martes, septiembre 29, 2009

De volta de Bretaña

Regresei de Bretaña. E non pense ninguén que foi con gusto. É un país para vivir nel durante unha longa tempada. Se eu fose presidente da Xunta de Galicia, o primeiro que faría é estabrecer nos programas pedagóxicos a obrigación de visitalo polo menos unha vez para percatármonos todos do que puidemos seguir sendo e deixamos de selo. Os bretóns teñen todo cuidadísimo, ben conservado e revalorizado. Dá gloria chegar a aqueles pobos da costa armórica, pero tamén a calquera outro lugar do país, e comprobar que conservan e aprezan o inmenso patrimono que gardan as súas igrexas, por exemplo.
Sendo Bretaña un país eminentemente católico, como foi e aínda segue sendo, é lóxica a súa devoción pola arquitectura e a arte relixiosas, pero tamén foi e segue a ser católica Galicia e non soubo ou non quixo conservar de xeito semellante o seu patrimonio. Cada cidade, cada vila, cada aldea bretona garda un tesouro desta natureza. Non me extraña que a Castelao lle chamaran a atención os seus calvarios e as súas cruces de pedra.
Por outra parte, a costa bretona está inmensamente mellor salvada ca de Galicia. Só nalgunha praia de Carnac ou nalgunha illa, os edificios invadiron o mar, e fixérono de maneira sensibelmente respetuosa co medio. En Bretaña, no canto de erguer edificios como o da illa viguesa de Toralla, o que fixeron –en Saint-Malo, por exemplo– foi plantar a tumba de Chateaubriand para que o seu corpo descanse fronte ao mar que tanto amou e que el mesmo escolleu como lugar eterno.

miércoles, septiembre 23, 2009

Bretaña 4

Agradézolles a Almiral e a Xosé M. González as recomendacións, sabias e fraternais, que me están dando para que a miña visita a Bretaña sexa a mellor posíbel. A Dol de Bretaña non podo ir desta volta, pero o que é o fervor chateaubrián non se me pasou, non. Claro que estiven en Combourg. É a segunda vez na miña vida que visito a fermosa vila onde está o castelo do escritor francés e, ademais, esta vez tamén visitei a súa tumba en Saint-Malo, mesmo con risco de que me deixase illado a subida da marea, e pasei unha mañá nas interensantísimas librarías de Bécherel, onde merquei unha curiosa edición das súas Memorias de Ultratumba que fixo La Pleiade en 1951.
Agora mesmo escríbolles dende Paimpont, logo de visitar Pontivy, Josselin e Ploermel. Dispóñome a perderme polos boscos de Brocéliande, a ver se Viviana fai de min un Merlín cunqueirán. Xa lles contarei.

martes, septiembre 22, 2009

Bretaña 3

Hoxe estou en Carhaix, a Bretaña fonda, terra de boa carne e de tranquilidade paisana. Practicamente, o único sitio no que hai algunha costa polas estradas e moitas árvores. A Renan non lle visitei a casa natal, en Tréguier, onde durmín a noite pasada, pero si a estatua que lle ergueron fronte a catedral e que motivou no seu momento que protestara a Igrexa Católica facendo erguer un novo calvario que non é precisamente dos mellores de Bretaña.
Paseei pola Côte D'Armor, seguindo parte do camiño dos aduaneiros, para admirar a beleza do granito rosa e para buscar as cruces de pedra de Castelao. Desgrazadamente esta vez non podo seguir os consellos de Foz de visitar as illas nin sequera os de González de admirar a catedral de Dol de Bretagne. Este país é abondo grande e, sobre todo, demasiado intenso para esgotalo en quince días.
Alguén bota de menos que non colgue algunha foto. Todo se andará. Levo feitas preto de dúas mil, pero de momento prefiro empregar o tempo en viaxar e non atopo ocasión propicia para reproducir as fotos. Fareino cando estea de volta en Santiago, momento no que tamén contarei algo do que me foi pasando en relación co bretonismo de Castelao. Mentres tanto, saúde a todos.

viernes, septiembre 18, 2009

Bretaña-2

Acabo de chegar a Saint-Pol-de-Léon. A penas me deu tempo aínda de cear algunha ostra e un bo peixiño regados con Muscadet e, de volta no hotel, acabo de comprobar que o foro de Croques medra que dá gloria. Interesantes aportacións, ademais, sobre Cunqueiro e Torrente, por exemplo, feitas polos de Laíño e polos de Lestrove.
A Pepe González quérolle agradecer a súa aportación e as boas ideas que me está dando para viaxar pola Bretaña. Precisamente hoxe estiven en Pleyben, en Saint-Thégonnec, en Guimiliau, en Landivisiau, en Châteaulin e mesmo en Brest. En Guimiliau comprobei por fin unha pucha de mariñeiro como as que tanto usei cando era mozo. En Plougastel-Daulas comín unha magnífica galette de artichant breton à la crême de rochefort e bebín sidra seca que estaba boísima.
Leva razón Almiral cando adiviña que xa se fala pouco bretón por estas terras. A penas escoitei algunha palabra pronunciada neste idioma, pero unha cousa é certa: aquí todo é auténticamente bilingüe, indicadores de dirección e de situación nas estradas, etc. Pasoume, ademais, unha cousa curiosa. En Confort-Meilar tiven que preguntar por unha dirección e o home que me atende quixo saber de onde era. Cando lle dixen que era español e lle engadín que de Saint-Jacques-de-Compostelle, con toda a razón do mundo, botoume en cara o seguinte: "¿Pero como di que é español se voste o que é é galego. Como eu son bretón e non francés". Este amábel informante explicoume que, preto deste lugar, en Douarnenez, ten unha casa o noso músico Carlos Núñez.
Hoxe pola tarde falei na Tarde da Radio Galega. Pensei que ían preguntar algo sobre a miña viaxe a Bretaña, pero só me fixeron falar de cuestións de tráfico. Dixen que na Bretaña conducen moi ben e respectan os límites de velocidade. Outra contertulia, profesora da USC, contestoume que correr a 160 por hora pode non ser perigoso. Limiteime a replicarlle que non quería entrar a debater se se debía irrespectar a lexilasción vixente. Horas despois eu lía en La Voz de Galicia que xa había outro morto nas estradas galegas. Se cadra non ten nada que ver.

martes, septiembre 15, 2009

Bretaña

Levo varios días percorrendo Bretaña tras das pegadas líticas de Castelao e cada vez me sorprende máis este país tan diferenciado do noso. Xa estiven en Vannes, Auray, Carnac, la Trinité-sur-Mer, Pont-Aven, Pont-l’Abbé, Penmarch, Saint-Guenolé, Tronoën, Ploneour-Lavern e Pluguffan. Estou hoxe durmindo ás portas de Quimper e aínda non vin nada que non causara o meu asombro admirativo. Sobre todo, o inmenso amor á pedra que teñen por aquí e que souberon convertelo en arte e arquitectura esplendorosas mediante eirexas, calvarios e cruceiros. Estiven, por exemplo, esta tarde en Notre-Dame de de Tronoën e en Notre-Dame de la Joie e fiquei marabillado.
Por aquí un pode andar sobre autoestradas que non hai que pagar por elas, grazas a que a resistencia bretoa loitou no seu día por todos os medios ao seu alcance para que Bretaña fose unha excepción no hexágono francés. Por aquí teñen pobos dedicados aos libros (Béchérel), parques poboados polas lendas artúricas (Brocéliande) e aliñamentos megalíticos únicos no mundo e por se todo isto fose pouco, andan agora empeñados en montar un chamado val das mil estatuas. Estas si que son cidades da cultura e non as entelequias manirrotas do Gaiás. Por aquí aínda cheira todo a natureza e a respecto ao pasado. Dá gusto ver que non todos rematan co seu como facemos en Galicia.

viernes, septiembre 11, 2009

A Bretaña de Castelao

Voume á Bretaña. Non a Bretoña, que aí é a onde vai Carlos Reigosa. Penso porme ata o cú de beber sidra e Calvados, e collerei algún quilo de máis comendo galettes en Rennes e ostras en Cancale. Pasarei por Bécherel para comprar algún libro, e seguireille a pista aos cruceiros e calvarios que debuxou Castelao no ano 1928. Tamén darei unha volta por Brocéliande por ver se me atopo con Merlín, con Viviana ou con Camelot porque o de atopar o Santo Grial ben sei que ha ser difícil, e o de facerse cabaleiro do rei Arthur se cadra é de máis para un republicano.
O caso é que teño moitas ganas de voltar a Bretaña. Non me gusta case nada o que está pasando por aquí arredor. Ata falan de min en Arroutadas –mal, por suposto– e hai túzaros que se empeñan en acusarme de siareiro de Santiago Rey, cousa que nunca fun nin hei selo, ou de compañeiro de viaxe do PSOE. Isto último tampouco me ten que parecer tan mal. Digo eu.
Procurarei non perderme e regresarei pronto. Aínda que a alguén se cadra lle parecería ben que me perdese no Val sen Retorno. Xa saben, o que tamén lle gustaba a Cunqueiro.

miércoles, septiembre 09, 2009

Cultura e pistolas

Leo en Xornal de Galicia o que di un tal coronel José Navas, director do Museo Militar de A Coruña, a respecto do que se pode facer coa estatua do xeneral fascista Millán Astray. Considera que “hai espazo para o fundador da Lexión máis que para ninguén”. Entendo, logo, que máis sitio que para o xeneral Caridad Pita, que era gobernador militar de A Coruña e foi executado cando Franco se volveu inimigo da democracia e asasino dos demócratas.
A este estrelado militar parécelle moi mal a idea expresada pola Comisión de Recuperación da Memoria Histórica para que a estatua daquel bruto que lle berraba “morra a intelixencia” a Unamuno, sexa fundida para convertela nun monumento en homenaxe aos represaliados do franquismo. Di que lle parece un “acto de vandalismo” e que “sería unha pena privar aos nenos de ver un testemuño histórico como o de Millán Astray”.
A este fascista coruñés dise que lle gustaba repetir unha frase inventada polos nazis. “Cando escoito a palabra cultura, sempre boto a man á pistola”, parece que decía. Non está moi claro se foron Hermann Goering ou Goebels os que a acuñaron baixo a forma de “cando escoito falar de cultura quito o seguro da miña Browning”, e ata puido ser o escritor Hanns Johst, moi aprezado polo nazismo, quen a puxo en circulación na súa obra Schlageter. Cando Jean-Luc-Godard estaba rodando a súa película Le Mépris (1963), acercóuselle o produtor para dircirlle que cando escoitaba falar de cultura corría a esconder a carteira. Fritz Lang, que andaba por alí e que tivera que fuxir de Alemania pola chegada de Hitler, deuse presa en matizarlles: "Hai algúns anos, algúns horríbeis anos atrás, os nazis sacaban unha pistola no canto dunha chequeira" ("Some years ago, some horrible years ago, the nazis used to take out a pistol instead of a checkbook").
O caso é que tal modelo de incultura era o que lle acaía ao manco militar coruñés. Por iso resultan inquietantes as palabras dun coronel que ten mando na democracia.

lunes, septiembre 07, 2009

César Antonio Molina

César Antonio Molina, escritor galego, ex ministro de Cultura e aínda deputado, vaise da política. Ou quizais sería máis exacto dicir que fai unha viaxe de volta a si mesmo, a onde estivo sempre, á honradez persoal e á coherencia coas súas ideas e sentimentos. En realidade, era unha rara avis no avispeiro no que se converteu a política partidaria e profesional dos nosos días, e a Molina se cadra lle quedaban demasiadas esencias do que foi algunha vez a noble vocación de de ocuparse das cousas de todos.
Mandoulle unha carta a José Bono, presidente do Parlamento, explicándolle cando e por que desexaba retirarse, e o socialista que algunha vez quixo ser presidente do Goberno de España tardou medio minuto en filtrala á Axencia Efe non se sabe con que intención, aínda que é doado adiviñala. Bono é un raposo demasiado vello para que non tratase de controlar a situación pola súa conta.
O autor do poemario Eume levaba tempo sen estar a gusto onde estaba. Zapatero e o aparato do PSOE –Carmen Marón na Coruña, por exemplo– fixeron máis por marxinalo que por conservar ao seu carón un político da vella escola. Substituírono de presa e correndo no Ministerio de Cultura sen máis motivo co de cumprir cuotas e, aínda que lle ofreceron unha ambaixada moi importante, non souberon ou non quixeron rendabiizar a presencia dun verdeiro intelectual progresista nas súas fileiras. Ultimamente falouse del como posíbel candidato á alcaldía da Coruña para as próximas municiais, pero tamén nesa dirección non faltaron as cambadelas. Evidentemente, non estamos nos tempos nos que Tierno Galván podía ser alcalde de Madrid.
A César Antonio Molina podíanselle facer moitas críticas, pero non a de que non sexa unha persoa cabal e competente á que se lle pode comprar un coche usado. Iso é o que perde a política do PSOE e o que gaña a vida intelectual e literraria de España. Pior para Zapatero, pero tamén para moitos máis.

sábado, septiembre 05, 2009

Ter vergonza

O caso da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Ana María Díaz López, xa pasa de castaño escuro. Segundo publica hoxe El País, requeriu notarialmente a Dolores Seco, a traballadora que despediu, esixíndolle que rectifique o que decrarou durante o xuízo polo que foi condenada quen agora desempeña un alto cargo no goberno de Feijóo.
Empezou irrespectando os tribunais de xustiza ao pasar por alto a súa obriga de comparecer cando foi citada para a vista do xuízo. Despois non recorreu a sentencia emitida contra ela. E agora trata de determinar o comportamento da traballadora que a denunciou facéndolle chegar un requeremento notarial no que lle di que ou rectifica o que dixo no xuízo ou irá contra ela mediante unha querela criminal.
O asunto xa empeza a ser chocalleiro. Quen está pagada pola sociedade para vixiar que as relacións laborais transcorran coformes coa lexislación vixente, pasa dos tribunais de xustiza cando a chaman para declarar, vese condenada por unha setencia que non se digna recorrer e remata ameazando a quen tivo a dignidade de reclamar os seus dereitos, que un tribunal lle avaliou mediante unha sentencia que xa é firme.
En vez de dimitir, xa que non foi cesada, esta señora recorre agora a métodos que foron ben coñecidos noutros tempos. Os de de advertir a quen se atreve a erguer a voz con aquela frase que tivo tanto éxito: “No sabe usted con quien está hablando”. Claro que os tempos cambiaron, e a interpelada, Dolores Seco, non meteu o rabo entre as pernas senón que se apurou a dicirlle a interpelante que “non ten vergonza”. E se cadra é por esa beira por onde andan os tiros.

viernes, septiembre 04, 2009

Rouco co seu sobriño pola correa

Salientaba onte El Correo Gallego que “o bo labor de preparación do próximo Ano Santo deu lugar a especula-
cións en medios especiali-
zados sobre o futuro do prelado
–estaba a referirse a Xulián Barrio, arcebispo de Santiago–. Salientan a súa capacidade de diálogo e para xenerar consenso como méritos que se están valorando no Vaticano”. O xornal compostelán citaba, para estabrecer esta hipótese, informacións recentes da publicación electrónica Religión Digital e un artículo de José Manuel Vidal en El Mundo.
A realidade, porén, pode estar indo por camiños moi diferentes, segundo puiden saber de fontes sempre ben informadas. Na miña opinión, cando o actual Papa Benedito XVI chegue a Compostela, o 25 de xullo de 2010, de camiño a Madrid para asitir ás xornadas mundiais da mocedade, quen vai recibir a máxima autoridade da Igrexa católica non vai ser Xulián Barrio senón o agora bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, que daquela xa será arcebispo de Santiago. En realidade, será o actual cardeal-arcebispo de Madrid, Antonio Rouco Varela, tío carnal de Carrasco, o que reciba o Papa “co seu sobriño collido pola correa”, segundo expresión de alguén que sabe disto.
No Vaticano as cousas parece que están indo máis por este camiño que por onde indican as fontes citadas por El Correo Gallego que, porén, levan razón cando sosteñen que a sede católica de Santiago contará dentro de pouco con dignidade cardenalicia. Si, pero o novo cardeal será Carrasco Rouco e non Xulián Barrio. A ver quen aposta algo.

jueves, septiembre 03, 2009

Catalanofobia

Anda pola rede, e esta vez asegúrolles que non é spam, un caso que pon os pelos de punta. Segundo informaron varis axencias e publican hoxe Diario de Mallorca, El Mundo, Abc e algún outro xonal, Iván Cortés e Laura, a moza que o acompañaba, cando ían tomar en Palma de Mallorca un avión para Londres, foron supostamente agredidos por axentes da Garda Civil por terse dirixido a eles en idioma catalán.
Os feitos sucederon o 7 de agosto e aparecen descritos polos propios afectados na seguinte dirección electrónica: www.llibertat.cat/content/view/6316/29/ De teren ocorrido tal e como contan Iván e Laura, que presentaron denuncia deles, estariamos ante un alarmante suceso de extralimitación, abuso e catalanofobia practicado por axentes da autoridade do Estado español que terían desprezado e ata atropelado a lexislación vixente. Sería, logo, moi grave que o sucedido en Palma de Mallorca rematase sen ser investigado e legalmente caracterizado e tratado con todas as súas consecuencias.

miércoles, septiembre 02, 2009

Rectificación necesaria

A verdade é a verdade e hai que admitila e contala sempre. Todo parece indicar que fun obxecto dunha intoxicación fraudulenta que me fixo publicar, na entrada anterior, determinadas circunstancias dunha oferta de emprego supostamente levada a cabo pola Corporación Comercial Canadiana e que é falsa en varios dos seus aspectos e datos concretos. En realidade, só a precipitación podería explicar algo a comisión pola miña parte dunha frivolidade que quero ser o primeiro en rectificar pedindo sinceras desculpas a todos os que len estas columnas.
Cando me chegou ese correo electrónico, via Gmail, e antes de poñerme a redactar a información que resultou ser falsa, visitei a web da Corporación Comercial Canadiana, que ten a súa sede en Quebec, e non vin nada que desmentise o contido do email recibido. Aínda así, mandeille á citada entidade un correo pedindo que me confirmase ou desmentise o contido da comunicación, da que lles adxuntaba unha copia. Pasaron varias horas e non recibín ningunha contestación. De feito, aínda agora mesmo (pasadas as 23 horas do 02/09/2009) non me responderon nada. Foi daquela cando decidín publicala, levado sen dúbida por un desexo de actualidade que resultou absolutamente perverso, polo que volvo a pedir desculpas humildemente.
Horas despois, un lector sen dúbda máis avezado ca min, neste caso, colgou no meu blog un post advertindo sobre unha nota que apareceu na web da Corporación Comercial Canadiana dando conta da falsedade dalgúns datos comprendidos na oferta laboral anunciada. Abrín esa web e, efectivamente, esa nota estaba alí informando mesmo que eles non solicitan “fotocopia do pasaporte” nin piden “diñeiro para apoiar as candidaturas”. Dende logo, no comunicado que eu recibín e reproucín, que se pode ver pinchando a ilustración do post anterior a este, non se falaba para nada desas circunstancias, o que me fai pensar que esas peticións facíanse dende o correo eléctrico que anunciaban os fraudulentos como contacto. O tema é, dende logo, serio, e loxicamente a Corporación Comercial Canadiana xa abriu unha información para investigalo, e pide que calquera persoa que teña información que aportar sobre o que lle pasou contacte con eles entrando nas páxinas www.ca/fre/home.cfm (para os que utilicen o idioma francés) ou www.ca/eng/home.cfm (inglés).
En fin, que lle agradezo ao comunicante Pablo que me avisara do que sucedía e recoñézolle –a verdade debería seguir sendo revolucionaria– que, como el me di, os do spam metéronme un gol “por toda a escadra”. Oxalá podan desculparme os lectores e calquera outra persoa. Sorry!

En Galicia sube o paro, en Quebec piden traballadores

Hoxe mesmo, a directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo da Xunta, Ana María Díaz López, salientou que Galicia debe enforntarse a un “outono complexo”, tras analizar as cifras do paro do mes de agosto, que reflicten unha subida respecto a xullo dun 1,24 por cento, é dicir, 2.382 parados máis. En concreto, agosto pechou o desemprego con 195.241 desocupados.
Mentres que isto sucede, o Ministerio da Cidadanía e da Inmigración de Quebec e a Corporación Comercial Canadiana anuncian que están dispostos a recibir cadros e diplomados xoves procedentes de outros países. "Por ser escasa a man de obra en Canadá –din no comunicado que me enviaron tamén hoxe– abrimos o noso mercado cara o resto do mundo a fin de permitir aos diplomados de outros países que están sen emprego fixo que podan realizárense”.
Buscan personal experimentado en auditoría de empresas, control de xestión, peritación contable, xestión de recursos humáns, montaxe de proxectos de marketing, calefacción, fontanería, dereito dos negocios, comercio internacional, agrícola, agroindustria e transformación de alimentos, xestión de calidade, transportes e loxística, secretariado, operadores bancarios, finaciamento de proxectos, seguros, hostelaría, restauración, enxeñería, informática, servicio público, agronomía, relacións públicas e publicidade para traballar no novo inmoble que acaba de ser inaugurado en Quebec.
Deben ser persoas comprendidas entre os 25 e os 55 anos, de boa moralidade, que estean dispostas a viaxar, que podan certificar o dominio da informática, saiban falar e escribir en francés e, a ser posíbel, en inglés, e que posean polo menos o título de Bachellerato.
Os interesados deberán solicitar na dirección de correo electrónico secretariat.ccc01@gmail.com un formulario de inscripción para envíar logo o seu currriculum vitae, cunha carta explicado as súas motivacións e dúas fotos de identitade. Unha vez aceptada a candidatura e validada a súa admisión pola Dirección Xeral de Recursos Humans de Canadá, serán convidados a viaxar, regulamentar a súa visa e o resto de papeis de inmigración e seren hospedados con cargo á citada Dirección Xeral.

martes, septiembre 01, 2009

En Navia, igual quéimase todo

Abondou que La Voz de Galicia publicase un gran titular, a catro columnas, dicindo que “se fan o parque, igual quéimase todo” para que en Navia de Suarna empezase a arder o monte 24 horas máis tarde. Esta vez o xornal de Santigo Rey foi polo menos premonitorio. Na edición do luns, asinada por J. Casanova, apareceu unha información na que se dicía o seguinte: “La frase del titular no es una expresión aislada. Es más bien una amenaza nada sutil que surge en cuanto se escarba un poco en las opiniones de los vecinos, de los más locuaces al menos. En cualquier caso, es una frase coherente con lo que cualquier visitante puede apreciar en una excursión por la zona, trufada de pintadas y pancartas contra el parque”.
O xornalista puxo a citada ameaza na boca dun anónimo que non é profesional do campo e que ten 45 anos, que se pronunciou da seguinte maneira: “O que é moi triste é que non poidas coller unha presa de leña ao lado da túa casa e que teñan que vir marcarte (sic) as árbores. ¿Onde se viu iso? Igual quéimase todo”.
Non serei eu quen faga agora a relación causa-efecto entre o que apareceu publicado en La Voz de Galicia e as actividades que prenderon o lume de Navia de Suarna, pero non vou ocultar que me sorprende que nun xornal tan aparentemente serio se dea pábulo de forma anónima a unha ameaza tan preocupante como é a de queimar o monte, sexa polo que sexa, que xa sei que nos Ancares hai quen anda adoecido polo proxecto de declarar oficialmente parque natural esta interesantísima zona de Galicia.
Xa teñen Feijóo e o seu conselleiro do ramo algo no que lucirse. Investigar ata o fondo de todas as consecuencias que pasou en Navia de Suarna. De non facelo, sentariase un mal precedente e, se cadra, a partir de agora, os que non lles gusta como vai a res publica volverían a botar man da caixa de mistos.