O gobernador de California e célebre actor de cine norteamericano, Arnold Schwarzenegger, determinou que non se leve a cabo a construcción da planta de gas que pretendía facer a empresa australiana BHP Billiton a 22 quilómetros, mar adentro, das costas de Malibú. Con esta medida o gobernador aceptou as propostas que lle fixeron os opositores da planta regasificadora alegando que non se cumprían os estándares medioambientais de California.
Opuxéronse ao proxecto famosos actores de Hollywood, surfeiros de fama internacional –Malibú é un dos lugares sagrados deste deporte– e o propio candidato a gobernador do Partido Demócrata, Phil Angelides, acabou facendo súa a protesta antes de que Schwarzenegger decidira prohibir a construcción da planta o venres pasado.
Como se pode observar, nada que ver co que acontece coa construcción da regasificadora de Reganosa en plena ría de Ferrol. Nin actores galegos que protestan, nin surfeiros –o candidato socialista a alcalde por Ferrol, Vicente Irrisarri, é surfeiro e promotor de surf–, nin cousa que se lle pareza. Só os aguerridos Ferrol Warriors do Comité Cidadán de Defensa seguen estando onde hai que estar para que a súa ría, sen dúbida a máis fermosa de Galicia, non remate sendo un Pearl Harbour calquera. Algún día haberá que recoñecerlles ao xa falecido xeneral Gabeiras, a Carmelo Teixeiro, a Pillado, a Lastra e a todos os demais que o ceo non se toca coa man pero abálase coas ideas e co corazón.
Se poidera, estaría con eles este mércores, 23 de maio, ás 20 horas, catro días antes das eleccións, no salón de actos da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, en que van ter unha asamblea extraordinaria e urxente para autoinculparse sobre a suposta desobedencia ocorrida o 7 de maio e que agora se lle imputa a Bernardo Bastida, segundo a citación que recibíu do Xulgado número 3 de Ferrol, por se ter oposto á entrada do buque gaseiro Galicia Spirit no peirao de Reganosa. Nesta asamblea tamén van analizar as actuacións que podan emprender diante da posibilidade anunciada de que o venres 25 de maio vai entrar outro gaseiro cargado con gas natural licuado con destino a Reganosa.
Ferrol non é California, nin San Felipe é Malibú. E moito menos o delegado gobernativo Manuel Ameixeiras é Arnold Schwarzenegger. Pero algo terá que acabar pasando en Ferrol.
2 comentarios:
Non todo é así. Tamén en Galiza temos xente que da a cara. O venres, en Ferrol , estrean un documental que fixo a actriz Mabel Rivera denunciando os abusos de REGANOSA. A estrea é o venres as sete do serán. A xente so Comité Cidadán tan máis información.
Sí, certamente, algo está a moverse en Ferrol. E xa somos moitos os que agardamos que se mova, XA!, a planta de gas cara ó Porto Exterior.
Semella que non serviu de moito o movemento NUNCA MÁIS, cando novamente teñen que saír mariscadores e cidadáns e defender unha ría que é de todos.
Pero o perigo segue estando aí, aínda que non se vexa, como aquel chapapote que cubría as nosas costas. Segue estando aí, e hai que afastalo da poboación, xa!
Rosa Méndez
Publicar un comentario