A verdade é a verdade e hai que admitila e contala sempre. Todo parece indicar que fun obxecto dunha intoxicación fraudulenta que me fixo publicar, na entrada anterior, determinadas circunstancias dunha oferta de emprego supostamente levada a cabo pola Corporación Comercial Canadiana e que é falsa en varios dos seus aspectos e datos concretos. En realidade, só a precipitación podería explicar algo a comisión pola miña parte dunha frivolidade que quero ser o primeiro en rectificar pedindo sinceras desculpas a todos os que len estas columnas.
Cando me chegou ese correo electrónico, via Gmail, e antes de poñerme a redactar a información que resultou ser falsa, visitei a web da Corporación Comercial Canadiana, que ten a súa sede en Quebec, e non vin nada que desmentise o contido do email recibido. Aínda así, mandeille á citada entidade un correo pedindo que me confirmase ou desmentise o contido da comunicación, da que lles adxuntaba unha copia. Pasaron varias horas e non recibín ningunha contestación. De feito, aínda agora mesmo (pasadas as 23 horas do 02/09/2009) non me responderon nada. Foi daquela cando decidín publicala, levado sen dúbida por un desexo de actualidade que resultou absolutamente perverso, polo que volvo a pedir desculpas humildemente.
Horas despois, un lector sen dúbda máis avezado ca min, neste caso, colgou no meu blog un post advertindo sobre unha nota que apareceu na web da Corporación Comercial Canadiana dando conta da falsedade dalgúns datos comprendidos na oferta laboral anunciada. Abrín esa web e, efectivamente, esa nota estaba alí informando mesmo que eles non solicitan “fotocopia do pasaporte” nin piden “diñeiro para apoiar as candidaturas”. Dende logo, no comunicado que eu recibín e reproucín, que se pode ver pinchando a ilustración do post anterior a este, non se falaba para nada desas circunstancias, o que me fai pensar que esas peticións facíanse dende o correo eléctrico que anunciaban os fraudulentos como contacto. O tema é, dende logo, serio, e loxicamente a Corporación Comercial Canadiana xa abriu unha información para investigalo, e pide que calquera persoa que teña información que aportar sobre o que lle pasou contacte con eles entrando nas páxinas www.ca/fre/home.cfm (para os que utilicen o idioma francés) ou www.ca/eng/home.cfm (inglés).
En fin, que lle agradezo ao comunicante Pablo que me avisara do que sucedía e recoñézolle –a verdade debería seguir sendo revolucionaria– que, como el me di, os do spam metéronme un gol “por toda a escadra”. Oxalá podan desculparme os lectores e calquera outra persoa. Sorry!
3 comentarios:
Ou sexa, que ao final o único que queda é que en Galicia sube o paro. Xa mo parecía a min.
Noticia ben triste, en calquera caso...
(Grazas polos datos todos, Don Croques.)
Bailoulle unha data. A Xornada Mundial da Xuventude non é no Ano Santo Xacobeo, senón no seguinte: no 2011. Haberá que ver se Barrio segue a ser daquela arcebispo de Santiago ou se está noutra diocese.
Publicar un comentario