martes, abril 08, 2008

A política do super

Pagar ou cobrar por todo. Diso se trata no mundo no que vivimos. Uns pagan agora e cobran despois. E á "veciversa" como dicía o máis letrado de Penacova.
Non estou a falar das relacións comerciais, laborais, etc. da sociedade da abondancia. Que tamén. Estou a referirme a esa especie de perversión galopante da práctica política que converte a escena social nunha especie de enorme supermercado no que todo está sempre de rebaixas. De rebaixa moral, fundamentalmente.
Véxase a que acaba de armar Touriño coa famosa televisión dixital. O apagón ese que din que se vai producir e que aínda non sei ben se nos vai deixar sen a luz ilustrativo-deformante daquilo que Manuel María tentou, sen ningún éxito, bautizar como televexo, ou en que diaños consiste. O apagón eléctrico de Nova Iorque servíu para que a xente se puxese a pasalo ben e, por conseguinte, a facer fillos, pero ten algunha idea alguén do que pdería pasar se houbese de verdade un apagón televisivo? Coido que a ninguén lle interesa probalo. E menos ca ninguén aos millóns de mediocres que viven –algúns a corpo de rei– de encherlle a barriga a ese monstro.
Touriño, quería dicir, foi á Fonsagrada como ían os predicadores españois ás Indias Occidentais, cargado de avalorios que lle fabricou Televés. Non foi porta por porta preguntando se querían ver a televisión dixital. Limitouse a mandarlles o aparello polos de Protección Civil, como se dunha emerxencia calquera se tratase. Quizais pensou que consistía en poñer a vacina contra a indiferencia ou, sobre todo, contra o individualismo atroz de non querer seguir o mundo que se impón dende enriba. En realidade, o que fixo o presidente da Xunta non foi máis ca unha sinxela operación de mercadeo, unha promoción como as que fan Carrefour ou Mercadona. Eu regálolles o trebello e vostedes estanme moi atentiños ás mensaxes que vou botar pola televisión. De mestre de ceremonias, ademais, un director comercial –ou sexa, un alcalde– da corda. Como no Corte Inglés. Iso é agora a política.
Claro que non ha faltar quen lle diga que tal discriminación positiva exercida cos da Fonsagrada podería ter o seu tal de discriminación negativa dos que non son dese concello lugués. Poño por caso, por que han ter decodificadores gratis os da terra de Antón Fraguas –por certo, o seu parente Antonio Fraguas exerceu de sumo sacerdote no apagón dixital da Fonsagrada– e os de Taramundi ou A Pontenova, que están ao lado, terán que pagalos? E os de Cotá dos Queixos? Os do Instrumento de Abaixo? Supostomante, pagar pagan todos os seus impostos e a Constitución aínda segue dicindo que somos todos iguais.
Está logo esa idea que lanzou o ínclito nacionalista Bieito Lobeira para que se lles pague unha subvención a todos os comerciantes que decidan empregar o idioma galego na súa actividade. Os cataláns hai xa tempo que foron máis lonxe multando os seus botiguers por non rotularen as súas tendas no idioma de Salvador Espriu. Son dúas maneiras, a de facer pagar ou a de facer cobrar, que no fondo tratan de conducir á mesma cousa: a iso que o cartesianismo francés de Anne-Marie Thiesse chamaría creación das identidades nacionais.
Contra a proposta de Lobeira saíu Touriño dicindo que hai que andar co cuidado de non caer en ningún tipo de discriminación. Eu, se fose o do BNG, xa lle tería saído ao paso replicando que para discriminación a que fixo el co apagón dixital da Fonsagrada. Lobeira non, pero eu si tamén lle engadiría que a política actual case sempre é unha discriminación en si mesma. Igualiños si, pero a vaquiña polo que vale, aínda dicimos por terras de Miranda.
O que tamén pensamos algúns dos de Miranda e de moitos sitios do mundo é que as cousas deberían –e poderían– ser moito máis sinxelas. Hainos que falamos e escribimos en galego sen que nos paguen e que compramos ou deixamos de comprar decoficadores dixitais segundo nos conveña. Non precisamos da teta do diñeiro público para estas menundencias. Pola contra, precisamos doutras que ninguén nos facilita e que o noso capital non abonda para pagalas. Máis xustiza, igualdade, educación, sanidade, ecoloxía… Será que aínda non chegaron aos andeis do super.

15 comentarios:

Le monde ne se finit pas dijo...

Eu tampouco entendo nada de toda esa changallada.

Anónimo dijo...

A política dos xestos. A quen se lle ocurreu a idea xa ten unha medalla no peito.
- Saliu ben, verdade?
- Si, unha carpa, uns aparellos disos, que xa están moi baratos, chamar a prensa... e o follón que se montou, por catro pesos!
- Certamente, ¿e que facemos co resto do país?
- Home, a xente que procure o seu apaño, ¡non o temos que facer nos todo!

Anónimo dijo...

A súa colaboración de hoxe é algo confusa. Só entendín o final que comparto, cando di que máis xustiza, igualdade, educación, sanidade, ecoloxía…
Na súa redacción queda confuso se o venerable sabio D. Antonio Fraguas era ou non da Fonsagrada. Pero só na redacción porque a vostede foi a quen lle oín dicir que D. Antonio -a el non lle gustaba que lle chamasen Antón- era de Insuela de Cotobade. O do parentesco con Forges, malia a coincidencia do apelido, creo que foi unha bola que se estendeu e que xa se dá como dato certo cando en realidade é apócrifo.
Liome con estas tonterías e eu o que quería era comentar o seu comentario político, pero perdinme no labirinto e ao non ser tan previsor como Ariadna non teño novelo que me me leve ao final do tunel.

perfecto Conde dijo...

Querido Anónimo:
Se cadra leva razón e ficou algo confuso o meu artigo sbre a política do super. En relacón a don Antonio Fraguas, e non tanto Antón como lle chamei eu, teño falado con el hai moitos anos dese parentesco co Antonio Fraguas humorista e díxome que era certo nunha medida lonxana. O que non lembro en en que cosistía esa lonxanía.
No tocante ao seu lugar de nacemento non quixen dicir que fose A Fonsagrada. Ben sabido é –figura en todas as enciclopedias– que o egrexio antropólogo e xeográfo, cofundador do Museo do Pobo Galego, naceu en Loureiro, concello de Cotobade (Pontevedra) o 28 de decembro de 1905.
Polo demais é mágoa que vostede perdera o fio e non seguise co comentario político que encetou. Se lle parece, aínda está a tempo de seguilo.
Saúdos.

Anónimo dijo...

A min a súa paréceme unha fermosa reflexión, Don Perfeuto.

Apertas a todos.

Almiral Mouchez

Anónimo dijo...

Felicidades, don Perfeuto. Hoxé, véspera do día da República, vostede cumple 65 anos. Hai xente con sorte, o último día laborable da súa vida cáelle en domingo. E debe de andar por ahí celebrándoo, porque ten o seu blog moi descoidado. ¿O é que pensa xubilarse aquí tamén?

La niña de los peines dijo...

Queridísimo Perfecto,

sei ben que cumprir anos non ten demasiadas cousas boas a non ser que ese día, o da nosa onomástica, un ten carta branca para poñerse cego a chicharróns, tarta de nata de dous pisos e licor café, dándolle por saco ó colesterol e ó ácido úrico. Se aínda por riba de soplar 65 velas a un lle chega a xubilación, debería estar lexislado que un puidese adicar o día a dicir verdades, trailará. Mágoa que para vostede isto no fose algo novedoso porque, meu amigo, esta sana costume de ser veraz, sinceiro e íntegro vena practicando desde os albores dos tempos. ¡Moitísima felicidades, xenio! E négese a ir a Benidorm a lucir chándal: os seus 65 son envexables e perfectos (nunca mellor dito):-). Noe Martínez.

Le monde ne se finit pas dijo...

Parabéns pra voçé, don Perfeuto!

Anónimo dijo...

Carallo, don Perfeuto, xa fai catro dias que se xubilou, debe ter tempo dabondo, e non traballa no blog. Non estará vostede pensando e xubilarse tamén aquí?Non foda.

Anónimo dijo...

Vale que se xubile Perfecto Conde e que atopara un funcionario/aria que lle resolvera todo o papeleo.
Curiosamente, a data de xubilación do noso director caeu en ¡domingo!.
Olé.
Iso é acertar de pleno.
Pero non está ben deixar no abandono este blog, que daba de cando en vez algunha alegría.

Galmaran dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
le monde ne se finit pas dijo...

Comprendan, señores, que don Perfeuto non renovase o blog en toda semana. A farra da celebración da súa xubilización xubilosa ten que durar varios días, como deus manda. E logo vén a reseca e...

Toner dijo...

Hello. This post is likeable, and your blog is very interesting, congratulations :-). I will add in my blogroll =). If possible gives a last there on my blog, it is about the Toner, I hope you enjoy. The address is http://toner-brasil.blogspot.com. A hug.

filomeno2006 dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
freefun0616 dijo...

酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店經紀,
酒店打工經紀,
制服酒店工作,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
酒店經紀,

,