martes, septiembre 15, 2009

Bretaña

Levo varios días percorrendo Bretaña tras das pegadas líticas de Castelao e cada vez me sorprende máis este país tan diferenciado do noso. Xa estiven en Vannes, Auray, Carnac, la Trinité-sur-Mer, Pont-Aven, Pont-l’Abbé, Penmarch, Saint-Guenolé, Tronoën, Ploneour-Lavern e Pluguffan. Estou hoxe durmindo ás portas de Quimper e aínda non vin nada que non causara o meu asombro admirativo. Sobre todo, o inmenso amor á pedra que teñen por aquí e que souberon convertelo en arte e arquitectura esplendorosas mediante eirexas, calvarios e cruceiros. Estiven, por exemplo, esta tarde en Notre-Dame de de Tronoën e en Notre-Dame de la Joie e fiquei marabillado.
Por aquí un pode andar sobre autoestradas que non hai que pagar por elas, grazas a que a resistencia bretoa loitou no seu día por todos os medios ao seu alcance para que Bretaña fose unha excepción no hexágono francés. Por aquí teñen pobos dedicados aos libros (Béchérel), parques poboados polas lendas artúricas (Brocéliande) e aliñamentos megalíticos únicos no mundo e por se todo isto fose pouco, andan agora empeñados en montar un chamado val das mil estatuas. Estas si que son cidades da cultura e non as entelequias manirrotas do Gaiás. Por aquí aínda cheira todo a natureza e a respecto ao pasado. Dá gusto ver que non todos rematan co seu como facemos en Galicia.

6 comentarios:

Xosé M. González dijo...

Dígao, con todo, dígao: non se escoita bretón. Va que non?

Estiven aló no 1983, volvín no 1990. Non sei se algún velliño que falaba baixo bretonearía; o que é en voz non gravada, só lembro os cantos nunha misa en Sant-Pol-de Léon. Os papeis dicían (1990) que eran bretonantes de orixe, no país baixo, maiores de corenta e cinco anos que vivían ou eran orixinarios de ámbito non urbano (labregos, mariñeiros, artesáns e algunha pinga máis). Oxalá agora mudase para máis, pero as novas que chegan non din tal.

Oíu, don Perfecto: se, seguindo os pasos do sochantre das crónicas, chegou vde. a Pontivy (Pondi en vernáculo, cadraba en sona bretonante) xa vería o seu castelo de forma un tanto oronda. Se non, e vai ir, recoméndolle achegarse a Josselin pola fortaleza que foi dos de Rohan: hai anos podíase subir e pagaba a pena a vista.

Páseo ben, nós andamos a considerar volver o ano que vén.

Anónimo dijo...

Xa que fala do Gaías don Perfecto, o señor Xosé M. González podería ilustrarnos sobre asistencias a comisións e sobre caciños recibidos. Para que os demais aprendamos a vivir tan ben coma el!

Anónimo dijo...

Don Perfeuto, está moi ben o das pedras, e témome que no é complicado atopar lugares onde respetan a paisaxe mais que nos, pero ¿por qué non me fala da gastronomía? ¿ou é que se puxo a rexime?.

Adaxe

Xosé M. González dijo...

Sen que sirva de precedente, declaro a miña absoluta perplexidade ante o comentario segundo. Escuse don Perfecto a liberdade, asegúrolle que non é costume meu darlles de comer a trolls e suxírolle dúas visitas máis se non chego tarde ou resulto impertinente: a ville-close de Concarneau (Konkerne), unha especie de Valença sen inzar de tendas, ou ao mellor Óbidos marítimo; e a torre do Kreisker no mencionado Sant-Pol-de-Léon. Máis amor pola pedra.

De gastronomía, se algo larpeiro for, quizá xa se volvese experto en crêpes, galettes de blé noir, far e kouig amann. A min gustábanme ben as galletas de Pleyben (Pleiben), e por certo: ten alí un magnífico recinto parroquial, quizá o máis impoñente do país [aínda que o de Guimiliau (Guimilio), Saint-Thégonnec ou Lampaul-Guimiliau tamén son os mellores].

Almiral Mouchez dijo...

Pouco bretón se fala xa, verdade Perfeuto...?

Que pena...!

Anónimo dijo...

Parece que o señor Xosé M. González non quere falarnos dos caciños, cos que acostuma levar unha vida máis doada que o común dos mortais.