miércoles, diciembre 30, 2009

Tres eran tres

Xa está! O goberno de Núñez Feijóo destapou a súa posición non a respecto dun só idioma senón de tres: galego, castelán e inglés. Tres eran tres las hijas de Elena, eran tres pero ninguna era buena. Agora falta saber como van responder a oposición e a opinión pública. O que vai dicir a opinión publicada é doado prevela.
Nunca houbo un goberno que se preocupase tanto pola opinión dos pais dos alumnos, que agora van ter que decidir por tercios en que idioma han ser escolarizados os seus fillos. A dereita galega acaba de introducir no ensino unha especie de asamblearismo paternal correxido que non ten nada de libertario e moito de preocupante desconcerto que, de ser definitvamente posto en marcha, pode acabar convertendo as aulas galegas nalgunha torre de babel con percorrido incógnito.
Partindo da realidade lingüística da que se arrinca, dedicar a partes iguais os medios orzamentarios e docentes a ensinar en galego, castelán e inglés pode parecerse máis á chegada dos romanos co seu latín que a unha solución acorde co que aínda somos e non sei se seremos dentro de medio século se a arremetida gobernamental contra o galego, botada a andar polo político dos Peares, remata impoñéndose. Alea iacta est.

Xuíces que constrúen ilegalmente

Unha piscina de 12 metros, un campo de fútbol, dúas casetas prefabricadas e chantadas sobre solo de formigón e equipadas con aseos, mesa de ping-pong, mesa de comedor, neveira e televisión (ver El País). E todo isto construído ilegalmente no concello coruñés de Paderne nada menos que polo xuíz decano de A Coruña, Antonio Fraga Mandián, e polo seu irmán Xavier, titular do Xulgado do Social número 4 da cidade da torre patrimonio da humanidade.
Segundo determinou a Axencia de Protección da Lagalidade Urbanística da Xunta de Galicia, mediante un expediente que foi resolvido o 18 de decembro, deben ser demolidas todas as infraestrturas construídas nesa finca, que é propiedade da nai dos dous xuíces que mandaron facer as obras, María Isabel Mandián Maceiras, sen permiso urbanístico da Xunta e sen licencia municipal.
A superficie afectada está no lugar de Tarreos, sometida á clasificación de chan non urbanizábel, debido a que se trata dunha finca rústica de especial protección das augas e declarada, ademais, como “sistema xeral de espacio libre de titularidade pública”. Por non respectar, a construcción non residencial dos Mandián nin respectou a obrigación de dispor de 5.000 metros cadrados de superficie, xa que a finca són ten 1.799. Trátase, polo tanto, de obras non legalizábeis que comprenderon a instalación dunha piscina, un pozo de auga artesán, unha fosa séptica e tres casetas prebaricadas de madeira e formigón. Os responsábeis da obra xa foran expedientados antes por levar a cabo traballos sen autorización e por desviaren o cauce do regato das Fragas.
En Sicilia as obras ilegais acométenas, sobre todo, os emerxentes da mafia. Aquí, polo que se ve, ademais dos emerxentes de calquera clase, tamén as fan algúns xuíces. Non parece precisamente un bo exemplo. Que farán estes dous representantes da Xustiza española cando lles toque resolver casos de ilegalidade urbanística? Botarán man da súa “xurisprudencia” familiar?

martes, diciembre 29, 2009

Tontos úteis ou discípulos de Friedman?

Eu son dos que pensamos que a nosa vida non vai cambiar nada porque se casen ou sigan vivindo arrexuntados Xosé Luís Méndez e Xulio Fernández Gayoso, é dicir, Caixagalicia e Caixanova. Tanto me dá que me dá igual, escriba o que escriba Antón Reixa, empresario audiovisual forzado polas circunstancias. Digan o que digan os mártires fundadores de Galicia, que agora tamén andan no PP e que parecen, entre todos, os sete santos fundadores de Irlanda, esta terra vai seguir sendo esta terra con fusión ou sen ela e mesmo con fisión ou sen fisión.
Porén, non entendo cara onde están a circular os actuais apóstolos do PSdeG-PSOE. Que Ricardo Varela saia agora falando de “tontos úteis” ou que Leiceaga, ese santo fundador de Irlanda, algo así como un Saint-Corentin de Compostela, nos veña falando ultimamente do perigo da intervención do “estado” galego, ou sexa a Xunta, no único no que aínda quedaba algo de público na actividade bancaria da nosa terra, paréceme polo menos cinismo político recalcitrante. Para unha vez que a nosa dereita de sempre, que é dereita pero é a nosa (xa saben aquilo de Flanklin D. Roosenvelt sobre o dictador Taccho Somoza), parecía apostar por algo público, ben puideron seren polo menos máis discretos. Ou volveu o PSOE a inciar outros cen anos de vacacións?
O de que Varela lle chame fatos e, ademais, úteis aos seus contrincantes políticos podía pasar como simple ocorrencia de taberna política, pero que o seu partido se empeñe en estigmatizar o intervencionismo público como Franco tentaba colgar dun pao os comunistas antóxaseme que xa é máis grave. Sobre todo, tratándose dunha tendencia política que se inclina pola intervención cando lle convén. Ou é que se volveron os socialistas galegos un fato de discípulos Milton Friedman?

jueves, diciembre 24, 2009

Outro ano en arrandeo


“Outro ano en arrandeo, e detrás nosa,
os nosos pasos de onte xa sin voz.
E os nosos xeitos, xa con non sei que
de doce señardá de cousas orfas”.

Sírvanme estes versos de Aquilino Iglesia Alvariño para dirixirme a todas as persoas que coñecín, coñezo ou poda coñecer no futuro en días de tanta tradición como os que estamos a vivir. Especialmente, aos “croquianos”, pero tamén a todos os demais, sexan tirios ou troianos. E de maneira especial, tamén, a eses dous xornalistas da Cadena Ser, Daniel Anido e Rodolfo Irago, que un xuíz desxuiciado quere mandar á cadea por teren contado a verdade.
Para o xuíz, Ricardo Rodríguez Fernández, só lle desexo que os Reis Magos lle traian unha boa tonelada de tizóns. Por ver se lle alumean o espírito, que boa falta lle fai.

A Aircomet(ida) de Díaz Ferrán


Viaxei unha vez nun avión da compañía agora arruinada Air Comet, da que é propietario o presidente da Confederación Española de Empresarios (CEOE), Xerardo Díaz Ferrán. Foi unha viaxe a Buenos Aires, no mes de novembro do 2008. Tanto no percorrido de ida como no de volta, chamaba a atención o mal estado dos avións. Agás dos mecanismos de navegación, que eles como é lóxico funcionaron, senón non estaría eu contando isto, nos aparatos de Air Comet pouco era o que cumpría a función para a que fora instalado. Empezaban o voo cobrando por ver a película e remataban tendo que devolver os cartos porque o sistema de a bordo non era quen de facer chegar a imaxe ás pantallas dos pasaxeiros, entre outras cousas porque moitas delas estaban escachadas co evidente perigo de que alguén se cortase se inadvertidamente pasaba a man polas estelas que seguían enganchadas nos resplados dos asientos ou se, por un accidente, se vise proxectado contra elas. Dende logo, eu teño motivos para comprender a frase que acaba de pronunciar o propio Díaz Ferrán: "Yo no hubiese elegido Air Comet para volar a ningún sitio" (Ver La Voz de Galicia). Manda carallo na Habana a propaganda que fan de si mesmos algúns empresarios que logo lle pasan as súas deudas ao Estado!
Daquela, a prensa de Buenos Aires falaba diariamente da crise pola que atravesaba outra compañía aérea, Aerolíneas Argentinas, que tamén era propiedade do dono de Air Comet. O goberno arxentino estaba a piques de embargarlla a Diaz Ferrán por importe de un único dólar, debido a que non fixo fronte aos compromisos adquiridos cando a comprou, e, de feito, o embargo rematou levándose a cabo. Díaz Ferrán recibira unha axuda pública por importe de 955 millóns de euros que non destinou á compra de avións, ampliación de capital e pago de deuda aos que se comprometera para lograr esa axuda, segundo logo salientou o Tribunal de Cuentas do Estado no ano 2006.
Cajamadrid, entidade da que era conselleiro o dono de Air Comet, concedeulle un crédito de 26,5 millóns de euros que nunca pagou e, por riba de irrespectar as incompatibilidades que lle podería marcar o seu cargo na entidade de aforro, Díaz Ferrán presentou como garantía dese crédito accións da súa empresa Viaxes Marsáns que xa foran pignoradas anteriormente por Banesto, algo que logo lle fixo laiarse ao presidente de Cajamadrid, Miguel Blesa, de que Díaz Ferrán se burlou deles con este comportamento.
Mentres tanto, Díaz Ferrán puxo á venda outra empresa da súa propiedade, Trapsa, concesionaria do transporte público madrileño, só mes e medio despois de que Esperanza Aguirre lle prorrogase por 15 meses as concesións mediante unha medida que revalorizou inmediatamente os seus activos.
Porén, o que quizais resulta máis chamativo deste alto representante da patronal española é a súa pertinaz morosidade demostrada coa Seguridade Social, á que lle adeuda dende 1996 –unha data na que non había crise económica– o pagamento de cuotas que sobrepasan agora os 16 millóns de euros. Air Comet, nacida das cinzas do grupo Oasis, a finais de 1997, acumula perdas que sobrepasan os 100 millóns de euros, das que máis de sete millóns corresponden a deudas contraídas cos seus traballadores. Outra empresa do seu grupo, Newco, tamén lle debe catro millóns de euros á Seguridade Social.
O cuiroso do caso é que Díaz Ferrán, na súa condición de representante da patronal española, sempre foi un acérrimo defensor de que o Estado debería rebaixar as cuotas da Seguridade Social. “Pero se ti non as pagas”, viuse obrigado a dicirlle alguén nunha desas constantes diatribas súas.
Mercurio, a aseguradora coa que traballaba a compañía aérea, tiña pendiente de recibir garantías por valor de 18 millóns de euros que lle permitisen pagar as indemnizacións comprometidas pola empresa de Diáz Ferrán e do seu socio Gonzalo Pascual, que tamén é vicepresidente da CEOE.
A última é que un xuíz de Londres mandou embargar o aluguer dos avións que utilizaba Air Comet porque Díaz Ferrán e Pascual tampouco lle pagaban a quen llos alugaba, co resultado xa coñecido de que o Ministerio de Fomento tivo que facerse cargo dos transportes aéreos comprometidos a egora incumpridos polo presidente da CEOE. Arnold Leonora, o inversor holandés que parecía estar disposto a comprar a compañía, botouse atrás ao coñecer o embargo.
Como ben dixo o ministro de Fomento, ao ter que facerse cargo da situación, “unha vez máis o sector público, tantas veces denostado, está tendo que facerlle fronte a un problema xenerado pola cuestión privada” (ver El País). E, a todo isto, nin Díaz Ferrán dimite nin a CEOE o manda a cazar cocerellos. Con empresarios así, non era preciso que chegase a crise. Maiormente, era inevitábel.

sábado, diciembre 19, 2009

O Museo Hiperactivo de Pérez Varela

O outro día diciamos que está a producirse o retorno de Pérez Varela aos corredores do poder político e pregunta-
babamonos onde rematarán sendo acollidos os seus servizos. Un lector con moita retranca lémbranos agora que poden ir destinados a rematar o deseño e a por en marcha definitiva o “Museo Hiperactivo” que anunciou cando era conselleiro de Cultura e andaba construíndo as pirámides de Cheops, Chefrén e Micerinos, xunto coa Gran Esfinxe, no monte Gaiás.
Que non o creen? Pois preman aquí e escoitarán o que dixo daquela.

martes, diciembre 15, 2009

Onde iremos parar se se acaba Valderrama

Xornal de Galicia, o periódico quintanista do empresario Xacinto Rei, só pode presumir ata agora de publicar un scoop, a polémica derivada da casa de Castelao en Rianxo, e parece estar disposto a elevar ese tema á enémisma potencia. Comenzou a súa andaina, hai un ano, dándolle comba ao bipartito que presidía Touriño para que a Xunta declarase ese inmoble como ben de interese cultural e agora, por fin, está a darlles cancha aos que non pensan como pensaba Ánxela Bugallo ou como seguen pensando Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo, e Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao.
As últimas aportacións son candansúa entrevista co historiador Xosé Antonio Durán e con Xosé Ramón Baltar, irmán de Xavier Baltar, actual propietario da casa en cuestión despois de herdala por vontade testamentariamente expresada pola derradeira propietaria da familia Castelao, Teresa Castelao, irmá do autor de Sempre en Galiza.
Dame a impresión de que Durán acaba de destapar a caixa dos tronos que tamén contribuiu a desaferrolar Xoán Ramón Baltar. “Se Daniel chega a levantar a cabeza, a bronca sería para escoitar”, díxolle Durán a Xabier R. Blanco nunha manifestación na que probabelmente o único que se pode discutir é o verbo que utilizaría Castelao para erguer a cabeza. Todo o demais, é dicir, o esencial, parece fóra de dúbidas.
Resulta curiosa esta polémica. Por un lado, a actitude protagónica dun personaxe tan curioso coma Pousa Antelo, ao que algúns xa lle chaman “o viúvo de Castelao”, que agora parece ter estado en todas a batallas habidas e por haber contra o franquismo, sen ter participado en ningunha, ou Alfonso Paz Andrade, fillo do único galeguista que Castelao apartou do se lado, e, por outro, Xavier Baltar e a súa familia, que eles si que parecen saber do que falan cando falan de Castelao (e polo medio un alcalde socialista que seguramente intenta pillar tallada do que, antes de ser alcalde de Rianxo, lle resultaba indiferente).
Debe ser porque estamos no que estamos, e non en Bretaña nin na Toscana nin sequera na provincia arxentina de Salta, onde polo menos se poñen de acordo para seguir preguntándose onde iremos parar se se acaba Valderrama.

O retorno de Pérez Varela

“Yo adivino el parpadeo / de las luces que a lo lejos / van marcando mi retorno”. Non son Carlos Gardel nin Andrés Calamaro nin Buika os que cantan este tango pisando o bosco de pedra de Compostela. É Xesús Pérez Varela cando cruza decote a praza do Obradoiro camiño dalgún despacho da Xunta no que está a producirse a súa rentrée levado da man por Núñez Feijóo.
“Y aunque no quise el regreso, / siempre se vuelve al primer amor… bajo el burlon mirar de las estrellas /que con indiferencia hoy me ven volver”. De seren así as cousas, o ex conselleiro de Cultura de Fraga Iribarne debe andar coa “alma aferrada a un dulce recuerdo” e, seguramente, téndolle medo ao encontro que volve a enfrontarse coa vida. “Pero el viajero que huye / tarde o temprano detiene su andar / Y aunque el olvido que todo destruye / haya matado mi vieja ilusión /guardo escondido una esperanza humilde / que es toda la fortuna de mi corazón”.
O que falta por saber é a onde está volvendo Pérez Varela. Será outra vez ao Xacobeo para contratar a Carmiña Burana? Porque xa hai quen di que ten mesa no pazo de Raxoi.

lunes, diciembre 14, 2009

Il Quarto Stato de Aminetu Haidar


Non sei quen lle regalaría a Aminetu Haidar a peza de Sargadelos que aparece na foto de France Presse que publicou onte El País. Fose quen fose, acertou porque hai na loitadora saharauí unha certa luz do famoso cadro que pintou o italiano Giuseppe Pelliza da Volpedo para ensalzar o proletariado que empezaba a xurdir en plena revolución industrial de finais do século XIX, partindo do éxodo do campesiñado ás cidades.
Il Quarto Stato, título da obra pictórica citada, inspiroulle a Bernardo Bertolucci a famosa secuencia da súa película Novecento que deu a volta ao mundo e que rematou sendo, convertida en foto fixa, unha das iconas do inconformismo internacional da miña xeneración. Para facer aquela gran película, en realidade, Bertolucci utilizou un guión moi simple. En 1900, nunha finca do norte de Italia, nacen no mesmo día o fillo dun terratenente e o dun xornaleiro. A película vai seguindo as súas vidas e as das súas familias, especialmente no que se relaciona coas súas actitudes fronte ao fascimso. O burgués colabora pasivamente con ese movemento político e o traballador convértese nun partisano que loita contra o fascismo.
Cando Sargadelos aínda era unha potente empresa cultural galega, que dirixía Isaac Díaz Pardo, dos fornos de Cervo saíu a figura que agora acompaña a Aminetu Haidar na folga de fame na que hoxe cumpre 29 días. Precisamente no día en que o ministro español de exteriores, Miguel Ángel Moratinos, viaxa a Washington para reunirse con Hillary Clinton e pedrille que incremente a presión sobre Marrocos con vistas a resolver o problema que planteza Haidar coa sua folga de fame.

sábado, diciembre 05, 2009

O Pelourinho de Feijóo

Contan crónicas de ultramar que Núñez Feijóo andou deixándose engaiolar pola beleza do Pelouriño, o vello casco histórico de Sao Salvador da Bahía. Na súa recentísima visita á cidade na que viviu, escribiu e morreu Jorge Amado, o presidente da Xunta manifestou a súa intención de alugar alí unha vivenda na que pasar algunhas tempadas da súa vida, lonxe da política.
Falta por saber se esta intención do político dos Peares é para ser acometida mentres teña ao seu cargo gobernar Galicia ou para cando deixe de ser o inquilino de Monte Pío. En calquera caso, hai que recoñecerlle que non ten mal gusto nin se limita a viaxar oficialmente sen decatarse dos lugares polos que vai pasando. Neste aspecto, quizais é o primeiro presidente da Xunta que non vai só de visitante senón que tamén acode de viaxeiro. Se mo permitise, agora que debe andar por Buenos Aires, aconsellaríalle que non volva sen probar a pizza de Banchero, no 1300 da avenida Corrientes ou en Suárez 396 con Brow de La Boca, que non só de carne ten que vivir un na capital arxentina. Se, ademais, logo de beber un bo viño de Medoza coa pizza, pode facer un pouco o pasmón polas librerías que hai por ali abertas ata as tantas da madrugada, o máis probabel é que tamén queira alugar un piso na cidade de Borges.
Claro que así fai quen pode e non quen quere. Eu, que lles son moi viaxado, sempre tiven tamén eses arroutos de quedarme a vivir algún tempo onde me gustaba o sitio. A última vez pasoume en Bretaña, antes nas illas Lipari e en Sicilia ou na illa grega de Itaca, pero tamén en aldeas perdidas dos Andes, por San Cristóbal de las Casas e por Xalapa (México), en Salta (Arxentina), no val do Maipo ou en Valparaíso (Chile), na Habana, en Nova Iork… En moitos sitios.
Pero eu teño unha vantaxe con respecto a Feijóo. A de que, como non me toque o gordo, nunca poderei alugar por moito tempo unha casa nos sitios que me gustan. E menos aínda, comprala. Para cumprir caprichos hai que ser presidente da Xunta, dirixir unha caixa de aforros ou un banco, ou vender camisetas en todo o mundo. Se cadra agora xa non abonda con ser construtor.

jueves, diciembre 03, 2009

Galego porque si

Parece que se volve a plantexar a verdadeira realidade lingüística de Galicia en termos de pura estatística. Falamos agora máis o galego que hai vinte, trinta ou corenta anos? Menos? Igual? Falámolo –es escribímolo– mellor, igual ou pior?, habería que preguntar e responder tamén.
Polo visto, hai respostas para case todo. Aí están Alonso Montero, Mauro Fernández, Henrique Monteagudo e moitos máis especialistas dicindo cada un o que lles dicta a súa sabedoría, que non é sempre a mesma nin se manifesta do mesmo xeito. Repetíase antes que a Santa Madre Igrexa acostuma ter os seus mestres, e quizais habería que coidar agora que, felizmente, o idioma galego ten os seus sumos sacerdotes tamén.
Cuestión distinta é a de saber quen leva máis a razón. Evidentemente, publícanse moitísimos libros en galego, case nada nos xornais; temos unha televisión e unha radio públicas que se expresan, mellor ou pior, no noso idioma; a maior parte dos políticos falan no Parlamento un idioma que esquencen na cafetería de en frente, cando non o apedran xa antes de saíren do Parlamento ou da Xunta; moitos profesores –non todos nin moito menos– esfórzanse porque as mil primaveras de Cunqueiro sexan polo menos medio cento; mesmo hai algún xornalista que tenta seguir a pegadas de Castelao… O galego non vive nun mundo oficial feliz, pero vai tirando como pode.
Pero que pasa na rúa? Din as enquisas que máis da metade dos votantes do PP –non digamos xa os do Bloque– maniféstanse falantes do galego. Pero logo vai un á voda da filla dun deses militantes ou ao enterro da súa ávoa, e ali só hai un idioma oficial, que é o castelán. Párao a un a Garda Civil por exceso de velocidade ou polo que sexa, e o do tricornio nunca ten a ocorrencia de multalo en galego. Vai un ao notario, ao médico, ao seu banco, ao Corte Inglés, chama por teléfono a Fenosa ou a Telefónica e menos mal se lles responden en castelán de Castela porque o máis frecuente é que lle falen en “porteño”, e preocúpese vostede de conxugar o verbo coller con cuidado. Case todo menos en galego.
Xa non digamos se vai de compras ao quiosco. Como non se conforme con ler a Nosa Terra ou unha mínima parte das follas do Xornal, non atopará nada que se pareza verdadeiramente a un periódico galego. Equivale todo isto a un panorama positivo? Pois se cadra si. Ou se cadra non. Ou quizais o problema do galego é que cada vez máis é unha cuestión de galeguistas, de filólogos e de expertos nunha materia que debería ser de todos e que, cada vez se vai reducindo máis aos obradoiros e laboratorios dos que cobran por ocuparse da lingua. Non estará pasando que aquilo que dicía Celso Emilio Ferreiro sobre lingua proletaria do meu pobo,/ eu fáloa porque si, porque me gosta,/ porque me peta e quero e dame a gaña xa estea empezando a ser un verso tan vello comas cantigas de escarnio e maldiçer?

miércoles, diciembre 02, 2009

Estalles ben

Sigo sostendo que a manoseada fusión das caixas de aforro é algo que só ten verdadeira importancia para os que agarran a tixola polo mango e o mango tamén, como dicía Moncho Alpuente nas súa famosa Catañuela 70. Aínda así, estou empezando a decatarme de que por fin hai un presidente na Xunta que, polo menos neste caso, errado ou sen ferrar, xa me entenden, está metendo as mans no lume.
Non me estraña, polo tanto, que agora mesmo o seu mellor aliado estea sendo o BNG e non o esvaradizo PSOE que, por non saber, non se sabe se anda por Vigo, A Coruña ou Coirós de Enriba nesta materia. Feijóo ten un plan e parece estar disposto a acometelo por riba do que pensen Méndez na Coruña e Gayoso en Vigo ou Xosé Blanco (e mesmo Rajoy) en Madrid. Por primeira vez, parece haber un executivo galego disposto a romper ou que lle rompan a cara nun tema que considera de importancia vital para o futuro de Galicia.
O que dá mágoa é ver que o que non se está tratando é de reformular o papel das caixas dentro dunha economía galega cada vez máis dependente e fráxil no mundo no que vivimos. É unha asignatura que non souberon ou non quixeron aprobar os do bipartito, e que agora lles toca secundar nunha realidade política protagonizada pola dereita. Se eu fose Touriño ou Quintana, agora estariame caendo a cara de vergonza e o que non me atrevería é a saír á palestra dicindo como hai que facer o que eles non fixeron. Estalles ben.

O caso de Diego

Estremece ler o que publica hoxe El Mundo sobre o caso de Diego Pastrana, o albanel que foi acusado falsamente en Tenerife de ter violado e golpeado a filla da súa compañeira. Dá medo pensar en como poden funcionar ás veces determinados poderes da sociedade actual (Policía, Xustiza, Sanidade, etc.) con absoluto desprezo da presunción de inocencia e ignorancia total dos dereitos individuais. E tamén asusta terribelmente comprobar como están funcionando algúns medios de comunicación respecto a estes temas.
Segundo denuncia Plácido Alonso Peña, avogado de Diego Pastrana, axentes da Guardia Civil de Playa de las Américas levaron a cabo “un macabro exercizo de tortura piscolóxica” co seu cliente. Logo de telo a pan e auga durante cinco días nun calabozo de catro metros cadrados, obrigárono a ver as fotos da autopsia da nena falecida por causas que non teñen nada que ver coa súa actuación, segundo demostrou a autopsia. Mentres que o forzaban a mirar gritáronlle: “Olla, olla, cabrón! ¡Olla o que fixeche coa nena”. ¡Vas papar 40 anos por cabrón!”.
E o malo de todo, como dí a avogado: Que pasaría se a nena non morrese? Que pasaría se só existise aquel informe de Urxencias demoledor? Onde estaría Diego daquela? E, sobre todo, con que ollos mirariamos para el?