Parece que se volve a plantexar a verdadeira realidade lingüística de Galicia en termos de pura estatística. Falamos agora máis o galego que hai vinte, trinta ou corenta anos? Menos? Igual? Falámolo –es escribímolo– mellor, igual ou pior?, habería que preguntar e responder tamén.
Polo visto, hai respostas para case todo. Aí están Alonso Montero, Mauro Fernández, Henrique Monteagudo e moitos máis especialistas dicindo cada un o que lles dicta a súa sabedoría, que non é sempre a mesma nin se manifesta do mesmo xeito. Repetíase antes que a Santa Madre Igrexa acostuma ter os seus mestres, e quizais habería que coidar agora que, felizmente, o idioma galego ten os seus sumos sacerdotes tamén.
Cuestión distinta é a de saber quen leva máis a razón. Evidentemente, publícanse moitísimos libros en galego, case nada nos xornais; temos unha televisión e unha radio públicas que se expresan, mellor ou pior, no noso idioma; a maior parte dos políticos falan no Parlamento un idioma que esquencen na cafetería de en frente, cando non o apedran xa antes de saíren do Parlamento ou da Xunta; moitos profesores –non todos nin moito menos– esfórzanse porque as mil primaveras de Cunqueiro sexan polo menos medio cento; mesmo hai algún xornalista que tenta seguir a pegadas de Castelao… O galego non vive nun mundo oficial feliz, pero vai tirando como pode.
Pero que pasa na rúa? Din as enquisas que máis da metade dos votantes do PP –non digamos xa os do Bloque– maniféstanse falantes do galego. Pero logo vai un á voda da filla dun deses militantes ou ao enterro da súa ávoa, e ali só hai un idioma oficial, que é o castelán. Párao a un a Garda Civil por exceso de velocidade ou polo que sexa, e o do tricornio nunca ten a ocorrencia de multalo en galego. Vai un ao notario, ao médico, ao seu banco, ao Corte Inglés, chama por teléfono a Fenosa ou a Telefónica e menos mal se lles responden en castelán de Castela porque o máis frecuente é que lle falen en “porteño”, e preocúpese vostede de conxugar o verbo coller con cuidado. Case todo menos en galego.
Xa non digamos se vai de compras ao quiosco. Como non se conforme con ler a Nosa Terra ou unha mínima parte das follas do Xornal, non atopará nada que se pareza verdadeiramente a un periódico galego. Equivale todo isto a un panorama positivo? Pois se cadra si. Ou se cadra non. Ou quizais o problema do galego é que cada vez máis é unha cuestión de galeguistas, de filólogos e de expertos nunha materia que debería ser de todos e que, cada vez se vai reducindo máis aos obradoiros e laboratorios dos que cobran por ocuparse da lingua. Non estará pasando que aquilo que dicía Celso Emilio Ferreiro sobre lingua proletaria do meu pobo,/ eu fáloa porque si, porque me gosta,/ porque me peta e quero e dame a gaña xa estea empezando a ser un verso tan vello comas cantigas de escarnio e maldiçer?
12 comentarios:
Os resultados das enquisas e das prospeccións depende dende a optica dende que se fagan, como non hai unanimidade metodolóxica cada maestriño ten as súas formas de extraer datos, e de lelos. Así os resultados son distintos, segundo a optica e intención política que os motive. Para a Real Academia, piñeiristas e neopiñeiristas os resultados sempre son non tan malos, incluso chegan a ocultalos para non causar alarma. Para resto do espectro nacionalista a alarma medra a medida que o nacionalismo se intensifica.
Ao fin é unha loita ideolóxica a que se da no idioma, unha loita entre por un lado os hexemonistas casteláns, os bilingüistas e os hexemonistas galegos.
E os especialistas, xa sabemos para o que sirven, como no caso de Anxo Lorenzo.
Así que confiemos na propia apreciación, a miña dime que o galego vai desaparecendo e que o fai coa axuda da inconsciencia de moitos cidadáns, pero tamén coa inestimabel colaboración dos españoleiros e os bilingüistas, que de inocentes, cando se trata de persoas ben informadas, non teñen nada. A boas horas lle imos explicar se non queren entender que non hai situacións nas que duas linguas convivan sen conflicto nun mesmo territorio, e que unha delas desaparecerá. Non se trata xa de pararnos na diglosía, senón no fenomeno mais alarmante da substitución.
O galego precisa intervencións urxentes e non componendas, nin templar gaitas, nin novos consensos a baixa, o galego precisa dos seus falantes comprometidos coa súa identidade e non de vendeidiomas e patrias por mais que se adornen de galeguistas, piñeiristas ou neopiñeiristas.
Un dos nomes escollidos para unha plataforma xa o di todo: Galego Patrimonio da Humanidade.
Museismo, folklorismo, saberes mortos, ruinas, pasado, extemporaneidade. Lingua morta.
Moi acertada a túa entrada, é moi difícil atopar a cotío o galego, facendo parte da vida cotiá, sobre todo se falamos de medios que están relacionados co progreso (ciencia, investigación, medios de comunicación) ou co poder (políticos, empresas, etc).
Semella que o galego, cando é empregado de xeito natural, queda relegado ao ámbito familiar, de segundo plano.
Máis que procurar a causa do problema, deberíamos tentar atopar a solución, fomentando o galego, implantándoo nas escolas, dende que son cativos ata chegar a universidade. Promovendo a súa normalización na sociedade, evitar a asociación galego-nacionalismo-independentismo, que tanto recalcou o PP, con carraxe españolista, coma se o castelán estivese condenado a desaparecer en Galicia, cando é totalmente falso, etc.
Creo que todos temos que poñer un graíño de area, e tentar promover o galego dende a nosa aldea, cidade, familia, aprender a amalo, respectalo, tan válido como calquera outro idioma.
Un saúdo
O galego vivirá mentres vivamos nós, Don Perfeuto.
(Como mínimo...)
Boas tardes a todos.
" evitar a asociación galego-nacionalismo-independentismo"
Non hai que evitar isa asociación, o que hai que percurar é que o galego se fale con compromiso mais aló do nacionalismo-independentismo. Pero evitar isa asociación é imposibel e absurdo, hai que ampliar a asociación, pero para isto ninguén debe renegar do que é. É pura demagoxia isa opinión que se intenta estender de que é invonveniente a vinculación do idioma co nacionalismo. Que se lle pide aos nacionalistas, que non defendan o idioma?. Vai moito veleño vertido ultimamente dende instancias sospeitosas sobre a defensa do idioma.
Randulfe, tes razón, tal vez expreseime mal, o que quería dicir é que a lingua galega non é exclusiva do nacionalismo, engloba unha cultura e a unha comunidade. Tamén habería que sinalar que non todos os nacionalismos son malos ou erróneos (tal como moitos da dereita pretenden facer). Sinto o simplismo da anterior asociación, debería terme explicado mellor.
Un saúdo
Que a lingua galega non é exclusiva do nacionalismo e un resultado observacional con grande crédito de obxectividade. A lingua non a inventaron os nacionalistas, existía antes que o nacionalismo, seguiu existindo durante, é é posibel con sorte que persista cando o nacionalismo xa non sexa necesario.
Nunca lle escoitei a ningún nacionalista dicir que a lingua deberería ser exclusiva do nacionalismo, porque evidentemente implicaría o fracaso do seu esforzo de construcción nacional.
O certo é que nesta sentenza de que "a lingua non debe de ser exclusiva do nacionalismo", vai implicita unha acusación aos nacionalistas, unha acusación completamente infundada coa intención de deixar cair unha sopeita sobre as intencións totalitarias implicitas ao nacionalismo. Primeiro inventase o pecado e deseguido convirteselles en pecadores. Toda unha laboura de intoxicación que desgraciadamente ten exito en xentes non moi ben informadas, ou inxenuas, que confunden a retórica democrática coa practica da democracia.
Esa sentenza obriga aos nacionalisas a defenderse dunha acusación falsa.
Da sentenza colíxese tamén que o mellor sería que non se identificase a lingua co nacionalismo, porque deste xeito "chegaríase a mais xente", "abririase a sociedade" e demais falacias que insinúan a convenencia polo ben do pais e da lingua, que o mellor sería que o nacionalismo desaparecese.
Toda esta intoxicación, para nada inocente, e cunhas intencións moi concretas e dirixidas procede dun nucleo actuante no pais, do que don Perfecto quizais se atreva a falarnos algo algún día, sendo un amante como el é da la liberdade de expresión e da libre circulación da información e as ideas.
Falan vostedes, como non podería ser doutro xeito, da realidade que lles arrodea. A miña é outra. Fóra das cidades a xente fala galego. O médico e o notario (non sempre, porque ás veces veñen da cidade), o do quiosco, a da tenda, nos bares, no campo de fútbol. Só teñen que pasearse por calquera aldea ou vila pequena ou mediana (onde vivimos a meirande parte dos galegos) para decatarse de que é así.
Hai 30 anos alguén decidiu que iso non valía e que os esforzos debían tirar cara ás cidades, cara a acadar un obxectivo hercúleo (nunca mellor dito): que as cidades castelanfalantes (non se equivoquen: inda que estean dentro de Galicia son tan castelanfalantes como Santander ou Burgos. Territorio comanche para o galego) se convertiran en galegofalantes. Porque si. Polos meus collóns. E claro: nada. Peor que nada.
Mentres, nas vilas, o galego foi perdendo forza porque ninguén lle fixo puto caso. Perdendo forza non porque se fale menos que hai 30 anos (que pode que tamén), senón porque non o fala máis xente, que sería o obxectivo.
Pero claro, a quen carallo lle importan as pequenas poboacións e os seus cativos habitantes? O que mola é a urbe, cos seus médicos, cos seus notarios, cos seus directores xerais, os seus delegados sindicais e os seus magníficos reitores...
A maior parte da poboación xa non vive no rural, o héxodo a cidade estes últimos quince anos foi brutal. O rural queda abandoado, as consecuencias peores ainda están por chegar.
Galicia Hoxe, O correo da UNESCO pese ao Fraga de hai 50 anos, Retranca
Cada enquisa no seu sitio, que non todas están politicamente manipuladas. E mellor que un titular sempre será un resumo. Déixovos o enlace a un que a min me parece ben feito (estiven presente no evento)
Na mensaxe anterior non aparece a ligazón, non sei o motivo, así que aí vai o enderezo:
http://calidonia.blogaliza.org/2009/12/07/cronica-seminario-lingua-sociedade-politica/
Publicar un comentario