sábado, noviembre 30, 2013

A fogueira das vanidades de Santiago

TomWolfe

Fun a Santiago –vivo a dez quilómetros– para comprar un par de pantalóns como Deus manda na tenda de Riande, esquina da rúa do Vilar coa praza do Toural, é dicir, pantalóns co tiro suficiente para que que non te sintas sempre aforcado polas túas partes íntimas. E aproveitei para comprar, xusto enfronte, na antiga libraría Carballal, que hoxe non sei como se chama, a última novela do meu admirado Tom Wolfe, Bloody Miami.
Os pantalóns compreinos porque os necesito de verdade. Estou ata os mesmos cataplines de utilizar estas prendas coas mesmas medidas de cando tiña vinte e tantos anos e precisaba atopar algo que me servira non só para tapar as cada vez menos púdicas partes íntimas senón e sobre todo para sentirme –e sentarme– a gusto e tomar un café nunha terraza sen que me aprete os collóns o último deseñador de moda.
E, de repente, atopeime cun vello amigo que me levou tomar un excelente Albariño ao novo Marcelo da rúa das Hortas. Que magnífica experiencia! Déronnos, ademais  dun viño de colección, unha tapa feita con merluza de Celeiro que había que chupar os dedos. Teño que volver por alí para preguntar como se chama o invento e volver a pedilo.
Como tiña presa, porque ía celebrar o primeiro ano dunha miña neta que non comparte comigo o ADN, non parei moito no Marcelo e camiñei ata o Carme de Abaixo pensando en que podería facer un Tom Wolfe de Santiago con esta marabillosa cidade que é a do Apóstolo-Prisciliano. Non creo que Wolfe se emocionase moito coa historia da nai presuntamente asasina Rosario Porto, e menos aínda coa do suposto donninjién Basterra, pero alguén tería que escribir algunha vez a Fogueira das vanidades de Santiago de Compostela. Iso si, please, que o a que a escriba non sexa o literariamente analfabeto xuíz Vázquez Taín. El ten abondo con seguir facendo esa mediatizada –e mediocre– instrucción do caso.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Prezado Perfecto... a antiga Libería Carballal chámase Encontros desde hai moitos anos, logo *merluza en galego ten outro significado diferente a pescada... seguro que sabes a diferenza porque é a que levabas cando un un poli te partíu a cara diante daquel pub en Xeneral Pardiñas hanos hai...

Voz en off dijo...

Menos mal que sempre sae o típico sabichón anónimo que puntualiza aqueles datos inexactos e as palabras inaxeitadas. Qué pesados son os "marisabidillos"