jueves, noviembre 12, 2009

Caer na manzanilla


Tres mulleres moi diferentes, de Málaga, Madrid e Sao Paulo, acaban de acender todos os focos que mostran o moito que aínda ten que avanzar o mundo. Mónica Cabello, taxista malagueña, foi denunciada dúas veces por un mesmo policía local por conducir o seu vehículo con “vestimenta inapropiada” durante o traballo. Zoubida Barik Edidi, avogada de orixe marroquino, nacionalizada española, foi expulsada polo xuíz Xavier Gómez Bermúdez dun xuízo que se celebraba na Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional por levar un pano na cabeza. Geyse Arruda, estudiante de Turismo na Universidade Bandeirante de Sao Paulo, foi expulsada e mesmo maltratada por asistir á clase vestida con minisaia.
Para min o caso máis chocante é o da taxista malagueña (na foto de enriba). Que a estas alturas aínda haxa un Concello no que se gastan os cartos dos contribuíntes en perseguir a maneira de vestir dunha traballadora do transporte público, por non levar mangas, sóame a Celtiberia Shoow, con permiso do falecido Luis Carandell. Segundo parece, nesa cidade andaluza unha ordenanza regulamenta que “se debe prestar o servizo aseado e correctamente vestidos e calzados” levando unha “prenda superior con mangas, curtas ou longas, e como prenda inferior pantalón longo ou saia”. Mónica conducía o seu taxi cun vestido sen mangas como acostuman facer o seu traballo a maioría das mulleres cando o tempo non as obriga a ir máis abrigadas. No seu caso dase, ademais, a circunstancia de que foi o mesmo garda da porra o que a denunciou dúas veces. Quizais habería que preguntarlle aos psicólgos ou aos psiquiatras se podían dicir algo ao respecto.
No tocante á avogada expulsada dunha sala xudicial madrileña, tamén me resulta chocante que sexa un deses xuíces “mediáticos” que tanto abundan agora na excepcional Audiencia Nacional, Xavier Gómez Bermúdez, o que lle impediu exercer a súa profesión por levar un pano na cabeza. Non vou ser eu quen defenda, por exemplo, o dereito das mulleres a iren coa cara tapada polo feito de seren practicantes dunha relixión, pero chegar a tanto como chegou o xuíz Bermúdez co pano da marroquina paréceme abondo esaxerado. Se iste xuíz tan decidido refrescase algo a súa propia memoria persoal, seguramente atopaba unha aboa, por non dicir unha nai, que levaron o mesmo pano que agora se empeña en poñer a avogada reprimida. Pásanos moitas veces iso de sermos máis modernos ca propia modernidade.
E no da rapaza brasileira (foto de abaixo) xa non sei que pensar. Cando me estaba parecendo que Lula encarrilaba o Brasil cara o desenvolmento e a liberdade, un rector universitario, acompañado por outras autoridades académicas e unha panda de estudiantes, gardas de seguridade e empregados non docentes –se cadra había que dicir indecentes– empeñáronse en insultar o país de Jorge Amado e de Vinicius de Morais emprendendo unha etúpida loita contra unha rapaza que quería ensinar as pernas. Precisamente no país onde máis pernas andan á vista da xente. Que clase de integrismo universitario será iste? Pois agora que vexan o resultado, a moza minisaieira xa foi tentada pola revista norteamericana Play Boy para saír espida na portada. Do rector que a expulsou, e que xa tivo que readmitila, aínda non se sabe se o convidaron a saír nalgún reality-show. A revista Science coido que, de momento, pasa del. Xa o dicía o Marqués de Santillana: “El que arma mançanilla assaz veçes cae en ella”.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

As mulleres temos que ir vestidas como lles pete ós homes, ¿por qué todos son homes os que fan estas leis e as mandan executar?

Xaime dijo...

Certamente anónima, algunhas mulleres teñen que ir vestidas como queren algúns homes.
Sabe canto costou que vostede vaia vestida como lle pete?