viernes, noviembre 28, 2008

Correxidor correxido


Segundo publica hoxe La Voz de Galicia, resulta que a Xunta pode acabar tendo que pagar unha multa comprendida entre 300.506,06 e 601.012,10 euros por irrespectar o artigo 10 da Lei Orgánica de Protección de Datos publicando na web da Consellería de Presidencia datos persoais correspondentes a unha prestación por incapacidade recibida por unha muller de Lugo.
A mediados do 2006, un funcionario da propia institución que agora pode ser sancionada marcou en Google o seu nome e apelidos e a súa sorpresa foi ver que aparecían os datos da súa muller, que deberían ser confidenciais, por recibir unha prestación otorgada polo Fondo de Acción Social Autonómico. A Consellería de Presidencia publicaba sen filtros a relación de admitidos para recibiren esas axudas, e o mesmo listado tamén foi colgado nas páxinas web de sindicatos coma CIG, CCOO e UXT.
O afectado contactou co xefe de Informática da Xunta e cos sindicatos solicitándolles a retirada dos datos, pero non lle fixeron ningún caso que se vise reflectido na práctica, e denunciou o feito en setembro de 2006 na Axencia Española de Protección de Datos. Dous anos máis tarde, este organismo deulle a razón en primeira instancia indicándolle que a Consellería de Presidencia puido cometer unha infracción contra o artigo 10 da Lei Orgánica de Protección de Datos por non teren garantido o segredo profesional nin o deber de gardar os datos persoais o responsábel do ficheiro nin os demais funcionarios que interviron no caso.
Non é a primeira vez que ocorren estas cousas. Pódese lembrar que na Consellería de Vicepresidencia e Igualdade pasou algo parecido sen que ningún afectado presentase unha denuncia parecida á que formulou oficialmente o funcionario lugués que se viu respaldado pola Axencia Estatal de Protección de Datos. Ámbolos casos poden representar unha seria dúbida sobre como está xestionando a Administración Pública galega os dereitos dos cidadáns. En principio resulta chocante que os que teñen competencias para controlar e sancionar os comportamentos individuais, dentro da súa obrigación de cumprir e facer cumprir a lexislación vixente, aparezan logo cazados en desleixos, incompetencias ou incumprimentos coma os que agora lle poden custar á Xunta unha multa de 600.000 euros (1.200 veces a pensión mensual de Edelmiro, o paisano ourensán que tivo que mandaR a súa muller a unha residencia por non poder atendela). Menos mal que aínda vai habendo, ás veces, quen corrixa o correxidor.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Desde logo é que hai xente que non é máis incompetente porque non entrena. Se entrenasen algúns galegos serían campións do mundo.

Anónimo dijo...

Pois eu, que quere que lle diga, gústame cando nas peliculas yanquis o artista vai a unha oficina do estado e pide:
deme un listado dos que se entrenaron na Escola das Americas.
E danllo!
Certo é que non o publican no DOG, ou como lle chamen alá.