Rodríguez se está empeñando en consumir a súa figura política pechándose nunha teima que só vai levalo a onde ten que chegar: deixar de ser o alcalde de Ourense.
Polas boas ou polas malas (en realidade a hora das boas xa lle pasou pola porta), rematará vendo como lle é inevitábel centrarse no que agora debe serlle fundamental, que é defender con uñas e dentes a condición de inocente que el di que lle pertenece e que eu quero ser o primeiro en respectarlle mentres que a Xustiza non dilucide o contrario. Insistir en que a súa persoa é necesaria para garantir os intereses e proxectar o bo goberno da cidade que lle tocou rexir democraticamente, xa só é retórica cando o seu propio partido e o socio de goberno, o BNG, non é que lle estean pedindo que se vaia senón que están empezando a poñelo na rúa a couces.
Outra cousa é que, polo que sexa, o PSOE lle estea aplicando a Francisco Rodríguez tratamento moi diferente ao que lle deu a casos parecidos ou semelleantes dende o punto de vista forense, os de Xóse Blanco e Xosé López Orozco, por exemplo. Contradicción que tamén se atopa no comportamento do PP, que obrigou a Adolfo Gacio a dimitir –iso si, sen ter que irse de todo do Concello de Boqueixón–, pero non se comportou igual en anteriores casos semellantes.
A vida interna dos partidos políticos é como é, e non sempre é precisamente un modelo de igualdade e democracia, pero isto non debería abondarlle ao imputado alcalde de Ourense para atarse á poltrona. Xa que logo, partamos de que é inocente. Fai daquela moi ben en revolverse contra a traxedia que lle caeu enriba da súa alma. E, se fose realmente inocente, contra o noxento barco de inmundicia moral que lle verteron –e lle seguen vertendo– a maioría dos medios de comunicación sen que a xuíza responsábel do seu caso saíse en ningún momento a puntualizar que nada ou parte de todo o que se lle está atribuindo é mentira. Neste caso, realmente estariamos diante de algo humanamente insoportábel e moralmente degradante.
Pero aínda así, Francisco Rodríguez debería ter a xenerosidade e a valentía moral de non querer impoñer que a cidade que tanto di querer e comprender estea gobernada por alguén que está imputado pola suposta comisión de delitos graves. Ler hoxe, coma onte, La Voz de Galicia ou El País revolve as tripas. Ourense non merece ter un alcalde ao que se lle imputan tamañas sospeitas derivadas dun proceso xudicial. Cada día, cada hora, cada minuto que tarde en dimitir Francisco Rodríguez é unha agonía que lle apreta a gorxa á democracia galega. E estamos a menos de catro semanas de comparecérmos nas urnas para exercela.

2 comentarios:

Dilaida dijo...

Quero pensar que é inocente e que foi unha gran putada a que lle fixeron pero sentíndoo moitísimo DEBE DE DIMITIR XA, por el, por Ourense e pola forza política que representa.

Anónimo dijo...

Decomisan fincas a Don Mario Conde, en plena campaña electoral, por pleitos de 1993.......