Xornal de Galicia, o periódico quintanista do empresario Xacinto Rei, só pode presumir ata agora de publicar un scoop, a polémica derivada da casa de Castelao en Rianxo, e parece estar disposto a elevar ese tema á enémisma potencia. Comenzou a súa andaina, hai un ano, dándolle comba ao bipartito que presidía Touriño para que a Xunta declarase ese inmoble como ben de interese cultural e agora, por fin, está a darlles cancha aos que non pensan como pensaba Ánxela Bugallo ou como seguen pensando Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo, e Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao.
As últimas aportacións son candansúa entrevista co historiador Xosé Antonio Durán e con Xosé Ramón Baltar, irmán de Xavier Baltar, actual propietario da casa en cuestión despois de herdala por vontade testamentariamente expresada pola derradeira propietaria da familia Castelao, Teresa Castelao, irmá do autor de Sempre en Galiza.
Dame a impresión de que Durán acaba de destapar a caixa dos tronos que tamén contribuiu a desaferrolar Xoán Ramón Baltar. “Se Daniel chega a levantar a cabeza, a bronca sería para escoitar”, díxolle Durán a Xabier R. Blanco nunha manifestación na que probabelmente o único que se pode discutir é o verbo que utilizaría Castelao para erguer a cabeza. Todo o demais, é dicir, o esencial, parece fóra de dúbidas.
Resulta curiosa esta polémica. Por un lado, a actitude protagónica dun personaxe tan curioso coma Pousa Antelo, ao que algúns xa lle chaman “o viúvo de Castelao”, que agora parece ter estado en todas a batallas habidas e por haber contra o franquismo, sen ter participado en ningunha, ou Alfonso Paz Andrade, fillo do único galeguista que Castelao apartou do se lado, e, por outro, Xavier Baltar e a súa familia, que eles si que parecen saber do que falan cando falan de Castelao (e polo medio un alcalde socialista que seguramente intenta pillar tallada do que, antes de ser alcalde de Rianxo, lle resultaba indiferente).
Debe ser porque estamos no que estamos, e non en Bretaña nin na Toscana nin sequera na provincia arxentina de Salta, onde polo menos se poñen de acordo para seguir preguntándose onde iremos parar se se acaba Valderrama.
7 comentarios:
http://certo.es/index.php?page=casa_de_castelao_bic
Os irmáns de Xabier Baltar falan aquí. Tamén están vencellados cos Dieste, outro asunto que dá noxo como se está a levar.
Por medio desta carta enterámonos de que Pousa Antelo é vicepresidente doutra fundación. Cousas veredes. O único que temos claro é que Castelao é o intelectual galego máis manipulado por tirios e troianos logo de morto.
Sen ánimo de menospreciar nen de faltar, e menos de despreciar a Galiza/Galicia, curioso o episodio que conta Durán sobre a negativa da Editorial Galaxia a pagar ás irmás Castelao os dereitos de autor que producía a edición das obras do seu irmán.
Hai anos, don Carlos Casares Mouriño negou que fora certo tal nas páxinas de La Voz de Galicia.
Agárdase unha resposta de Alfonso Paz Andrade en "La Voz de Galicia" ás declaracións realizadas en "Xornal de Galicia" por un irmán de Javier Baltar?
Este culebrón non vai parar, e o pior é que van poñer a clareo algúns trapos algo manchados da rebotica do nacionalismo galego
O Xornas que se edite en galego ou que cale o seu bilingÜismo tarabélico para sempre.
Seguro que o Anónimo anterior é editor dun diario en galego. Como se chama, por certo?
Confírmase. Paz Andrade, polo de agora, non respostará desde as páxinas de La Voz de Galicia.
Amigo Perfecto: moitas gracias polo obxetivo do planteamento dso asunto da casa Castelao, tanto esta vez como o ano pasado. Sí gustariame que correxiras o meu nome; é Juan Ramón. Dadas as circunstancias,e falando de Teresa, poderias utilizar o apodo familiar Juancho (Baltar). Unha aperta e gracias outra vez.
Publicar un comentario