viernes, septiembre 04, 2009

Rouco co seu sobriño pola correa

Salientaba onte El Correo Gallego que “o bo labor de preparación do próximo Ano Santo deu lugar a especula-
cións en medios especiali-
zados sobre o futuro do prelado
–estaba a referirse a Xulián Barrio, arcebispo de Santiago–. Salientan a súa capacidade de diálogo e para xenerar consenso como méritos que se están valorando no Vaticano”. O xornal compostelán citaba, para estabrecer esta hipótese, informacións recentes da publicación electrónica Religión Digital e un artículo de José Manuel Vidal en El Mundo.
A realidade, porén, pode estar indo por camiños moi diferentes, segundo puiden saber de fontes sempre ben informadas. Na miña opinión, cando o actual Papa Benedito XVI chegue a Compostela, o 25 de xullo de 2010, de camiño a Madrid para asitir ás xornadas mundiais da mocedade, quen vai recibir a máxima autoridade da Igrexa católica non vai ser Xulián Barrio senón o agora bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, que daquela xa será arcebispo de Santiago. En realidade, será o actual cardeal-arcebispo de Madrid, Antonio Rouco Varela, tío carnal de Carrasco, o que reciba o Papa “co seu sobriño collido pola correa”, segundo expresión de alguén que sabe disto.
No Vaticano as cousas parece que están indo máis por este camiño que por onde indican as fontes citadas por El Correo Gallego que, porén, levan razón cando sosteñen que a sede católica de Santiago contará dentro de pouco con dignidade cardenalicia. Si, pero o novo cardeal será Carrasco Rouco e non Xulián Barrio. A ver quen aposta algo.

8 comentarios:

Almiral Mouchez dijo...

Home, oxalá fixesen cardeal a Julián, pero hai dúas cuestións que non poden ser esquecidas.

1) Tradicionalmente, Santiago non foi sede cardenalicia. De aí que o capelo sempre teña que vir... por trámites extraordinarios.

(Léase o caso de Quiroga, por certo, e o interés de Roma por lexitimar, naquel momento, ao antocomunista goberno español.)

E:

2) ¿Realmente alguén cre que pode estar na carreira para o cardenalato alguén a quen, nas portas dun Anos Santo, non lle conceden nin o bispo auxiliar que pide sen pausa?

Almiral Mouchez dijo...

(Son eu de novo, desculpen que interveña dúas veces seguidas.)

Señor Conde: Creo que debería vostede apuntar que o blog ao que alude, sen dúbida o mellor sobre temas relixiosos que se publica en castelán, é Rumores de Ángeles.

Porque en Periodista Digital hai unha chea deles centrados na mesma materia, e pode que os seus lectores non o atopen con facilidade.

É moi bo o de Jesús Bastante, tamén.

Anónimo dijo...

Bailoulle unha data. A Xornada Mundial da Xuventude non é no Ano Santo Xacobeo, senón no seguinte: no 2011. Haberá que ver se Barrio segue a ser daquela arcebispo de Santiago ou se está noutra diocese.

Anónimo dijo...

Como se bota de menos a Gea Escolano! En fin, como Almiral Mouchez eu tamén quixera contribuír con varios blogs relixiosos. Este é de moda vaticana, como naquela película de Fellini, Roma, pero en serio:
http://dappledphotos.blogspot.com/2005/09/cappa-magna.html
Esta outra é exclusivamente co armario de Cañizares:
http://www.icrsp.org/Evenements-2007/ordinations-2007/Sacerdoce/index.htm
Finalmente, verbo do anterior pode consultarse este
http://images.google.es/imgres?imgurl=http://www.elplural.com/media/0000007000/0000007416.jpg&imgrefurl=http://www.elplural.com/noticiasred/detail.php%3Fid%3D13791&usg=__HWI7MuLQEDDF64QKsqfJYZxTR1w=&h=400&w=257&sz=27&hl=es&start=18&um=1&tbnid=aI1ZQcET2ZUoSM:&tbnh=124&tbnw=80&prev=/images%3Fq%3Dcapa%2Bmagna%26hl%3Des%26rlz%3D1T4SUNA_esES285ES285%26sa%3DX%26um%3D1
No fondo trátase diso. De aparentar. Sorte a Rouco junior.

Anónimo dijo...

Concordo co Almiral Mouchez verbo do blog Rumores de Ángeles, non tanto co de Jesús Bastante, a quen lle noto certas teimas teolóxicas. Porén eu recomendaría tamén o de Manuel Casteller Religion abierta:
http://religiongratis.blogspot.com/
Un saúdo e nin a Barrio nin a Rouco (sobriño) os vexo máis que de simples gregarios.

Santiaguiño dijo...

Veremos o que pasa co arcebispado de Oviedo, quén será o sucesor de Carlos Osoro. Na primeira terna que se fixo, aparecía, como candidato de descarte, o actual bispo auxiliar de Asturias, Raúl Berzosa, e como candidatos de peso, o actual bispo de Ourense, Luis Quinteiro (avalado polo sector rouquista), e o tamén galego Segundo Leonardo Pérez López, catedrático de Universidade Pontificia de Salamanca, director do Instituto Teolóxico Compostelán, presidente da Academia de San Rosendo e coengo da catedral de Mondoñedo. Pode que, a estas horas, xa haxa outra terna.

Ex seminarista dijo...

Marabilloso tempo este, no que as ternas para os episcopados, que antano viaxaban a Roma en lacrados pergamiños e co maior dos secretos, saen agora, antes ou despois, nos blogs.

bemsalgado dijo...

¿E cousa de pouca ou de mala fé que o López mutile o buso aos Monseñores, e lles chante o crucifixo pastoral por baixo do émbigo?

¿Quer privalos da palabra de Deus, ou da última cea?

¿Insinúa que é a esa altura onde teñen o seu calvario?

¡Que Deus o colla confesado, señor López!