sábado, febrero 13, 2010

Bierzo




Pasei boa parte da semana que termina redescu-
brindo o Bierzo, que xa tiña algo esquen-
cido. Dende o Palomar de de Doña María Sánchez de Ulloa, do Palacio de Canedo, especie de loucura entre industrial e poética do emprendedor José Luis Prada (Prada a Tope), partía cada mañá cara a Tebaida berciana como quen vai buscando o que só se atopa no pasado e na natureza. Empecei polas Médulas, marabillosa pegada do entusiasmo aurífero dos romanos, e rematei na Cruz de Ferro, ás portas da Maragatería, morto de frío e sen saber se sentirme máis un peregrino que camiñaba cara a Compostela ou un segador que marchaba aos trigais de Castela.


Se non fose porque os días son curtos, a luz escasa e a paisaxe está desprovista da vizosidade de outras épocas do ano, agora sería o momento ideal para viaxar. Aqueles lugares que, dentro de pouco e non digamos xa no verán, van estar cheos de moitudumes e de fragor turístico, ofrécense solitarios, excelentes. Era o caso das Médulas, onde Cristina e máis eu fomos os únicos visitantes durante case toda unha mañá. Este lugar é dos que se pode dicir del, sen medo a caer na cursilada, que é algo máxico.
Contemplando as figuras que foi modelando o paso do tempo, sobre a case ciclópea actuacion dos romanos extraendo ouro das entrañas da terra, un non sabe se está vendo desfilar un rebaño de elefantes de pel avermellada, unha bandada inmensa de cegoñas ou un parque de trebellos inventados por algunha fanstasmagoría indescifrábel. O único seguro, dende o mirador de Orellán, é unha canteira actual e inmensamente menos digna de mirar para ela que hai preto do lugar histórico.
Dende alí enriba, observando o belísimo espectáculo que ofrecen as Médulas, é doado que xurda a pregunta de que vai quedar, dentro de varios séculos, das agresións que sofre a natureza nos tempos actuais (As Pontes ou Meirama, por exemplo). Seguramente non vai ser nada parecido ao que nos deixaron os romanos nas Médulas.
No mesmo día, pola tarde, fun a Peñalba de Santiago, lugar dunha beleza extraordinaria, magníficamente conservado agora, despois de moito tempo de abandono e decadencia. Está no corazón espiritual do Bierzo, entre as alturas dos montes Aquilianos. Foi un centro de recollemento para monxes que, guiados por San Genadio, chegaron buscando a soidade a fianais do século IX. Unha colonia eremítica que adquiriu unha sona de santidade que traspasou montañas ata extenderse polo mundo. Chegar aló enriba non é doado. Dende Ponferrada, unha seerpeteante estrada de montaña mete medo nalgún dos seus tramos e atravesa un val de espléndida beleza. Porén, a viaxe paga moito a pena aínda que só fose por ver o que queda da igrexa. Na aldea hai algunhas casas de turismo rural que poden ser aposento ideal para quen busque apartarse do mundanal ruído.
Ao día seguinte fun a Compludo. Visitara este lugar hai máis de vinte anos e case todo segue igual, agás os arranxos que houbo na estrada de acceso e no tellado da igrexa local. Incluída a espléndida ferrería. Este lugar foi berce do ascetismo inspirado por San Frutuoso, que rematou sendo bispo de Dumio e metropolitano de Braga (Portugal). En Compludo fundou un cenobio no remoto ano 614. Hoxe é unha aldea tranquila, con varias casas de turismo rural, unha interesante igrexa e todo o encanto que lle dá a natureza aínda en estado puro.
Xa dende alí subín ao Acebro e a Foncebadón. Pareime de vagar na Cruz de Ferro, ese lugar no que os peregrinos e os segadores que se dirixían a Castela foron deixando unha montaña de pedras de todos os tamaños (milladoiro) que segue tendo vida propia. Tamén no cercano Manjarín, unha aldea abandonada na que impresiona visitar o seu solitario, pequenísimo e abandonado cemiterio que presenta unha extraordinaria beleza natural.
Tamén estiven no mosteiro de Carracedo, preto de Cacabelos, onde a Junta de Castela-León levou a cabo un bo labor de conservación e rehabilitación, e, como non? na sempre interesantísima Vilafranca, que tanto tén de galega e de peregrina. Aquí perdinme pola rúa da Auga e observei como traballa o escultor Arturo Nogueira, que vai espoñer dentro de pouco en Cambados, e lembreime da miña vella amiga Consuelo Álvarez de Toledo paseando por diante do espléndido pazo da súa familia. Para min, todo isto foi unha recuperación impagábel da Tebaida berciana. Ademais, aproveitei a viaxe para gozar dos seus boísimos viños, do magnífico botelo e dos exquisitos pementos. Gustei moito, por exemplo, do viño ecolóxico que está a facer Prada, das súas castañas en almíbar e ata do seu célebre biermut. Quedáronme gañas de volver por alí. Entre outras cousas, porque desta volta non me deu tempo a achegarme aos montes de Valdueza para ver o mosteiro de Montes.

5 comentarios:

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Foi vostede á terra onde nacín. Que sorte!

Perfecto Conde dijo...

Arume:
Eu xa lle tiña algo de envexa –e moita admiración- antes. Agora comprendo definitivamentye por que. O Bierzo é unha terra excelente.

arume dos piñeiros dijo...

Teño para min, e non é porque eu nacera aí, que tanto me ten xa que foi casualidade histórica, que é unha das comarcas ou terras máis fermosas da península, a piques de ser a Toscana (sobre todo nesa parte na que se atopa o Prada). É certo que Ponferrada non é unha vila fermosa (cousa que lle imos deixar a Vilafranca, aínda que o labor de adecentamento merece aplauso) pero aquela paisaxe de choupos na beira dos ríos, as sucesivas vales que van á cordilleira aquilana, as veigas fértiles de froitas, os abraiantes panoramas dos montes do norte co nacemento do Sil xa perto de Babia, os miles de ríos e regatos, que baixan de todas as montañas que a circundan, onde aínda un se pode bañar, son pequenas marabillas por descubrir. Se ademais se come de todo, como corresponde a un cruce de camiños, e de todo excelentemente (para os amantes dos embutidos, un pequeno paraíso), pois haberá poucos sitios tan extraordinarios.
Que conste que non teño familia alí. Só lembranzas imborrables.

Nota: a riqueza en minerais tamén conta no inventario de fertilidade. Ferro, carbón, ouro, wolframio foron explotados ata a saciedade durante séculos. Tamén se nota. Para ben e para mal.

Anónimo dijo...

Xa me parfecía a mín que Don Perfeuto estaba moi calado. E xa o estou vendoo dándolle a manduca no Bierzo.
Don Perfeuto, xa que no Bierzo tamén se pode leer a prensa. ¿Qué lle parece o do Juan Carlos chamando ós sindicatos?. O Borbón, borboneando, como lle escoitei decir a Maria Antonia Iglesias.

Anónimo dijo...

Malditos xubilados de Nazón!